Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Efectos do TDAH paterno/materno sobre os fillos
Existe acordo entre os investigadores en que o TDAH é un trastorno familiar. A familiaridade indica que cando identificamos a unha persoa co trastorno, os seus familiares directos teñen maior probabilidade de presentar tamén o trastorno que os familiares dunha persoa sen TDAH.

Pero, que indica a familiaridade? Quizais que existe unha suceptibilidade xenética nesa familia que é a orixe do TDAH? Ou ben, que a forma de educar nesa familia é, en si mesma, causante do trastorno? Ou mesmo puidera ser que a familiaridade sexa produto dunha interacción entre condicións xenéticas e condicións?... O certo é que o concepto de familiaridade pode ser explicado de todas estas maneiras.

No caso do TDAH existe unha forte evidencia sobre a orixe herdada do trastorno, que se ten atopado mediante diferentes estudios que evitan (ou controlan) precisamente os efectos da transmisión mediante a crianza familiar (p.ex. estudios con xemelos, estudios de adopción, estudios de xenética molecular,?). Non obstante, o efecto de ser criado por un pai ou nai con TDAH sobre os síntomas e dificultades da súa descendencia, segue sendo un aspecto de grande interese, xa que é razoable pensar que a presenza de síntomas activos de TDAH no pai ou na nai pode ter como efecto un ambiente familiar máis caótico, polo que os fillos desta familia sufrirán un impacto negativo con respecto a aqueloutros nenos e nenas con pais sen TDAH.

Investigadores do Massachusetts General Hospital (Boston, EE.UU.) levaron a cabo un estudio dirixido precisamente a comprobar cal é este efecto nun amplo grupo de nenos e nenas (con e sen TDAH). Para isto, recolleron datos de dous estudios nos que se controlaba a nenos e nenas con TDAH e ás súas familias. Desta maneira, puideron establecer tres grupos de pais e nais:
a) Pais e nais sen TDAH.
b) Pais e nais que tiveron TDAH, (por exemplo, na súa infancia) aínda que o trastorno desaparecera antes de que o seu fillo ou filla nacese.
c) Pais e nais nos que aínda persiste o TDAH.
A intención dos investigadores era comprobar se os efectos sobre os síntomas (de inatención, hiperactividade,?) e sobre os problemas escolares da súa descendencia eran semellantes ou diferentes para cada grupo de pais e nais.

Intuitivamente debemos pensar que os nenos e nenas con menos problemas serán os fillos dos pais e nais do grupo A. Sen embargo, o que está menos claro é se os problemas dos fillos dos pais e nais dos grupo B e C serán iguais ou sensiblemente diferentes. Por unha banda, parece que os fillos e fillas do grupo C deberían ter os maiores problemas, mais se o TDAH é esencialmente unha condición neurobiolóxica de orixe xenética, pode que os fillos con TDAH dos grupos B e C non difiran esencialmente entre si nas súas dificultades aínda que si poderían diferir os fillos sen TDAH.

Así mesmo, se consideramos que habitualmente as nais teñen un maior papel na crianza e educación dos fillos, poderíase esperar que:

-se os síntomas de TDAH esencialmente se herdan, non deberían atoparse diferenzas entre os fillos co pai con TDAH e os fillos coa nai con TDAH, mentres tanto,

-se os síntomas de TDAH, teñen máis que ver coa crianza, poderiamos atopar que os fillos coa nai con TDAH teñan maiores problemas que os que teñen un pai con TDAH.

Vexamos cáles foron os resultados obtidos no estudio:

-En primeiro lugar, como era esperable, as dificultades e sintomatoloxía dos fillos dos pais e nais do grupo A foron menores que as outros dous grupos.

-Non obstante, entre os nenos e nenas con TDAH, non se atoparon diferenzas nas súas dificultades polo feito de que os síntomas parentais estivesen activos (grupo C) ou non (grupo B). É dicir, parece que o feito de que unha persoa teña nalgún momento da súa vida (por exemplo, na infancia) TDAH, incrementa o risco de que a súa descendencia tamén poida presentar o trastorno.

-Significa isto que o feito de que un pai ou nai teña TDAH non ten ningún efecto sobre a crianza dos seus fillos, aparte de que lles poida ?pasar en herdanza? o mesmo? Os resultados a este respecto sinalan algo curioso: os efectos negativos sobre as dificultades nos fillos son máis evidentes naqueles nenos e nenas que non teñen TDAH. Semellando, dalgunha maneira, que naqueles que si o teñen, as súas dificultades asócianse esencialmente ao trastorno en si mesmo. Polo contrario, naqueles libres do trastorno, parece que as dificultades escolares que experimentan son maiores se o seu pai ou nai ten TDAH que se o tivo son na súa infancia/adolescencia, mais xa non o tiñan cando eles naceron.

-Así mesmo, en contra do inicialmente esperado polos investigadores, non se atoparon diferenzas nas dificultades entre aqueles nenos e nenas que tiñan o pai con TDAH e os que tiñan a nai con TDAH.

Qué conclusión poden derivarse deste estudio?

Por unha banda, dunha maneira global, pódese concluír que o estudio respalda o carácter hereditario da familiaridade do TDAH. Desta maneira o TDAH filial non sería ?aprendido? senón herdado do pai ou nai, e -nese sentido- a expresión tan frecuente entre as avoas dos nenos e nenas con TDAH, afirmando que o seu neto ou neta é ?igualiño ao seu pai / á súa nai, cando era do seu tempo? vese respaldada polos resultados, mesmo aínda que na actualidade o pai ou a nai xa non teñan un cadro que xustifique a continuidade do diagnóstico.


O artigo comentado é:
Biederman, J., Faraone, S.V. e Monuteaux, M.C. (2002). Impact of exposure to parental attention-deficit hyperactivity disorder on clinical features and dysfunction in the offspring. Psychological Medicine, 32, 817-827
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2010 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0