Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e televisión. Existe relación?
(Novos datos sobre o tema deste post. Fai clic aquí)

Nestes últimos días volve a circular pola rede unha noticia sobre a suposta relación entre a cantidade de tempo que os nenos e nenas ven a televisión e a probabilidade de ter TDAH (podes ver a noticia aquí).

Qué hai de certo e de erro na mesma? Tentaremos achegar algún datos neste post sobre a relación entre TDAH e TV.

En primeiro lugar cómpre deixar claro que a novidade da noticia realmente non é ningún novo descubrimento neste sentido, senón a recente publicación dun libro:, 'Nunca quieto, siempre distraído ¿Nuestro hijo es hiperactivo?' de Paulino Castells no que, ao parecer, se fai eco de datos que relacionan TDAH e TV

Cales son eses estudios? Intuitivamente seguro que imaxinamos equipos de investigadores valorando a cantidade de tempo que nenos e nenas teñen pasado diante da TV, mais as cousas son algo diferentes:

A fonte da polémica, refírese a un estudio publicado en 2004 por Dimitri A. Christakis e os seus colaboradores, na revista Pediatrics. O mesmo levaba por título ‘Early Television Exposure and Subsequent Attentional Problems in Children’ (Exposición temperá á televisión e posteriores problemas atencionais infantís).

Nel recollíanse datos dun estudio lonxitudinal, o ‘National Longitudinal Survey of Youth 1979 Children and Young Adults’, e analizaba a posible asociación entre dúas variables recollidas no mesmo: a cantidade diaria de horas que os nenos e nenas vían TV ata os tres anos de idade, e os problemas relacionado coa atención que presentaban aos sete anos.

Dito estudio xenerou de inmediato grande repercusión e –tamén- numerosas críticas metodolóxicas:

Unha das críticas recibidas é que en ningún caso se pode falar de que tales nenos e nenas desenvolvesen de feito un cadro de TDAH, pois non se fixo unha análise de alumnos con/sen TDAH e número de horas de TV/día. Os síntomas foron valorados nunha escala de cinco preguntas sobre aspectos condutuais como dificultade para concentrarse, impulsividade, inquietude, facilmente confuso e problemas con obsesións. Foi especialmente criticado o feito de que os dous últimos aspectos non forman parte das características típicas do TDAH.

Así mesmo tamén foi controvertido o procedemento seguido no tratamento dos resultados: mentres que as respostas posibles dos pais eran do tipo ‘Nunca, Ás veces, A miúdo’, os investigadores dictomizaron as mesmas en dúas categorías (sen/con problemas) incluíndo a resposta ‘ás veces’ na categoría ‘con problemas’. Algo inapropiado desde o punto de vista de que os manuais sobre TDAH esixen a existencia de problemas frecuentes, evolutivamente inapropiados e que causen disfunción na súa vida. Desta maneira, nenos e nenas simplemente inquedos ou distraídos, serían considerados candidatos ao TDAH.

O procedemento anterior tiña como finalidade o emprego dunha técnica estatística chamada Regresión Loxística,que permite analizar a probabilidade de que cada neno ou nena, segundo as horas que pasaba diante da TV, tiña de estar nun ou noutro grupo. O emprego da mesma, así como o establecemento arbitrario dun punto de corte (o 12% superior) teñen tamén sido fortemente criticados como inapropiados (véxase por exemplo o artigo de Roger L. Bertholf e Steve Goodison (2004) na mesma revista).

En todo caso as relacións atopadas, en ningún caso supoñen que exista unha relación causal entre TDAH e TV, senón unha mera asociación. É posible, por exemplo, que aos nenos e nenas con TDAH lles gustase máis a TV, mais que iso non tivese incidencia na severidade das súas dificultades.

Así mesmo, outras variables poderían explicar a relación: por exemplo, pode que os pais e nais con máis síntomas deixen aos seus fillos ver a TV máis horas, polo que os síntomas poderían ser herdados e non adquiridos… ou outras moitas posibilidades.

De feito, tamén se ten criticado que Christakis e os seus colaboradores actuasen dunha maneira tendente a confirmar a súa hipótese desprezando outras posibles: Nos seus datos aparecía o feito de que a baixa autoestima materna tiña maior relación coas dificultades atencionais que o tempo fronte á TV. Non obstante, nas súas conclusións, este dato era ignorado.

De todos modos, á marxe das críticas anteriores, un aspecto imprescindible para acadar evidencia científica sobre un feito é a replicabilidade dos resultados: é dicir, se a asociación entre TV e TDAH existe de maneira fiable, outros investigadores deberán chegar a resultados semellantes replicando o seu estudio.

Pois ben, no seguinte número de Pediatrics, un grupo de investigadores daneses tentaron replicar o estudio de Christakis empregando datos doutro estudio lonxitudinal no que se recollían datos dos nenos e nenas nados en 1990 na localidade danesa de Aarhus. Comparáronse os síntomas dos nenos recollidos a diferentes idades mediante cuestionarios dos empregados habitualmente nestas investigacións (p.ex: SDQ, CBC). Os resultados indican que non se pode establecer unha relación fiable entre o tempo diario fronte á TV e os síntomas propios do TDAH.

Así mesmo, en 2006, Tara Stevens e Miriam Mulsow publicaron na mesma revista o estudio ‘There is No Meaningful Relationship Between Television Exposure and Symptoms of Attention-Deficit/Hyperactivity Disorder’ (Non hai relación significativa entre a exposición á televisión e os síntomas de TDAH). Estoutro estudio empregaba datos procedentes do ‘Early Childhood Longitudinal Study’, un gran estudio lonxitudinal, polo que os datos proceden de arredor de 5000 nenos e nenas (o dobre do estudio de Christakis) e, ao contrario dos anteriores, non empregaba a técnica de regresión loxística, senón a de Ecuacións Estruturais (considerada de maior potencia explicativa). Os resultados atopados están na mesma liña do estudio danés ao non atopar relación fiable entre o número de horas fronte á TV e a sintomatoloxía do TDAH.

En definitiva, o estudio de Christakis é abondo controvertido e escasamente concluínte para que se poidan sacar conclusións válidas del.

As evidencias actuais sinalan que o TDAH é principalmente un trastorno de orixe hereditaria (xenética) aínda que existen causas ambientais (problemas no embarazo ou no parto, infeccións maternas, consumo de tabaco ou alcohol no parto, convulsións ou enfermidades neonatais, lesións cerebrais,…) que tamén son susceptibles de orixinar o trastorno. Non obstante, ver a tele non parece ser unha delas.


Os artigos comentados son:

Christakis DA, Zimmerman FJ, DiGiuseppe DL, McCarty CA. Early television exposure and subsequent attentional problems in children. Pediatrics. 2004;113:708–713

Bertholf RL, Goodison S. Television viewing and attention deficits in children.Pediatrics. 2004 Aug;114(2):511-512

Obel, C,Henriksen, TB,Dalsgaard, S,Linnet, KM,Skajaa, E, Thomsen, PH,Olsen, J. Does children's watching of television cause attention problems? Retesting the hypothesis in a Danish cohort.Pediatrics 2004;114(5):1372-2373

Stevens T, Mulsow M. There is no meaningful relationship between television exposure and symptoms of attention-deficit/hyperactivity disorder. Pediatrics. 2006;117 :665–672
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-04-2009 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter