Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

O Experimento Marshmallow e o TDAH
Imaxinemos que estamos nunha aula de Educación Infantil chea de nenos e nenas de catro anos. Se alguén nos pedise que fixésemos unha predición sobre cal será o seu rendemento académico futuro e puidésemos escoller qué proba ou probas lles aplicaríamos, seguro que estaríamos de acordo que algunha medida de intelixencia sería útil: é previsible que os máis intelixentes teñan un mellor prognóstico académico. Aínda que tamén estaremos de acordo en que esta relación non ha ser perfecta: alumnos cunha alta intelixencia han ter pobres resultados, ou mesmo fracasarán, en tanto que algúns casos no que a capacidade intelectual non era sobresaínte levarán sen embargo unha marcha escolar exitosa.

Por iso, o feito de que a conduta de nenos e nenas de 4 anos diante dunha lambetada (un marshmallow, ou malvavisco, tamén chamado ?nube?) poida ser un excelente preditor (máis potente que o propio cociente intelectual) de cál será o seu rendemento no futuro no exame SAT (un equivalente á nosa selectividade) resulta chamativo e intrigante.

Está é en resume, a esencia do chamado experimento marshmallow da Universidade de Stanford, considerado como un dos un dos máis impresionantes (pola súa simplicidade e resultados) da historia da psicoloxía, comparable cos levados a cabo por Stanley Milgram sobre a obediencia á autoridade nos anos cincuenta.

Walter Mischel, naquel entón investigador da Universidade de Stanford, deseñou unha proba sinxela para valorar a capacidade dos nenos e nenas para controlar os seus impulsos a través da demora da gratificación. O procedemento empregado era como segue:

Cada participante entraba nunha sala (dotada dun espello unidireccional) no que se lle ofrecía un marshmallow. O experimentador propoñíalle entón un xogo ?de esperar?: El sairía da sala e o neno esperaría por el. Podía comer o marshmallow ou ben podía agardar que o experimentador regresase. Se así o facía, resistindo a tentación de comer o marshmallow, entón o experimentador daríalle outro, co que podería comer finalmente dúas lambetadas.

Mischel e os seus colaboradores levaron a cabo un extenso programa de investigación sobre a demora da gratificación. Analizando aspectos como en qué se diferenciaban os que agardaban dos que non eran quen, en que condicións resultaba máis doado ou máis duro agardar, etc.

Quizais un dos resultados máis chamativos foi o que publicaron en 1989 na revista Science no que se reflectían as diferenzas entre aqueles nenos que agardaran aos 4 anos e os que non foran capaces, nas probas do SAT (Scholastic Aptitude Test):

















  Agardan Non Agardan
Promedio SAT Verbal 610 524
Promedio SAT Matemáticas 652 528



Evidentemente esta diferenza, ao igual que acorría co que comentabamos do coeficiente de intelixencia, tampouco é perfecta e está influída por outros factores (sociais, familiares,?). De todos modos, hai que dicir que representaba o dobre que a influencia (que tamén é coñecida) do estatus socieconómico familiar.

Como consecuencia, en todo caso, habería que sinalar que ?volvendo á aula de Infantil na que nos situabamos ao principio- a impulsividade dos nenos e nenas que nos rodean ha ter unha importante influencia na súa marcha escolar.

A razón de lembrar agora o experimento marshmallow é a próxima aparición dun artigo no que se analiza a relación entre a actuación na tarefa de demora da gratificación e os síntomas de TDAH. O mesmo procede dos datos do Study of Early Child Care and Youth Development, un grande estudio sobre o desenvolvemento infantil que se veu levando a cabo nos EE.UU. desde 1991, organizado polo National Institute of Child Health and Human Develpoment (NICHD ?Instituto Nacional de Saúde Infantil e Desenvolvemento Humano).

O estudio, recolleu un extenso volume de datos sobre máis de 1000 nenos e nenas e as súas familias en 10 zonas distintas do país. Unha das investigadoras participantes, desde a Universidade de Pittsburgh é Susan Campbell, que vén traballando desde hai anos nos síntomas e evolución temperán do TDAH.

No artigo, publicado xunto con Camilla von Stauffenberg, as autoras atoparon que a actuación dos participantes á idade de 54 meses na tarefa do marshmallow constitúe un bo predictor para coñecer os síntomas de TDAH que amosaron cando estaban en 3º grao (equivalente a 3º de primaria).

Ademais, sinalan que os ?nenos e nenas con maior aversión á demora na idade preescolar poden estar en risco de dificultades máis xerais na infancia media, reflectidas non só en síntomas, tanto de inatención como de hiperactividade-impulsividade, senón tamén de maiores problemas externalizantes e peores habilidades sociais cando estean en 3º curso?.

En resume, a observación da conduta de autocontrol diante dunha lambetada dun neno de catro anos pode darnos excelentes pistas sobre como será a súa infancia e adolescencia.

Algunhas preguntas, para rematar, que me veñen á cabeza:

Qué sucederá cos resultados das probas PISA destes rapaces, cando teñan 15 anos?

Qué diferenza haberá entre os que son quen de agardar e os que non?

Deberían as autoridades educativas preocuparse por estes aspectos?

Debemos preocuparnos os profesionais do ensino?...





Os artigos comentados son:
Mischel, W., Shoda, Y., & Rodriguez, M.I. (1989). Delay of gratification in children. Science, 244, 933-938.

Campbell, S.B. & Stauffenberg, C. (2008). Delay and Inhibition as Early Predictors of ADHD Symptoms in Third Grade. Journal of Abnormal Child Psychology (de próxima aparición)
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-10-2008 23:19
# Ligazón permanente a este artigo
Dous clásicos ?salvaxes? na historia da investigación sobre TDAH



Existe unha tendencia a pensar que a investigación científica, calquera que sexa o seu campo, segue uns criterios non só metodolóxicos, senón tamén éticos, desde que a ciencia é ciencia. Mais en realidade hai non tantos anos, os estándares de control e os requisitos éticos eran ben diferentes do que son hoxe en día.
Neste post comentaremos dous artigos clásicos da historia da investigación sobre o que hoxe chamamos TDAH. O que tamén nos dará oportunidade de coñecer os peculiares métodos experimentais que se empregaban na época.

O descubrimento dos efectos dos estimulantes sobre a conduta perturbadora

O primeiro informe sobre efecto ?chamado entón paradoxal- dos fármacos estimulantes sobre a conduta perturbadora publicouno en 1937 Charles Bradley no American Journal of Psychiatry.

Bradley era o director do primeiro hospital psiquiátrico infantil creado nos EE.UU.(o Emma Pendleton Bradley Home), algo que agora nos soa realmente mal, pero que naquela época se fixo común e no que nenos e nenas con moi diferentes problemas foron tratados. En palabras de Bradley o centro en cuestión estaba ?admirablemente adaptado para a observación da conduta dos nenos en condicións controladas? (Hai que dicir ao respecto que os lazos familiares que unían ao doutor Bradley á institución quizais lle provocaban un exceso de entusiasmo). A descrición continuaba:

?O hospital trata só a pacientes residentes ata os 12 anos, de intelixencia normal, que presenten trastornos neurolóxicos e condutuais. Dado que estas crianzas requiren un tratamento prolongado, as instalacións foron deseñadas para proporcionar a maioría das características desexables nunha comunidade, incluíndo escola, actividades ?scout?, deportes, etc?

Foi nestas condicións nas que un grupo de 30 pequenos pacientes (21 nenos e 9 nenas) entre os 5 e os 14 anos foron seleccionados para recibir un tratamento con benzedrina, un composto anfetamínico nunca ata ese momento probado con nenos.

Aínda que no artigo non fai ningunha referencia a qué levou a Bradley a probar esta substancia cos seus pacientes, o certo e que foi un ensaio, para probar se desta maneira se aliviaban as dores de cabeza que sofrían os pequenos, e que eran consecuencia doutra práctica investigadora do equipo médico do Fogar Emma P. Bradley: as puncións na médula espiñal.

O certo é que os resultados foron inesperados: O comportamento da metade dos nenos e nenas que actuaban como cobaias mellorou ao longo da semana na que recibiron a benzedrina, a súa conduta motriz ?en contra do esperado- tranquilizouse e ademais mellorou espectacularmente (ao dicir de Bradley) o seu desempeño escolar:

?Os diferentes mestres, ao informaren destes pacientes, que variaban en idade e grao de aproveitamento escolar, coincidiron en que de inmediato se notara un grande interese na materia escolar. Apareceu un ?impulso? para acadar o máximo posible durante a xornada escolar, e frecuentemente pasaban tempo extra completando traballo adicional. A velocidade na comprensión e precisión na execución incrementouse na maioría dos casos. (?) A mellora apareceu no primeiro día que se lles deu benzedrina e desapareceu no primeiro día que se lles retirou.?

Bradley, consciente do carácter estimulante do fármaco administrado, anotou o aparentemente paradoxal dos resultados obtidos, ao calmaren e melloraren a conduta dos pequenos pacientes, aínda que apuntou unha reflexión que está en liña co que hoxe coñecemos sobre os efectos deste tipo de fármacos:

?Debe terse en conta, non obstante, que partes dos niveis superiores do sistema nervioso central teñen como función a inhibición, e que a estimulación destas partes podería de feito producir o cadro clínico de reducir a actividade ao incrementarse o control voluntario?.


Photo-metrazol

Vinte anos máis tarde, o Emma Pendleton Bradley Home continuaba o seu labor, e o seu director era Maurice Laufer, quen xunto cos seus colaboradores desenvolveu estudios sobre o que chamaron Trastorno de Impulso Hipercinético.

Segundo unha corrente en boga na época, que unía elementos neurolóxicos e psicodinámicos, Laufer e os seus colegas estableceron como hipótese que a hiperactividade tiña como causa unha disfunción no diencéfalo (a parte inferior na que se sitúan estruturas como o tálamo e o hipotálamo).

Segundo isto, tal disfunción impediría que esta estrutura deixase de cumprir un papel de ?filtro? e o córtex se vise exposto a intensas ?treboadas? de estímulos.

Para probar tal teoría, empregaron unha técnica en boga na época: o Photo-Metrazol. A mesma baseábase na evidencia de que as ráfagas de luz escintilante provocan episodios convulsivos nas persoas con epilepsia. E, por outra banda no emprego dunha substancia (o metrazol) que provoca convulsións. Desta maneira, a técnica, desenvolvida polo neurólogo francés Gastaut, consistía na inxección progresiva de metrazol ao tempo que se disparaban flashes mediante un estroboscopio. A idea é que, chegado un umbral, en toda persoa se produce o disparo da reacción paroxística, ao que chamaron ?umbral photo-metrazol?; e suponse que as persoas con dano diencefálico ?aínda que este non sexa coñecido- han ter un umbral máis baixo que as persoas sanas (é dicir, convulsionarán con menor cantidade de metrazol).

O estudio publicado en 1957 por Laufer, Denhoff e Solomons na revista Psichosomatic Medicina, relataba cómo se someteu a 50 nenos de entre 7 e 14 anos (dos que 32 presentaban un cadro condutual de hiperactividade ) á proba de Gastaut.

En efecto, o umbral ou cantidade media necesaria para elicitar a convulsión foi diferente para ambos grupos: mentres que o grupo non hiperactivo precisaba un promedio de 6,35 mg/kg; o grupo con ?síndrome de impulso hiperactivo? precisaba so 4,65 mg/kg de metrazol para superar o umbral.

Outro aspecto que comprobaron Laufer es os seus colegas era o posible efecto dos estimulantes descuberto por Bradley 20 anos atrás sobre o umbral Photo-metrazol. Para isto, os nenos e nenas foron sometidos ao test en dúas condicións diferentes: con e sen administrarlles d-anfetamina antes da proba. Os resultados obtidos indicaban que en efecto a administración de d-anfetamina aumentaba o umbral Photo-metrazol.

A pregunta, a estas alturas, pode ser se o paradigma do photo-metrazol conseguiu en definitiva dar unha explicación da hiperactividade. A resposta, en palabras dos propios autores é que non, e recoñecen que as interpretacións ás que se pode chegar son en efecto amplamente especulativas ao non existiren datos que relacionasen de maneira clara as actividades diencefálica e cortical.

Hoxe en día sabemos que a ?hipótese diencefálica? e a súa relación coa susceptibilidade ás convulsións non teñen respaldo. Así mesmo, o emprego do metrazol está prohibido pola OMS.




Os artigos orixinais son:

Bradley, C. (1937) The behavior of children receiving Benzedrine. American Journal of Psychiatry, 94: 577-585

Laufer, M.W., Denhoff, E. e Solomons, G. (1957). Hyperkinetic Impulse Disorder in Children's Behavior Problems. Psychosomatic Medicine, 19: 38-49
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 01:56
# Ligazón permanente a este artigo
Aversión á demora
Se calquera persoa recibe unha carta da Axencia Tributaria anunciándolle de que, debido a un erro, vanlle ser devoltos 1.000 ?, evidentemente leva unha alegría. Se na fin da carta aparecen dous recadros nos que se pode escoller o modo de devolución (inmediato ou dentro de tres meses) tampouco teriamos dúbida de que todo o mundo prefire que a alegría sexa inmediata. ?O que espera desespera? é unha expresión popular que expón a nosa preferencia polas satisfaccións inmediatas, e a nosa aversión pola demora das mesmas.

Mais como todo ten o seu prezo, imaxinemos que na suposta carta da Axencia Tributaria, na opción de ?devolución demorada? nos ofrecesen unha gratificación pola espera: no canto de 1.000, devolverannos 1.300 ?. Quizais entón moitas persoas prefiran esperar porque a cambio de ter que agardar recibirán unha recompensa maior.

Neste sentido pódese dicir que a demora ten un prezo e seguramente poderíamolo comprobar se repetísemos o ?experimento? da nosa carta con distintas ?recompensas?. Para cada persoa, a partir de certa cantidade, compensaría esperar.

Edmund Sonuga?Barke é un investigador da Universidade de Southampton que vén desde hai anos desenvolvendo estudios sobre a aversión á demora nos nenos e nenas con TDAH. Para este autor, a impulsividade que caracteriza ás persoas con TDAH non se debe (polo menos en exclusiva) a unha dificultade de control da inhibición, senón que a aversión á demora é tamén responsable da mesma.

Desta maneira, un dos problemas para estas nenas e nenos é esperar. Se a recompensa ao seu esforzo non é inmediata, a espera resúltalles aversiva e prefiren abandonar a tarefa. Isto daríanos unha explicación ao seu frecuente abandono das tarefas escolares e do estudio (que frecuentemente son gratificados con boas calificacións? á fin do trimestre).

A causa deste comportamento encóntrase na reducida sensibilidade ao reforzamento que presentan as persoas con TDAH. Desta maneira, é necesario un reforzamento máis inmediato, frecuente ou intenso para manter o grao de implicación nas tarefas.

Sonuga-Barke e os seus colegas publicaron en 1992 o seu primeiro estudio sobre o efecto da aversión á demora nos nenos e nenas con TDAH. Para o mesmo compararon a dous grupos (TDAH e Control) nunha tarefa na que se manipulaban as recompensas e as demoras (Choice-Delay Task, ou Tarefa de escolla-demora). Na mesma, os participantes podían escoller en cada ensaio entre unha gratificación pequena (1 punto) cunha demora pequena (2 segundos), ou unha gratificación maior (2 puntos) cunha demora máis longa (30 segundos).

A escolla facíase en varias condicións. Os nenos e nenas con TDAH non se diferenciaron dos controis cando podían escoller a gratificación pequena moitas veces (co que finalmente sumaban moitos puntos) en vez de esperar pola gratificación maior. Neste caso, ambos grupos preferiron a gratificación pequena.

Así mesmo, cando os ensaios levaban un tempo de espera posterior, de tal maneira que independentemente das escollas feitas, a sesión duraba o mesmo, ambos grupos preferiron as recompensas maiores.

Non obstante, cando había un número limitado de intentos, de maneira que escoller as recompensas pequenas acurtaba a duración da sesión a costa de obter menor puntuación, os participantes con TDAH amosaron unha menor preferencia polas recompensas maiores-demoradas (18%) que os participantes controis (48%).

Desde entón, moitos estudios se teñen feito con esta tarefa ou con outras semellantes (por exemplo o Maudsley Index of Delay Aversion, de Jonna Kuntsi e os seus colaboradores da Univesidade de Londres) nas que se vén acumulando evidencia do papel da aversión á demora no TDAH.

A diferenza do control inhibitorio e outras funcións executivas relacionadas co TDAH, que teñen que ver todas elas co control cognitivo, a aversión á demora supón un déficit de tipo motivacional.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-10-2008 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0