Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

OFF-TOPIC: Bonecas brancas, bonecas negras e auto-odio
De cando en vez fago un post que non trata sobre TDAH. Gústanme especialmente os temas que teñen que ver con estudios clásicos en psicoloxía e este é un que non coñecía ata hai pouco. E coñecino, pola súa relación cun tema que en Galicia nos resulta tópico: o auto-odio.

Iso que supostamente fai que moitas persoas consideren o galego inferior ao castelán? mesmo cando é a lingua que falan!! Hai quen considera que estas son cousas do pasado, mais ao mellor non o son tanto.

No blog Koroshiya Itchy lin un magnífico post no que establecía unha relación entre o caso do auto-odio no idioma co auto-odio racial, e exemplificábao (na miña opinión de maneira brillante) cos estudios de Kenneth Clark sobre as preferencias dos nenos e nenas hoxe chamados afroamericanos, sobre as bonecas segundo a súa cor (branca ou negra).

Esta é unha replicación recente dos estudios de Clark. (Míraa antes de continuar lendo). Dispón de subtítulos en portugués polo que creo que se entende ben.



Nos estudios orixinais de Clark, que comezaron en 1939 e proseguiron ata os anos 50, aos participantes, facíanselles as seguintes preguntas, sempre nesta orde:

? ?Ensíname a boneca que che gusta máis ou coa que queres xogar?
? ?Ensíname a boneca que é boa?
? ?Ensíname a boneca que parece mala?
? ?Dáme a boneca que é como un neno branco?
? ?Dáme a boneca que é como un neno de cor*?
? ?Dáme a boneca que é como un neno negro*?
? ?Dáme a boneca que é coma ti?

(*Hoxe en día considéranse ofensivas / politicamente incorrectas as expresións coloured (de cor) e Negro (sic) (negro), mais non era así no tempo no que se fixeron estas investigacións.)

Ao igual que vemos no vídeo, a maioría dos participantes preferían a boneca branca, que ademais consideraban ?a boa? (mentres que a negra era ?a mala?). Unha parte importante indicaban, así mesmo, que a boneca ?coma eles/as? era a boneca branca, o cal aínda que resulta paradoxal, é bastante explicable, se se ten en conta que previamente o neno ou nena definiron esta boneca como a que ten todos os valores positivos.

En 2005, Kiri Davis, unha xoven estudante repetiu o experimento como parte dun traballo escolar no que quería comprobar se o auto-odio atopado por Clark nos anos 50 seguía existindo no século XXI. O seu traballo reflectiuno nunha pequena película: ?A girl like me? (Unha rapaza coma min), que tivo unha grande repercusión mediática nos EE.UU. A mesma, recolle impresións de adolescentes afroamericanas sobre si mesmas e a súa raza e, nunha segunda secuencia, amosa fragmentos dunha replicación do experimento de Clark levada a cabo con 21 nenos e nenas. Nesta ocasión o 71% escolleron a boneca branca como a boa.

Aquí podes ver A girl like me. Por desgracia non dei atopado ningunha versión con subtítulos.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2010 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Os colexios en Galicia non precisan tesoiras
No pasado mes de outubro, este blog sumouse á iniciativa emprendida polo blog La aldea Irreductible contra o recorte previsto nos presupostos destinados á investigación, baixo o lema 'La ciencia española no necesita tijeras'.

Hoxe lembreime deste lema ao ver escrito nunha pizarra o montante dos presupostos para gastos de funcionamento do ano 2009 e 2010 para un colexio en Galicia (un en concreto, mais supoño que será en todos por un estilo): A variación para este curso supón unha redución arredor do 30%!!!

Iso si que é meter a tesoira...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-03-2010 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo xen vinculado ao TDAH
Todas as evidencias sinalan que o TDAH é un trastorno altamente herdable, tanto ou máis como o poidan ser outras características das que ninguén a nivel popular o dubidaría, como a intelixencia (de pais listos, fillos listos), ou a talla (de pais altos, fillos altos).

A xenética debe desenvolver, polo tanto, un papel importante na investigación das causas do TDAH. Non obstante, que a evidencia sobre implicación da xenética no TDAH sexa ben sólida, non implica que atopar as vías polas que esta susceptibilidade se transmita vaia ser doado. E de feito a cousa está a resultar complicada, porque o que tamén se sabe xa é que ter TDAH non depende de ter un ?xen do TDAH?, senón que varios elementos xenéticos parecen estar implicados aportando, cada un deles un certo nivel de risco de presentar o trastorno, mais sen que polo de agora se teña atopado ningunha variante xenética que sexa necesaria, nin suficiente para ter TDAH.
Os esforzos dirixidos a atopar as claves xenéticas do TDAH teñen ido en diversas direccións: unha das máis fecundas está sendo a investigación sobre aqueles xenes implicados na regulación do funcionamento de neurotransmisores, como a dopamina, que se supoñen afectados nas persoas que presentan TDAH. Así, diferentes traballos teñen atopado que existen variantes do xen DRD4, que regula a recepción postsinaptica da dopamina, e do xen DAT1, que regula o transporte da dopamina para a súa recaptación, que están asociados á susceptibilidade de presentar TDAH. Nestes estudios, que se denominan de xenes candidatos, investíganse os mesmos en persoas con e sen TDAH.

Outros estudios, levan a cabo outro procedemento que poderiamos considerar de varrido amplo. O procedemento consiste en analizar o ADN de grupos familiares enteiros (pedigrees), e ver qué áreas do mesmo aparecen vinculadas coa aparición familiar do TDAH.

Dentro deste tipo de estudios, unha das liñas de investigación máis sólidas é a que dirixe o profesor colombiano Mauricio Arcos-Burgos. Os seus traballos con poboación da comunidade indíxena Paisa, veñen producindo na última década interesantes avances no coñecemento da xenética do TDAH. Neste mes pasado ven de publicarse a última destas descubertas, pola que se atopou a asociación dun novo xen coa susceptibilidade de presentar TDAH: o xen LPHN3.

A técnica empregada na investigación permitiu identificar en primeiro lugar unha rexión do cromosoma 4, na rexión 4q13.2. Posteriores traballos identificaron o ligamento familiar do TDAH cun xen existente nesa rexión (o citado LPHN3). Analizando o haplotipo do mesmo (a configuración de cadeas de nucleótidos simples que o forman), atopouse que certa configuración do mesmo está asociada coa presenza de TDAH.

En estudios levados a cabo con tecidos cerebrais procedentes de autopsias de individuos de varias idades atopouse que existe unha presenza significativa da proteína codificada polo xen LPHN3 (a latrofilina) en neuronas de varias rexións cerebrais: na amígdala e o núcleo caudado e en rexións do cerebelo (núcleo pontino e células de Purkinje). Sendo estas rexións implicadas, segundo os estudios neuroanatómicos, na fisioloxía do TDAH.

Os resultados obtidos nas familias da comunidade paisa foron tamén replicados noutros grupos familiares de outras áreas xeográficas (incluíndo Alemania, Noruega, España e dúas mostras diferentes nos Estados Unidos).

Outro aspecto importante deste estudio é que a configuración do haplotipo do LPHN3 parece ter relación co grao de resposta á medicación con estimulantes, o que potencialmente abre unha vía para coñecer de antemán a resposta das persoas diagnosticadas con TDAH aos tratamentos farmacolóxicos.

A distancia desde o estadío actual dos coñecementos ata a posibilidade dun test xenético que indique a susceptibilidade de presentar TDAH aínda é enorme, mais non cabe dúbida de que este estudio nos achega un paso máis cara esa meta e, por outra banda, abre unha nova vía para os investigadores nun xen ata agora non relacionado coa susceptibilidade ao TDAH.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-03-2010 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0