Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Aversión á demora
Se calquera persoa recibe unha carta da Axencia Tributaria anunciándolle de que, debido a un erro, vanlle ser devoltos 1.000 €, evidentemente leva unha alegría. Se na fin da carta aparecen dous recadros nos que se pode escoller o modo de devolución (inmediato ou dentro de tres meses) tampouco teriamos dúbida de que todo o mundo prefire que a alegría sexa inmediata. ‘O que espera desespera’ é unha expresión popular que expón a nosa preferencia polas satisfaccións inmediatas, e a nosa aversión pola demora das mesmas.

Mais como todo ten o seu prezo, imaxinemos que na suposta carta da Axencia Tributaria, na opción de ‘devolución demorada’ nos ofrecesen unha gratificación pola espera: no canto de 1.000, devolverannos 1.300 €. Quizais entón moitas persoas prefiran esperar porque a cambio de ter que agardar recibirán unha recompensa maior.

Neste sentido pódese dicir que a demora ten un prezo e seguramente poderíamolo comprobar se repetísemos o “experimento” da nosa carta con distintas “recompensas”. Para cada persoa, a partir de certa cantidade, compensaría esperar.

Edmund Sonuga–Barke é un investigador da Universidade de Southampton que vén desde hai anos desenvolvendo estudios sobre a aversión á demora nos nenos e nenas con TDAH. Para este autor, a impulsividade que caracteriza ás persoas con TDAH non se debe (polo menos en exclusiva) a unha dificultade de control da inhibición, senón que a aversión á demora é tamén responsable da mesma.

Desta maneira, un dos problemas para estas nenas e nenos é esperar. Se a recompensa ao seu esforzo non é inmediata, a espera resúltalles aversiva e prefiren abandonar a tarefa. Isto daríanos unha explicación ao seu frecuente abandono das tarefas escolares e do estudio (que frecuentemente son gratificados con boas calificacións… á fin do trimestre).

A causa deste comportamento encóntrase na reducida sensibilidade ao reforzamento que presentan as persoas con TDAH. Desta maneira, é necesario un reforzamento máis inmediato, frecuente ou intenso para manter o grao de implicación nas tarefas.

Sonuga-Barke e os seus colegas publicaron en 1992 o seu primeiro estudio sobre o efecto da aversión á demora nos nenos e nenas con TDAH. Para o mesmo compararon a dous grupos (TDAH e Control) nunha tarefa na que se manipulaban as recompensas e as demoras (Choice-Delay Task, ou Tarefa de escolla-demora). Na mesma, os participantes podían escoller en cada ensaio entre unha gratificación pequena (1 punto) cunha demora pequena (2 segundos), ou unha gratificación maior (2 puntos) cunha demora máis longa (30 segundos).

A escolla facíase en varias condicións. Os nenos e nenas con TDAH non se diferenciaron dos controis cando podían escoller a gratificación pequena moitas veces (co que finalmente sumaban moitos puntos) en vez de esperar pola gratificación maior. Neste caso, ambos grupos preferiron a gratificación pequena.

Así mesmo, cando os ensaios levaban un tempo de espera posterior, de tal maneira que independentemente das escollas feitas, a sesión duraba o mesmo, ambos grupos preferiron as recompensas maiores.

Non obstante, cando había un número limitado de intentos, de maneira que escoller as recompensas pequenas acurtaba a duración da sesión a costa de obter menor puntuación, os participantes con TDAH amosaron unha menor preferencia polas recompensas maiores-demoradas (18%) que os participantes controis (48%).

Desde entón, moitos estudios se teñen feito con esta tarefa ou con outras semellantes (por exemplo o Maudsley Index of Delay Aversion, de Jonna Kuntsi e os seus colaboradores da Univesidade de Londres) nas que se vén acumulando evidencia do papel da aversión á demora no TDAH.

A diferenza do control inhibitorio e outras funcións executivas relacionadas co TDAH, que teñen que ver todas elas co control cognitivo, a aversión á demora supón un déficit de tipo motivacional.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2008 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter