Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

TDAH e Dificultades Motrices
Frecuentemente danse problemas de tipo motor nas persoas con TDAH. Sen embargo este aspecto non ten recibido demasiada atención por parte dos investigadores, comparado con outros aspectos que habitualmente tamén son comórbidos co TDAH, como o comportamento negativista ou o disocial, ou as dificultades na lectura. Nalgúns estudios, nos que este aspecto se valorou, entre un 30 e un 50% dos casos de TDAH tamén presentaban problemas de tipo motor importantes abondo como para que puidese recibir, ademais do diagnóstico de TDAH, o de Trastorno do Desenvolvemento da Coordinación (DSM-IV: 315.4).

Os problemas motores teñen ademais un severo impacto na vida diaria dos nenos e nenas con TDAH: Xa sabemos que polos seu problemas de inatención, impulsividade, hiperactividade os nenos e nenas con TDAH tenden a seren pouco populares socialmente, ou mesmo seren ignorados/rexeitados polos seus iguais. Se ademais se acompañan outros problemas como non saber montar en bici, ser torpes para vestirse/espirse, ser pouco hábil en xogos e deportes, ter moi mala letra,… isto engadirá máis dificultades sociais ás xa existentes.

Nun estudio levado a cabo por investigadores holandeses que se publicou o ano pasado, examinaron ata que punto existía un infradiagnóstico dos problemas motores nos nenos e nenas con TDAH; e se existían aspectos diferentes entre aqueles casos que si foran identificados e tratados con respecto a aqueles nos que non se tiñan identificado previamente dificultades motrices.

Os participantes foron máis de 200 nenos e nenas con diagnóstico confirmado de TDAH, así como máis de 100 que actuaron como controis.

Os resultados atopados indicaron que entre un 35 e un 38% dos que tiñan TDAH tamén presentaban problemas motores (mentres que entre os membros do grupo control estas porcentaxes oscilaban entre o 4 e o 9%).

Comprobouse tamén que só a metade destes nenos e nenas tiña recibido atención aos seus problemas psicomotores (reeducación psicomotriz) e de maneira curiosa, recibiran esta atención con maior frecuencia se foran identificados por seus pais que se o foran polo profesorado. Sen embargo, isto non se debía a que o profesorado tivese máis dificultade para identificar os problemas psicomotores. Os investigadores suxerían que puidera ser un problema de falla de comunicación entre pais e mestres, aínda que outras explicacións tamén poden ser posibles: pode que os problemas motrices –dentro do ámbito escolar- sexan considerados menos relevantes ou preocupantes que outros como poden ser o comportamento disruptivo ou as dificultades de aprendizaxe.

Outro aspecto atopado é que os nenos e nenas con maiores problemas comórbidos de conduta, ou aqueixados de ansiedade foran tratados en menor medida das súas dificultades motrices. Tendo en conta que en Holanda a rehabilitación psicomotriz está incluída na sanidade pública de maneira gratuíta, semella que os pais de aqueles nenos e nenas con mais problemas asociados priorizaban os aspectos de tipo condutual ou de ansiedade fronte ás dificultades motrices.

En resumo, en opinión dos autores, as dificultades motrices parecen ser frecuentes e importantes en moitos nenos e nenas con TDAH e, por outra banda, soen ser pasadas por alto nos protocolos de avaliación. Neste sentido recomendan que as dificultades motrices sexan incluídas de maneira rutinaria na diagnose do TDAH, recomendando como instrumento de cribado cuestionarios como o DCD-Q.

O artigo comentado é: Fliers, E.A.,Franke, B., Lambregts-Rommelse, N., Altink, M.E., Buschgens,C., Nijhuis-van der Sanden, M., Sergeant, J.A., Faraone, S.V. e Buitelaar, J.K. (2009). Undertreatment of Motor Problems in Children with ADHD. Child and Adolescent Mental Health, 5, pp. 85-90.

Podes acceder obter o DCD-Q (Developmental Coordination Disorder Questionnaire) en www.dcdq.ca
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-07-2010 00:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
hit counter