Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Ir de copas durante o embarazo e a súa relación co TDAH no futuro fillo
É un feito de sobras coñecido que o consumo de alcohol durante o embarazo comporta riscos para a saúde do futuro fillo e, entre eles os riscos de padecer trastornos mentais e do desenvolvemento. Moitos estudios téñense centrado no consumo grave de alcohol e nas consecuencias para a criatura no chamado Síndrome Alcohólico Fetal, polas súas importantes secuelas. Outros estudios, polo contrario teñen explorado os efectos que o consumo moderado habitual pode ter (o típico ?vaso de viño coa comida?). Recentemente vén de publicarse un estudio no que se abordou o tema do consumo esporádico, o coñecido entre nós como ?ir de copas?.

Investigadores de varias universidades británicas empregaron datos procedentes do Estudio ALSPAC, un estudio de tipo lonxitudinal no que se recolleron datos de nais e nenos nacidos no Condado de Avon (Inglaterra) entre os anos 1991 e 1992 (podes ver unha descrición pormenorizada do mesmo aquí) . Os datos proceden, polo tanto, de máis de 13.600 nenos e nenas nacidos nese período.
O equipo de investigadores definiu o concepto ?ir de copas? como a inxesta nun só día de catro ou máis unidades de alcohol (p.ex. unha cervexa, unha copa de viño,?) e relacionou a ocorrencia disto cos resultados dun cuestionario de cribado de problemas infantís que se empregou cando os nenos e nenas tiñan 47 meses, e despois cando cumpriron 81meses.

O cuestionario utilizado foi o Strengths and Difficulties Questionnaire, coñecido popularmente como SDQ. No mesmo recóllese información sobre síntomas infantís de tipo emocional, condutual, problemas de relación, comportamento prosocial e de hiperactividade/inatención.

Tamén se indagou a relación que ese consumo de alcohol podía ter con desenvolvemento cognitivo dos nenos e nenas para o que se empregou a Escala de Weschler para Preescolares (WPPSI) cando estes tiñan 49 meses de idade.

Os resultados atopados indican que non é posible establecer unha relación entre terse ido de copas no embarazo e o grao de desenvolvemento cognitivo que acadaron os fillos das nais estudiadas. Sen embargo, de maneira consistente si apareceu unha relación entre o consumo esporádico e a aparición de sintomatoloxía propia do TDAH.

Unha cuestión que sempre se debe considerar é a posibilidade de que tal diferenza non proceda dunha relación causa-efecto, senón que sexa a expresión de diferenzas existentes entre ambos grupos de nais.

Para tentar controlar este aspecto, os investigadores empregaron un sistema de control estatístico das posibles variables confusoras: Así entre as variables maternas controladas estaban a idade, o número de partos anteriores, o consumo de alcohol previo á xestación, o con sumo de tabaco e outras substancias ou o grao de saúde mental. Tamén se controlaron variables que afectaban aos grupos de bebés nados: idade xestacional ao nacer, peso, xénero e grupo étnico.

Aínda tendo en conta o peso das variables mencionadas, permanece unha relación estable entre ter ido de copas durante o embarazo e grao dos síntomas de hiperactividade/inatención dos seus fillos.

Chama, non obstante, a atención que non se fixese un control da sintomatoloxía propia do TDAH nas propias nais e mesmo nos pais das crianzas, tendo en conta a alta heredabilidade deste trastorno. Quizais, as nais máis impulsivas teñan maior tendencia a ir de copas no embarazo e polo tanto, en qué medida os síntomas observados son froito dos efectos do alcohol ou herdanza xenética (ou mesmo unha interacción de ambas cousas) permanece sen determinar.

O artigo comentado é:
Sayal, K., Heron, J., Golding, J., Alati, R., Smith, G.D., Gray, R. e Emond, A. (2009) Binge Pattern of Alcohol Consumption During Pregnancy and Childhood Mental Health Outcomes: Longitudinal Population-Based Study. Pediatrics,123, pp.: 289-296
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-03-2009 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0