Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

O TDAH como estigma
Os trastornos que afectan ao desenvolvemento, así como os trastornos mentais en xeral, ademais dos seus síntomas característicos, e da afectación na vida e no benestar de quen os presentan, soen ir acompañados, en maior ou menor medida, dun efecto secundario asociado: o estigma social.

O estigma existe en varios niveis: prexuízo e discriminación pública, mais tamén auto-estigma (a través da aceptación dos prexuízos que rodean socialmente o seu problema), e mesmo se ten descrito a existencia dun estigma que afecta aos familiares da persoa que presenta o trastorno.

Todas estas formas de estigma, seguramente son coñecidas polas persoas que presentan TDAH e polos seus familiares. De feito, nun estudo publicado en 2007 no que se indagou sobre as causas de rexeitamento social relacionadas cos problemas de saúde mental, ter TDAH (xunto coa depresión) aparecían como as causas susceptibles de maior rexeitamento.

Dous estudos recentes veñen de afondar no coñecemento do estigma no TDAH:

No primeiro deles, levado a cabo por investigadoras dos EE.UU. e Canadá, analizáronse as experiencias de estigmatización relatadas por pais e nais de nenos e adolescentes con TDAH (entre 6 e 18 anos).

Os resultados atopados indican que o 77% dos entrevistados sufriron experiencias estigmatizantes: case a metade (44%) amosábanse preocupados de cómo a sociedade etiquetaría ao seu fillo, o 40% sentira illamento e rexeitamento, e un 21% informaba de sufrira desdén sobre as súas preocupoacións por parte dos profesionais da saúde mental e do persoal escolar.

As autoras do estudo sinalaban a necesidade de actuar para minimizar a ocorrencia do estigma social xa que, ademais do sufrimento que leva consigo, pode interferir coa procura e seguimento de tratamentos ou intervecións escolares axeitadas.

No outro estudo que hoxe comentamos, investigadoras da Universidade de Florida deseñaron un cuestionario para valorar o estigma no TDAH (ADHD Stigma Questionnaire) que prresentaron a un grupo de adolescentes (11-19 anos) entres os cales dous terzos amosaban alto risco de TDAH.

As respostas dos adolescentes indican que existen tres factores relacionados coa imaxe ante a sociedade de presentar TDAH: preocupación por que se coñeza a condición de afectado polon trastorno, auto-imaxe negativa e preocupación polas actitudes sociais cara as persoas afectadas.

Como elemento ilustrativo, a continuación figuran os dez ítems do cuestionario sobre os que os adolescentes que responderon amosan maior preocupación (entre paréntese figura a porcentaxe de participantes de acordo con cada un):

-Preocupación de que os outros poidan xulgalos (66,8%)
-Ter coidado de a quén se lle di (que se ten TDAH) (63,5%)
-Dicirlle ás persoas próximas que garden o secreto (60,8%)
-Preocupación por sentirse discriminados polos demais (55,8%)
-As actitudes dos demais fan que as persoas con TDAH se sintan peor consigo mesmos (58,3%)
-Lamentar terlle dito a algunhas persoas o feito de ter TDAH (53,9%)
-As cousas positivas das persoas con TDAH tenden a ser ignorados polos demais (52,8%)
-As actitudes dos demais fan que as persoas con TDAH se sintan peor consigo mesmos (58,3%).
-Algunhas persoas actúan como se ter TDAH fose en realidade culpa de que o ten (49,8%).
-Sentimento de que é perigoso dicilo (49,5%).

É frecuente escoitar publicamente que o TDAH é hoxe en día un moda social. Independentemente da opnión que cada un teñamos sobre as bases para sustentar esa afirmación, os artigos que hoxe comentamos poñen en evidencia que a suposta moda é, en todo caso, algo que causa sufrimento social aos que teñen TDAH e que todos, e especialmente quen ten que ver co seu desenvolvemento como persoas (familia, escola, servicios de saúde), temos que esforzarnos día a día para reducir este penoso efecto secudario.

Os artigos comentados son:
Martin, J.K., Pescosolido, B.A., Olafsdottir, S. e Mcleod, J.D. (2007). The construction of fear: Americans' preferences for social distance from children and adolescents with mental health problems. Journal of Health and Social Behavior, 48 , 50–67.

dosReis, S., Barksdale, C.L., Sherman, A., Maloney, K. e Charach, A. (2010). Stigmatizing Experiences of Parents of Children With a New Diagnosis of ADHD. Psychiatric Services, 61, 811-816.

Kellison, I., Bussing, R., Bell, L. e Garvan, C. (2010). Assessment of stigma associated with attention-deficit hyperactivity disorder: Psychometric evaluation of the ADHD Stigma Questionnaire. Psychiatry Research, 178, 363–369.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-12-2010 11:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter