Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

O TDAH Predominantemente inatento. Pasado por alto e pouco tratado?















Un artigo de:
Mary V. Solanto
Directora do Attention-Deficit/Hyperactivity Disorder Center
The Mount Sinai Medical Center


Cando Ethan levou á casa o seu primeiro boletín de notas de 4º sabía que seus país non habían estar contentos. Ademais de que as súas notas oscilaban entre B e D [*], o mestre comentara xusto o mesmo que fixera o mestre de 3º, “Se Ethan se concentrase no traballo e traballase máis duro podía facelo moito mellor!”


A falta de concentración e a aparente falta de esforzo son elementos típicos no subtipo inatento de TDAH. O tipo Predominantemente Inatento (PI) de TDAH, sen hiperactividade ou impulsividade, é recoñecido como tal desde 1994. Ao contrario que a forma máis coñecida do trastorno, o “tipo Combiando” (CB) (inatento, hiperactivo e impulsivo), os nenos con TDAH-PI non son conductualmente disruptivos e tipicamente non presentan dificultades para seren manexados por pais e mestres. Pola contra, os nenos con TDAH-PI soen aparecer como hipoactivos, lentos e pasmóns (que soñan despertos). Non obstante, os seus problemas coa atención son tan severos como os dos nenos con TDAH-CB. Cando deberían estar traballando nunha folla de problemas de aritmética, podémolos atopar mirando á nada. Cando son chamados na clase, poden non ter nin idea do que se está a falar. Ao non absorber a nova información nin traballar ao ritmo dos seus compañeiros, poden ser erroneamente etiquetados como “lentos na aprendizaxe” ou con “dificultades de aprendizaxe”, frecuentemente baseándose en probas de grupo, nas que soen ter problemas para concentrárense. A miúdo, polo tanto, renden moi por debaixo do seu verdadeiro potencial, do que ninguén é realmente consciente.
Ademais das súas dificultades académicas, os nenos e nenas con TDAH-PI a miúdo teñen problemas sociais significativos. Poden parecerlles aos seus compañeiros como que non están ‘ao loro’. As veces son descritos como se estivesen ‘nas nubes’ e algúns estudios indican que é máis probable que se estes nenos sexan socialmente ignorados e carezan de amistades.

Un estudio recente suxire que os problemas sociais do subtipo inatento e o combinado poden ter diferentes causas e diferentes resultados. Os rapaces con tipo combinado tenden a molestar aos outros nenos co seu comportamento provocativo, intrusivo e, en ocasións, agresivo. Como resultado, estes nenos poden ser máis probablemente rexeitados. Cando aos nenos con subtipo combinado se lles pregunta directamente, saben dicir correctamente cómo deben comportarse e cómo non. Non obstante, ‘en quente’, non son quen de manter o autocontrol.

É máis probable, sen embargo, que os rapaces de tipo inatento amosen falta de habilidades sociais, incluíndo interaccións cotiáns, como a habilidade para unirse a un grupo de nenos xogando, resolver unha disputa ou iniciar unha amizade. En parte estas dificultades pode deberse á falta de atención aos matices sociais, como pistas non verbais ou linguaxe corporal, que son tan importantes na comunicación social.

Un problema frecuente e prexudicial
Os estudios de sondaxe suxiren que o subtipo inatento de TDAH pode ser, polo menos, tan frecuente como o -máis coñecido- subtipo combinado. Nestes estudios a grande escala, pedíuselles a centos de mestres e mestras que valorasen ao alumnado das súas aulas con listas de control de condutas reflectindo os tres síntomas centrais do TDAH: inatención, hiperactividade e impulsividade.
Os datos amosan unha interesante distribución por sexos: Mentres que o subtipo combinado é aproximadamente catro veces máis frecuente en nenos que en nenas, o subtipo inatento está máis equilibrado entre ambos sexos, cunha ratio neno:nena próxima a 2:1. De feito, seunha nea ten TDAH, é máis probable que o teña de subtipo inatento.

Nestes estudios tamén se lle pediu ao profesorado que valorase o grao de dificultades dos estudantes nas tres áreas de maior importancia do funcionamento escolar: académica, social e conductual. As porcentaxes de nenos e nenas valorados como “con dificultades” amósanse a continuación para os tres subtipos de TDAH: Inatento, Hiperactivo-impulsivo e Combinado.



























Inatento


Combinado


Hiperactivo-Impulsivo

Académico

76%


82%


23%

Social

59%


82%


53%

Conductual

58%


90%


90%



Fonte: Gaub, M. & Carlson, C. (1997) Journal of Abnormal Child Psychology, 25, 103-111.

Estes datos amosan que unha alta porcentaxe de nenos con TDAH-inatento sofren dificultades académicas, de feito a porcentaxe iguala ás do tipo combinado. Así mesmo, tamén se aprecian no ámbito condutual e social.
Malia estas importantes dificultades, relativamente poucos nenos con TDAH-inatento son identificados ou enviados para recibiren tratamento. O tipo inatento, como moito representa un 25% dos nenos con TDAH que son vistos nos servizos de saúde mental. Unha razón probable deste feito é que ao seren moito menos disruptivos que os de subtipo combinado, é bastante menos probable que lles produzan quebradeiros de cabeza a pais e mestre, sendo así máis probable que sexan pasados por alto.

Outro feito importante atopado nestes estudios foi que o subtipo inatento pode ter un comezo máis tardío que os restantes subtipos de TDAH. Aínda que todos os subtipos deben comezar aos sete anos para cumprir os actuais criterios do DSM-IV sobre TDAH, estes estudios recentessuxiren que moitos casos de tipo inatento poden non manifestarse ata os 9 anos, é non apareceren dificultades significativas ata os 11.

Avaliación

Como calquera boa avaliación psicolóxica infantil, a avaliación do TDAH comeza cunha entrevista cos pais ou titores referida aos detalles das dificultades do neno, incluíndo a idade de comezo, frecuencia, duración e severidade. Os cuestionarios condutuais, completados por pais e mestres, son tamén moi útiles para determinar a natureza das dificultades e a súa importancia comparadas coa conduta dos nenos e nenas da súa idade. Durante esta entrevista, tamén se pregunta aos pais sobre o desenvolvemento físico, mental e emocional do neno. Unha boa avaliación tamén se ocupará do desenvolvemento familiar para identificar calquera elemento que puider estar afectando ao funcionamento do neno.
Tamén se entrevista ao neno individualmente para obter a súa visión sobre os seus puntos fortes e febles, e a súa vida escolar, familiar e social. Tamén proporciona a ocasión de observar informalmente e avaliar a súa atención, a linguaxe, autocontrol, autoconfianza e habilidades sociais.

Cando existen sospeitas sobre a capacidade xeral de aprendizaxe, ou dificultades específicas de procesamento da información (como é frecuente en todos os tipos de TDAH), pódense administrar unha serie de probas para examinar detalladamente o funcionamento intelectual do/a neno/a, así como o seu nivel de competencia curricular nas principais áreas. As probas neuropsicolóxicas, que avalían as áreas de memoria, linguaxe, atención e habilidade motriz, tamén poden ser de axuda para identificar as causas subxacentes das dificultades da nena ou neno.

Debido a que a inatención é o síntoma principal neste subtipo e os síntomas suxestivos de impulsividade e hiperactividade está ausentes, un bo examinador clínico debe ter especial coidado en descartar outros problemas ‘silenciosos’, como a ansiedade ou a depresión, que tamén poden afectar a concentración e o esforzo, antes de diagnosticar TDAH.

Tratamento

Hai aínda poucos estudios sobre tratamentos que sexan especificamente efectivos para nenos e nenas con TDAH-suptipo inatento. A experiencia clínica no Centro de TDAH do Centro Médico Monte Sinaí, non obstante suxire que as medicacións estimulantes que son efectivas no tratamento do subtipo combinado poden ser tamén efectivas no subtipo inatento.

Tamén no Monte Sinaí estanse levando a cabo investigacións, financiadas polo Natonal Institutes of Health, para investigar as dificultades específicas dos nenos e nenas con TDAH-inatento en orientación. Concentración, memoria inmediata e a curto prazo e funcións executivas, como autocontrol, organización e planificación. É de agardar que un mellor coñecemento destas diferenzas leve ao desenvolvemento de enfoques de tratamento psicolóxico e educativo que se dirixa ás necesidades específicas dos nenos e nenas con este subtipo de TDAH.

Referencias:

Carlson, C. L., & Mann, M. (2000). Attention Deficit Hyperactivity Disorder, Predominantly Inattentive subtype. Child and Adolescent Psychiatric Clinics of North America, 9, 499-510.

Solanto, M. V. (2000). The Predominantly Inattentive subtype of AD/HD. CNS Spectrums, 5, 45-51.

Solanto, M. V. (2001). Clinical Grand Rounds (Special Issue on Predominantly Inattentive ADHD). The ADHD Report, 9(1), 12-15.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2008 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
... predominatemente inatento
O meu fillo hiperactivo?? Pero se o seu problema é que non se move!!

Esta pode ser a opinión de pais e mestres de nenos e nenas cando se lles diagnostica Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade – Subtipo Predominantemente Inatento.

A palabra ‘hiperactividade’ pesa – na visión común deste problema- máis que o apelido ‘inatento’.

Non obstante, unha parte dos nenos e nenas con TDAH presentan este subtipo, a miúdo máis difícil de identificar e máis fácil de confundir na valoración que del se fai na casa e na escola.

Os próximos posts van ir, por tanto, dedicados ao TDAH Predominantemente Inatento.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-02-2008 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
TDAH e creatividade
Neste post presentamos un debate sobre a relación entre TDAH e creatividade e o impacto, prexudicial ou beneficioso, que a medicación con estimulantes pode ter sobre a mesma. O debate nace dunha columna publicada por Jeffrey Zaslow no Wall Street Journal en febrero de 2005 co título: E se Einstein tivese tomado Ritalin? O impacto do TDAH na creatividade.

Así mesmo, a continuación podes ler unha resposta a este artigo, obra de Mary Solanto, profesora asociada de psiquiatría da División de Psiquiatría Infanto-Xuvenil da Escola de Medicina Monte Sinaí e directora da clínica de TDAH no Centro Médico Monte Sinaí (N. York).



E se Einstein tivese tomado Ritalin? O impacto do TDAH na creatividade [1]
Jeffrey Zaslow


Nestes días nas escolas estadounidenses, incontables “pallasos da clase” están agora sentados e en silencio. Nos laboratorios de química, estudantes que soían mesturar produtos químicos ao chou, debido á súa curiosidade insaciable, agora concéntranse nos seus libros de texto. Nas clases de lingua, os que en tempos pasmaban ollando pola fiestra, inventando delirantes biografías sobre cada paseante que pasaba, agora ollan o encerado.

O Ritalin [nome comercial do metilfenidato nos EE. UU., que aquí coñecemos como Rubifén] e outros medicamentos para o TDAH axudaron a moitos rapaces a mellorar a súa concentración e a súa conduta –con grande alivio para os seus pais e mestres. Non obstante, os grupos de apoio do TDAH ofrecen longas listas de pensadores creativos que presentaban rasgos clásicos de teren TDAH, como impulsividade, afición a ‘soñar despertos’ e vidas desorganizadas. Entre os que se pensa que presentaban este trastorno cítase a Thomas Edison, Albert Einstein, Salvador Dali ou Winston Churchill.

A pregunta é se a Revolución Ritalin minará a forza creativa dalgúns dos potenciais xenios do día de mañán. Cal será a repercusión nas empresas, nos clubes de comedia ou nos laboratorios de investigación?

Algúns investigadores están a preguntarse se haberá Einsteins e Edisons que escollerán carreiras profesionais diferentes debido a que a súa creatividade está embotada pola medicación do TDAH. Tamén lles preocupa que o estigma de seren etiquetados como TDAHs produza perda de confianza nalgúns rapaces e os leve a diminuír o alcance das súas metas.

Esta preocupación medra xa que os pais e nais que deben sopesar os beneficios dos fármacos para o TDAH coa incertidume que acompaña cada nova xeración de medicamentos, son cada vez máis:
Hoxe en día ata un 12% dos nenos teñen sido etiquetados con TDAH e o número de receitas de fármacos para o TDAH, incluíndo Strattera and Adderall [2], incrementáronse nun 23% entre 2000 e 2003, de acordo coas últimas cifras de Medco Health Solutions Inc. As prescricións para preescolares tamén aumentaron un 49%.

Unha persoa que se concentra mellor tomando Ritalin pode ser “como un cabalo con orelleiras, trotando. Avanza, consegue facer as cousas, pero está menos aberto á inspiración”, di Lara Honos-Webb, psicóloga da Universidade de Santa Clara. No seu libro, titulado “The Gift of ADHD” [O don do TDAH”], identifica talentos que frecuentemente acompañan ao trastorno, incluíndo a creatividade, a exuberancia e a intuición. Cre que os fármacos do TDAH suavizan estes rasgos.

Outros que tratan o TDAH, pola contra, argumentan que cando aos nenos reciben tratamentos axeitados convértense en moito máis capaces. “Deus sabe o que Einstein tería conseguido de ter sido diagnosticado e tratado”, di Wilma Fellman, orientadora que axuda a persoas con TDAH.

É aínda moi cedo para termos estudios a longo prazo do desenvolvemento profesional da actual xeración Ritalin. E certamente, moitos dos que toman Ritalin din que lles axuda; algúns describen a sensación como de que se calmou o circo que había no cuarto. Non obstante, moitos adultos que teñen sobresaído como empresarios, actores, políticos e comunicadores atribúen o seu éxito ao seu TDAH.

En séptimo curso a fins dos 70, Erich Muller era un deses pallasos da clase e os seus mestres tíñanlle posto máis día de castigo que os que había no curso. Tíñanlle instalado un cercado semellante a un cubículo arredor da súa mesa para evitar que mirase para todos os lados. Dixéronlle que debería tomar Ritalin. Os seus pais rexeitárono.

“De neno, eu vía un milleiro de cousas distintas en cada nube”, di Muller. “Os mestres dixéronlle aos meus pais que era ‘creativo demais’. Creativo demais como quen? Como Picasso?” Agora, empregando o nome de “Mancow” e traballando en Chicago, é unha das personalidades radiofónicas mellor pagadas dos EE.UU.

David Neeleman, director xeral de JetBlue Airways, nunca tomou fármacos para o seu TDAH, e agora é un defensor dos rapaces con este trastorno. Di que o TDAH lle axuda a pensar de maneira non convencional, e di que se tivese tomado medicación, tería sido como calquera outro. Di que atopou técnicas para concentrarse mellor, e contratou a outras persoas para manexar os detalles organizativos. A el se lle atribúe a invención do billete aéreo electrónico, que en parte foi un esforzo por axudar á xente co típico rasgo do TDAH de esquecer cousas.

Demasiados rapaces, especialmente nenos que son simplemente revoltosos, está recibindo medicación só cunha avaliación rápida, di William Pollack, profesor clínico axudante na Escola de Medicina de Harvard.

Na súa investigación actual sobre a infancia, o Dr. Pollack atopou evidencias anecdóticas de que o Ritalin volve a algúns rapaces menos interesados en perseguir oportunidades. Un rapaz que el estudiou fora moi activo no club de ciencias da súa escola. Despois de que comezou a recibir Ritalin, sentiu como que a chispa que levaba dentro se extinguira. Perdeu interese no club de ciencias e deixouno. Curiosamente, deixou de tomar Ritalin, volveu ao club e desenvolveu un sistema de alarma luminosa que foi premiado nunha importante competición científica.

Outro participante na investigación do Dr. Pollack e un xenio matemático cuarentón que foi hiperactivo de neno. De adulto, o home gañou varios centos de millóns de dólares desenvolvendo tecnoloxía informática. “As ideas chegábanlle nun flash”, explica o Dr. Pollack. “El sente que se tivese tomado Ritalin de neno, tería rematando dando clase nalgún curso de ciencias”.

Este home tomou Ritalin recentemente xa que a súa muller dicía que a súa hiperactividade estaba danando o seu matrimonio. Mais deuse conta que o fármaco estaba sufocando o seu pensamento. Agora está a probar técnicas condutuais para estar máis calmo na casa.

Os fármacos do TDAH son bos para remediar os puntos febles, non para desenvolver os puntos fortes, di a Dra. Honos-Webb. “Se os teus pais queren que sexas avogado, pode que estes medicamentos che axuden a facelo.” Pero cre que un neno con Ritalin é menos probable que chegue a ser o próximo innovador das empresas punto-com ou mesmo un cómico como Robin Williams.

Por iso desexa que os pais vexan o futuro dos seus fillos en termos menos ríxidos. “A distración –insiste- é unha vía para a inspiración.”



Prexudica a creatividade a medicación do TDAH? [2]
Mary V. Solanto


O artigo do Wall Street Journal, “E se Einstein tivese tomado Ritalin – O Impacto do TDAH na Creatividade”, alega que a medicación estimulante para o TDAH reduce a creatividade. Esta argumentación é moi contraria aos resultados da investigación, ás opinións dos expertos clínicos que tratan o TDAH e coas experiencias dos mesmos adultos afectados. E ademais, xera medos e preocupacións infundadas.

Así como sen ningunha dúbida existen moitas persoas creativas entre os que teñen TDAH, non hai proba algunha que indique que o TDAH en si mesmo confire maior creatividade. De feito, con diferenza a experiencia máis común e que, malia ao talento creativo que poidan ter, os síntomas do TDAH impiden que o mesmo se desenvolva e exprese axeitadamente. Precísase concentración e perseveranza para poñer unha idea no papel, para compoñer unha peza musical, para crear unha peza artística ou para escribir unha novela. Estas son as verdadeiras funcións prexudicadas polo TDAH e beneficiadas pola medicación.

En 1989, levei a cabo un estudio, patrocinado polo National Institutes of Health, no que se examinaba a cuestión de se o metilfenidato (Ritalin) afecta negativamente aos nenos. Para isto, nenos cun diagnóstico claro de TDAH levaron a cabo unha tarefa de “usos alternativos”[4] na que se lles pedía que imaxinasen todos os usos posibles para un obxecto común. As respostas eran puntuadas en base á súa orixinalidade. Así, un uso común dun ladrillo é “para construír unha casa”, mentres que “empregalo como pisapapeis” ou “usalo para facer pesas” puntuábanse como usos orixinais.

A tarefa foi levada a cabo baixo a administración de placebo e tres doses distintas de metilfenidato dentro do rango terapéutico de dosificación. Os resultados, publicados no Journal of the American Academy of Child and Adolescent Psychiatry (Solanto et al., 1989), amosan con grande claridade que os nenos produciron significativamente máis respostas orixinais tomando metilfenidato que as que produciron tomando placebo. Desde entón, outro grupo de investigación tamén atopou un efecto facilitante da actuación debido ao metilfenidato (Douglas et al, 1995) [5] e un terceiro grupo non atopou ningún efecto, nin positivo nin negativo (Funk et al., 1993) [6].

Aínda que non hai publicados polo de agora estudios semellantes sobre os efectos dos estimulantes sobre a creatividade en adultos con TDAH, a experiencia clínica e a evidencia da investigación indica que estes son máis eficaces e produtivos nos seus campos, tanto profesionais como artísticos, cando seguen tratamento para o TDAH (Wilens et al, 2004).

O artigo [que estamos a comentar] confía cegamente en anécdotas para respaldar a afirmación de que os estimulantes reducen a creatividade. Mesmo quedei atónita ante o feito de só un dos citados realmente tiña tomado medicación para os seus sítomas de TDAH. Aínda así temían que o tratamento arruínase a súa creatividade ou enmascarase as súas cualidades especiais. Como profesional que ten avaliado e tratado moitos nenos e adultos con TDAH, atreveríame a dicir que estas persoas tiveron éxito malia o seu TDAH –debido a certa combinación de talento, vigor e apoio- non a causa do TDAH. Con medicación, terían atopado o seu camiño menos bacheado, máis dereito e menos estresante para eles mesmos e para os que están ao seu redor.



Uns apuntes da miña colleita para rematar

O artigo de Jeff Zaslow reflicte en boa medida as teses de Lara Honos-Webb no seu libro The Gift of ADHD. Dalgunha maneira lembra as ideas de Hartmann (que el desenvolve no seu libro ‘The Edison Gene’) que temos comentado noutro post sobre a negación do TDAH como trastorno, pasando a ser unha forma de ser que ‘mola’. Un don.

Esta non é unha idea restrinxida ao TDAH, senón que navegando pola rede podes atopar cousas como o ‘don’ da dislexia, o síndrome de Asperger, etc.

Persoalmente, enfocar o consello orientador aos pais ou mestres dun neno con TDAH dicíndolles que non deben preocuparse nen tratar ao seu fillo, xa que aínda que sexa movido, impulsivo e inatento, aínda que teña risco de fracasar na escola, de verse envolto no futuro en actividades antisociais u no uso de substancias, é posible que o seu fillo chegue a ser un grande inventor, ou artista ou cómico… paréceme un consello profundamente neglixente.

NOTAS:

[1] Podes acceder ao artigo orixinal aquí.

[2] Strattera é o nome comercial da atomoxetina, da que temos falado neste e neste post. Adderall é un combinado de sales anfetamínicas que está autorizado nos EE.UU. e Canadá e se emprega como liña alternativa de tratamento ao metilfenidato.

[3] Podes acceder ao artigo orixinal aquí.

[4] A tarefa de usos alternativos é unha tarefa clásica en psicoloxía para avaliar o pensamento creativo. Foi ideada por Guilford (1967) aínda que na investigación de Solanto e Wender empregaron a batería de Wallach-Kogan, que é semellante.

[5] No estudio de Virginia Douglas e o seu equipo empregáronse cinco tarefas deseñadas para avaliar o pensamento diverxente, o pensamento perseverante (ríxido e inflexible) e a flexibilidade mental, así como o pensamento converxente, a solución de problemas e a velocidade e precisón de procesamento. Os resultados indican unha relación lineal entre a dose de metilfenidato (empregáronse tres doses diferentes, ademais do placebo) e a mellora, sobre todo, da flexibilidade mental, concluíndo que o metilfenidato produce unha mellora global nos procesos de autorregulación.

[6] No traballo de Jeanne Funk e os seus colaboradores empregouse o Test de Pensamento Creativo con Figuras de Torrance, no que a tarefa consiste en observar figuras abstractas e imaxinar qué poden representar. Nesta investigación participou ademais un grupo control (sen TDAH). Os principais resultados atopados foron a falta de diferenzas. Non TDAHs = TDAHs. Con metilfenidato = Sen metilfenidato.


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-02-2008 23:54
# Ligazón permanente a este artigo
Traducción de posts al castellano
Aunque este Blog nació en Galicia y está escrito en gallego, a través del servicio de estadísticas veo que muchos visitantes (seguramente) no son gallegos. Saludos en especial a los visitantes venezolanos y mejicanos, que son un montón.

Para facilitar la lectura, aquí puedes acceder a un traductor gallego-castellano de la Universidad de Vigo. Puedes copiar y pegar el texto en gallego y te devuelve la traducción, o incluso pudes introducir la URL del blog… y aparece en tu navegador traducido!

En todo caso, aunque el resultado es bastante bueno, es una traducción de máquina por lo que puede haber errores.

Saludos
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-02-2008 09:24
# Ligazón permanente a este artigo
Unha boa noticia sobre a atomoxetina
Sengundo informa a fundación ADANA no seu boletín on-line deste mes, o Ministerio de Sanidade está considerando incluír a atomoxetina como fármaco de financiación pública.

Noutro post temos falado xa sobre este fármaco alternativo ao metilfenidato no tratamento do TDAH.

Pode que esta decisión teña que ver coa Proposición non de Lei presentada no mes de xuño pasado no Congreso dos Deputados polo grupo de Izquierda Unida na que reclamaba precisamente tal consideración sobre a atomoxetina. Podes ver o texto da proposición aquí.

Unha boa nova, en todo caso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-02-2008 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
hit counter