Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

O TDAH no DSM-V
Coa finalidade de que os profesionais na saúde mental (clínicos, investigadores, etc.) teñan un marco de referencia común de a qué nos estamos referindo cando falamos dun trastorno, vénse empregando de maneira xeneralizada o Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders, coñecido como DSM, que contén unha clasificación dos mesmos e proporciona descricións claras das categorías diagnósticas.

A primeira versión do DSM publicouse en 1952 e nel non figuraba o que hoxe coñecemos como TDAH. Foi na segunda, o DSM-II, na que se incluíu por primeira vez a chamada Reacción Hipercinética da Infancia, aínda que -como xa temos comentado nestoutra entrada- o verdadeiro cambio na concepción da hiperactividade infantil produciuse coa publicación do DSM-III en 1980, no que pasou a denominarse Trastorno por Déficit de Atención (con ou sen Hiperactividade). A última revisión do DSM-IV publicouse en 1994 en el acuñouse a actual denominación (TDAH), así como os criterios a seguir para o seu diagnóstico. Con máis de 20 anos de percorrido, tense iniciado o proceso de renovación do DSM que dará lugar, arredor do 2011, ao DSM-V.

¿Qué novidades se esperan no referente ao TDAH? Para respostar esta pregunta, comentaremos nesta entrada o informe que no pasado mes de abril fixo público o grupo de traballo encargado dos trastornos do comportamento perturbador do DSM-V, que preside Francisco Xavier Castellanos .

Hai que dicir que se trata de temas de debate aínda non pechados e que, todos eles, veñen sendo debatidos pola comunidade de investigadores neste campo, algúns deles, desde o mesmo momento da publicación do aínda vixente DSM-IV:

Síntomas e puntos de corte. No actual DSM-IV emprégase unha lista de 18 síntomas (9 de inatención e outros tantos de hiperactividade/impulsividade). Nestes momentos estase a considerar, por unha banda, se son necesarios todos os síntomas, ou se cunha lista máis curta sería suficiente. Así mesmo, o punto de corte (cantos síntomas son necesarios para considerar que se compre o criterio) tamén é un asunto a revisar. Hai que dicir a este respecto, que as análises feitas no seu día sobre a actual lista de síntomas, suxerían que era máis eficaz empregar un punto de corte de 5 síntomas, fronte aos 6 que esixe o DSM-IV.

Subtipos. O DSM-IV distingue tres subtipos: o predominantemente inatento, o predominantemente impulsivo/hiperactivo, e o subtipo combinado. Moitas críticas e debates se teñen centrado nesta distinción que parece que será eliminada no DSM-V. Ao parecer, finalmente considerarase que o subtipo impulsivo/hiperactivo e o subtipo combinado, son en realidade a mesma cousa, seguramente o primeiro sendo un precursor (en idades máis temperás, ou en estadíos menos severos) do subtipo combinado.

Con respecto ao subtipo inatento o DSM-V, abre de novo o debate sostido por moitos investigadores (p.ex. Barkley ou Diamond) de que o TDA sen hiperactividade sexa realmente un trastorno diferente do TDAH, con características diferenciadas, como temos comentado aquí e que sería característico de nenos e nenas (e adultos) que non teñan presentado nunca un nivel de impulsividade/hiperactividade considerado fóra do normal.

Impulsividade. Aínda que existe consenso en que o TDAH se caracteriza por tres dimensións (inatención, hiperactividade e impulsividade), o certo é que a lista de síntomas do DSM-IV define adecuadamente as dúas primeiras, mais presta pouca atención á impulsividade. Isto é particularmente importante se temos en conta factores como: Segundo a teoría de Barkley (a máis recoñecida na actualidade) sería xustamente a impulsividade a característica esencial do trastorno. De feito, no ensaio de campo feito para establecer o perfil final dos criterios diagnósticos empregados na revisión do DSM-III (ao que se chamou DSM-III-R) chegárase a unha lista única de 14 ítems, que se ordenaron de acordo coa súa validez discriminante -de maior a menor- e entre os cinco primeiro ítems da lista, tres deles fan referencia á conduta impulsiva (Spitzer, Davies e Barkley, 1990). O grupo de traballo recoñece que a impulsividade está mal valorada nos criterios do DSM-IV e parece que no DSM-V, a conduta e a toma de decisións impulsivas serán valoradas máis adecuadamente.

Adolescentes e adultos. Aínda que o DSM-IV recoñece que este trastorno se dá na adolescencia e na idade adulta, en realidade, os criterios están pensados cos ollos postos na conduta infantil, polo que son difíciles de aplicar ás persoas de máis idade. O grupo de traballo do DSM-V está pensando a posibilidade de que aparezan listas de síntomas para cada rango de idade para que as manifestacións do trastorno sexan apropiadas a cada grupo.

A idade de comezo. O criterio B do DSM-IV establece que ‘algúns dos síntomas’ deben causar problemas xa antes dos 7 anos. Esta obligatoriedade recibiu grandes críticas desde i primeiro momento xa que , segundo Barkley e Biederman, carece de xustificación empírica, teórica ou práctica, aparte de suxerir simplemente que o TDAH é un trastorno caracterizado por un inicio na infancia. De feito, empregar este punto de corte de maneira estrita reducía a fiabilidade levando a un diagnóstico erróneo ata no 35% de nenos que, cumprirían os criterios, segundo os datos do Traballo de campo do DSM-IV. Establecer, como propón Barkley, o inicio do trastorno “ao longo da infancia” parece ser o criterio que se adoptará no DSM-V.

TDAH e os Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento (TXD). O criterio E do DSM-IV expón que os síntomas non deben aparecer “exclusivamente no transcurso dun trastorno xeneralizado dodesenvolvemento”, o cal supón que para aqueles que son diagnosticados dun trastorno deste tipo (p.ex. Autismo, Síndrome de Asperger), non deben recibir o diagnóstico adicional de TDAH, mesmo cumprindo o resto dos criterios do DSM-IV. En realidade a comorbilidade de ambos cadros é alta: moitos nenos e nenas con TXD presentan cadros de hiperactividade, inatención e impulsividade.

O informe do Grupo de Traballo sinala que existe un forte apoio para eliminar esta exclusión. Así mesmo, tamén é destacable que o Grupo de Traballo encargado dos TXD vai adoptar unha decisión –na miña opinión- moi acertada: Estes trastornos deixarán de ter o nome de Pervasive Developmental Disorders (que se traducira moi inadecauadamente como Trastornos Xeneralizados do Desenvolvemento) para pasar a empregar a denominación Trastornos do Espectro Autista.

Podes ver o informe orixinal aquí

Os artigos citados son:
Applegate, B., Lahey, B. B., Hart, E. L., Biederman, J., Hynd, G. W., Barkley, R. A., et al. (1997). Validity of age-of-onset criterion for ADHD: A report from the DSM-IV field trials. Journal of the American Academy of Child and Adolescent Psychiatry, 36, 1211–1221.

Barkley, R. A. & Biederman, J. (1997). Toward a broader definition of the age of onset criterion for attention deficit hyperactivity disorder. Journal of the American Academy of Child and Adolescent Psychiatry, 36,1204-1210.

Spitzer, R.L., Davies, M., Barkley, R.A. (1990). The DSM-III-R field trial of disruptive behavior disorders. Journal of the American Academy of Child and Adolescent Psychiatry, 29 , 690-697.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-08-2009 18:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter