Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

O baixo peso e o nacemento prematuro poden predispoñer ao TDAH
Noutra entrada anterior na que comentabamos a relación de determinados factores ambientais co risco de desenvolver TDAH, temos falado do estudio de Aarhus, un traballo no que se seguiu a miles de nenos e nenas nacidos nesa localidade danesa

Nesta entrada comentaremos os resultados atopados polos investigadores sobre a relación entre o baixo peso ao e a prematuridade nacer e o risco de desenvolver TDAH.

Segundo os resultados do estudio, os nenos e nenas nacidos antes das 34 semanas de xestación presentan tres veces máis posibilidades de ter TDAH que os/as nacidos/as a termo. Así mesmo, os nacidos entre a semana 34 e a 36 teñen un 80% máis de posibilidades de teren TDAH.

Por outra banda, entre os nacidos a termo, o baixo peso tamén resultou ser un factor de risco para o TDAH: Os nacidos con menos de 2.500 gramos (de 1.500 a 2.499) presentaron o dobre de risco que os nacidos con máis de 3.000 gramos ao nacer, mentres que para os nacidos con un peso entre 2.500 gramos e 3.000 o incremento do risco foi dun 70%.

A vía pola que estes factores afectan aos nenos e nenas non está aínda clarexada. Unha posibilidade é a falta de osíxeno dane o complexo estriado dos ganglios basais (unha rexión cerebral implicada no desenvolvemento do TDAH) e se incrementen o número de receptores dopaminérxicos nas neuronas desa zona.

Numerosos estudios se tiñan dirixido previamente a examinar a relación entre o TDAH e a prematuridade/baixo peso, mais xeralmente os nenos e nenas estudados eran de moi baixo peso (<1.500grs.) así como de menos de 34 semanas de xestación. Sen embargo o estudio de Aarhus veu engadir evidencia de que en condicións consideradas como menos desfavorables, persiste –aínda que en menor medida- un incremento do risco de presentar TDAH.

Recentemente, outro estudio en Holanda vén de confirmar resultados semellantes: Nun estudio levado a cabo con 377 nenos e nenas que non presentaron ao nacer problemas que requirisen coidados intensivos e tiñan unha idade xestacional media de 34,7 semanas, foron avaliados cando tiñan oito anos e foron comparados con outros 182 nenos da mesma idade nacidos a termo. Entre outros aspectos estudados (especialmente dificultades escolares) tamén apareceron un número maior de problemas relacionados co TDAH (de modo especial, os relacionados co déficit atencional) no grupo de nenos e nenas prematuros.

Os artigos comentados son:

Linnet, K.M., Wisborg, K., Agerbo, E., Secher, N.J., Thomsen, P.H. e Henriksen, T.B. (2006). Gestational age, birthweight and the risk of hyperkinetic disorder. Archives of Disease in Childhood, 91(8):655-660

van Baar, A.L., Vermaas, J., Knots, E., de Kleine, M.J.K. e Soons, P.(2009) Functioning at School Age of Moderately Preterm Children Born at 32 to 36 Weeks' Gestational Age. Pediatrics, 124: 251-257
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-07-2009 23:27
# Ligazón permanente a este artigo
A inatención dos nenos pequenos é un preditor de malos resultados académicos na Secundaria
Nun post sobre o Experimento Marshmallow comentabamos a influencia do autocontrol dos nenos pequenos tiña a longo prazo sobre rendemento escolar.

Recentemente vén de publicarse un estudio no que se aborda o efecto que os síntomas de inatención observados en nenos e nenas de Educación Infantil teñen sobre o rendemento escolar moitos anos despois: cando están a rematar a Educación Secundaria.

O mesmo publicouse na revista Pediatrics e os seus autores son Joshua Breslau, profesor da Universidade de California en Davis, e os seus colaboradores. Leva por título: “The Impact of Childhood Behavior Problems on Academic Achievement in High School”(O impacto dos problemas condutuais infantís no rendemento académico na Secundaria).

Para o mesmo empregáronse datos recollidos inicialmente pola nai Breslau, Naomi Breslau, que hai décadas era investigadora en Detroit. Naquel entón recolléranse os datos de un milleiro de nenos e nenas e –finalmente- avaliárase a 823, aos que se lle fixeron probas sobre o seu CI, datos familiares, sociais, etc. e tamén se valorou a presenza de síntomas de diferentes trastornos condutuais, entre eles, os de inatención.

Dita avaliación fixérase cando estes pequenos estaban a cursar o último ano de kindergarten (Educación Infantil) e, once anos despois, cando estaban no último ano de instituto e contaban con 17 anos foron novamente avaliados 693 destes rapaces no seu desempeño en matemáticas e lectura.

Entón empregando a técnica de regresión múltiple, analizouse en qué sentido influíran os seus síntomas infantís na súa marcha acadcémica. Mediante a técnina de análise empregada controlouse a influencia de outras variables comoo CI, o lugar de residencia, o nivel educativo materno e o estado familiar. É dicir descontouse o seu efecto de maneira que non influíse nos resultados.

Aínda que outros síntomas observados na infancia non resultaron ter unha influencia significativa nos resultados de matemáticas e lectura, o grao de síntomas de inatención si apareceron significativamente relacionados co rendemento escolar aos 17 anos. De tal maneira que, como concluíron os investigadores, a inatención das nenas e nenos pequenos, constitúe un bo predictor do seu rendemento escolar a longo prazo.

De tal maneira, como sinalou Breslau, “ao identificar os problemas de atención como os de máis importantes consecuencias a longo prazo sobre o rendemento escolar, este estudio axudaranos a decidir sobre que concentrar os nosos recursos para intervir preventivamente”.


O artigo comentado é: Breslau, J., Miller, E., Breslau, N., Bohnert, K., Lucia, V. e Schweitzer, J. (2009). The Impact of Early Behavior Disturbances on Academic Achievement in High School. Pediatrics, 123: 1472-1476
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-07-2009 21:25
# Ligazón permanente a este artigo
Máis sobre nenos e marshmallows
Recentemente,un capítulo do programa Redes, que dirixe Eduard Punset, ten tratado o chamado 'experimento marshmallow' do que temos comentado nun post anterior.
No mesmo, Punset entrevistou a Walter Mischel no seu despacho da Universidade de Columbia.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2009 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Desinformación sobre o autismo
Aínda que este blog trata sobre TDAH e non sobre Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento, como é o autismo. Non puiden por menos que unirme ás voces de indignación que se está erguendo aquí e alá pola emisión na cadea de radio COPE, máis en concreto, no programa ‘La Mañana’ de Federico Jiménez Losantos, dunha entrevista sobre este tema co Dr. Luis Madero.

Hai que dicir que o Dr. Madero non é para nada experto en autismo nin nada semellante (dedícase á oncoloxía pediátrica), mais nos quince minutos da súa intervención non dixo NADA relevante sobre o tema que tiña entre mans e si moitas parvadas.

A cousa, pode provocar hilaridade por unha banda, mais coñecendo a moita desinformación que existe aínda sobre o autismo na sociedade, é indignante que alguén que aparece nun medio decomunicación como ‘experto’ se dedique a dicir barbaridades que representan unha grave desinformación.

O colmo, e algo que un pensaba que no século XXI xa non ía escoitar máis, é resucitar as ‘teorías’ dun recoñecido farsante como Bruno Bettelheim e as súas nais neveira.

Aquí podes escoitar o programa en cuestión.

Aquí podes ver un blog dunha nai dun neno con autismo no que se opina sobre o tema e que contén enlaces a outros blogs sobre o tema.

E tamén podes ver esta interesantísima reportaxe sobre as nais neveira.


www.Tu.tv
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2009 18:22
# Ligazón permanente a este artigo
TDAH e televisión. Existe relación?
(Novos datos sobre o tema deste post. Fai clic aquí)

Nestes últimos días volve a circular pola rede unha noticia sobre a suposta relación entre a cantidade de tempo que os nenos e nenas ven a televisión e a probabilidade de ter TDAH (podes ver a noticia aquí).

Qué hai de certo e de erro na mesma? Tentaremos achegar algún datos neste post sobre a relación entre TDAH e TV.

En primeiro lugar cómpre deixar claro que a novidade da noticia realmente non é ningún novo descubrimento neste sentido, senón a recente publicación dun libro:, 'Nunca quieto, siempre distraído ¿Nuestro hijo es hiperactivo?' de Paulino Castells no que, ao parecer, se fai eco de datos que relacionan TDAH e TV

Cales son eses estudios? Intuitivamente seguro que imaxinamos equipos de investigadores valorando a cantidade de tempo que nenos e nenas teñen pasado diante da TV, mais as cousas son algo diferentes:

A fonte da polémica, refírese a un estudio publicado en 2004 por Dimitri A. Christakis e os seus colaboradores, na revista Pediatrics. O mesmo levaba por título ‘Early Television Exposure and Subsequent Attentional Problems in Children’ (Exposición temperá á televisión e posteriores problemas atencionais infantís).

Nel recollíanse datos dun estudio lonxitudinal, o ‘National Longitudinal Survey of Youth 1979 Children and Young Adults’, e analizaba a posible asociación entre dúas variables recollidas no mesmo: a cantidade diaria de horas que os nenos e nenas vían TV ata os tres anos de idade, e os problemas relacionado coa atención que presentaban aos sete anos.

Dito estudio xenerou de inmediato grande repercusión e –tamén- numerosas críticas metodolóxicas:

Unha das críticas recibidas é que en ningún caso se pode falar de que tales nenos e nenas desenvolvesen de feito un cadro de TDAH, pois non se fixo unha análise de alumnos con/sen TDAH e número de horas de TV/día. Os síntomas foron valorados nunha escala de cinco preguntas sobre aspectos condutuais como dificultade para concentrarse, impulsividade, inquietude, facilmente confuso e problemas con obsesións. Foi especialmente criticado o feito de que os dous últimos aspectos non forman parte das características típicas do TDAH.

Así mesmo tamén foi controvertido o procedemento seguido no tratamento dos resultados: mentres que as respostas posibles dos pais eran do tipo ‘Nunca, Ás veces, A miúdo’, os investigadores dictomizaron as mesmas en dúas categorías (sen/con problemas) incluíndo a resposta ‘ás veces’ na categoría ‘con problemas’. Algo inapropiado desde o punto de vista de que os manuais sobre TDAH esixen a existencia de problemas frecuentes, evolutivamente inapropiados e que causen disfunción na súa vida. Desta maneira, nenos e nenas simplemente inquedos ou distraídos, serían considerados candidatos ao TDAH.

O procedemento anterior tiña como finalidade o emprego dunha técnica estatística chamada Regresión Loxística,que permite analizar a probabilidade de que cada neno ou nena, segundo as horas que pasaba diante da TV, tiña de estar nun ou noutro grupo. O emprego da mesma, así como o establecemento arbitrario dun punto de corte (o 12% superior) teñen tamén sido fortemente criticados como inapropiados (véxase por exemplo o artigo de Roger L. Bertholf e Steve Goodison (2004) na mesma revista).

En todo caso as relacións atopadas, en ningún caso supoñen que exista unha relación causal entre TDAH e TV, senón unha mera asociación. É posible, por exemplo, que aos nenos e nenas con TDAH lles gustase máis a TV, mais que iso non tivese incidencia na severidade das súas dificultades.

Así mesmo, outras variables poderían explicar a relación: por exemplo, pode que os pais e nais con máis síntomas deixen aos seus fillos ver a TV máis horas, polo que os síntomas poderían ser herdados e non adquiridos… ou outras moitas posibilidades.

De feito, tamén se ten criticado que Christakis e os seus colaboradores actuasen dunha maneira tendente a confirmar a súa hipótese desprezando outras posibles: Nos seus datos aparecía o feito de que a baixa autoestima materna tiña maior relación coas dificultades atencionais que o tempo fronte á TV. Non obstante, nas súas conclusións, este dato era ignorado.

De todos modos, á marxe das críticas anteriores, un aspecto imprescindible para acadar evidencia científica sobre un feito é a replicabilidade dos resultados: é dicir, se a asociación entre TV e TDAH existe de maneira fiable, outros investigadores deberán chegar a resultados semellantes replicando o seu estudio.

Pois ben, no seguinte número de Pediatrics, un grupo de investigadores daneses tentaron replicar o estudio de Christakis empregando datos doutro estudio lonxitudinal no que se recollían datos dos nenos e nenas nados en 1990 na localidade danesa de Aarhus. Comparáronse os síntomas dos nenos recollidos a diferentes idades mediante cuestionarios dos empregados habitualmente nestas investigacións (p.ex: SDQ, CBC). Os resultados indican que non se pode establecer unha relación fiable entre o tempo diario fronte á TV e os síntomas propios do TDAH.

Así mesmo, en 2006, Tara Stevens e Miriam Mulsow publicaron na mesma revista o estudio ‘There is No Meaningful Relationship Between Television Exposure and Symptoms of Attention-Deficit/Hyperactivity Disorder’ (Non hai relación significativa entre a exposición á televisión e os síntomas de TDAH). Estoutro estudio empregaba datos procedentes do ‘Early Childhood Longitudinal Study’, un gran estudio lonxitudinal, polo que os datos proceden de arredor de 5000 nenos e nenas (o dobre do estudio de Christakis) e, ao contrario dos anteriores, non empregaba a técnica de regresión loxística, senón a de Ecuacións Estruturais (considerada de maior potencia explicativa). Os resultados atopados están na mesma liña do estudio danés ao non atopar relación fiable entre o número de horas fronte á TV e a sintomatoloxía do TDAH.

En definitiva, o estudio de Christakis é abondo controvertido e escasamente concluínte para que se poidan sacar conclusións válidas del.

As evidencias actuais sinalan que o TDAH é principalmente un trastorno de orixe hereditaria (xenética) aínda que existen causas ambientais (problemas no embarazo ou no parto, infeccións maternas, consumo de tabaco ou alcohol no parto, convulsións ou enfermidades neonatais, lesións cerebrais,…) que tamén son susceptibles de orixinar o trastorno. Non obstante, ver a tele non parece ser unha delas.


Os artigos comentados son:

Christakis DA, Zimmerman FJ, DiGiuseppe DL, McCarty CA. Early television exposure and subsequent attentional problems in children. Pediatrics. 2004;113:708–713

Bertholf RL, Goodison S. Television viewing and attention deficits in children.Pediatrics. 2004 Aug;114(2):511-512

Obel, C,Henriksen, TB,Dalsgaard, S,Linnet, KM,Skajaa, E, Thomsen, PH,Olsen, J. Does children's watching of television cause attention problems? Retesting the hypothesis in a Danish cohort.Pediatrics 2004;114(5):1372-2373

Stevens T, Mulsow M. There is no meaningful relationship between television exposure and symptoms of attention-deficit/hyperactivity disorder. Pediatrics. 2006;117 :665–672
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2009 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [5] [6] [7] 8 [9] [10] [11] ... [16]
© by Abertal
hit counter