Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Aprender dos propios erros ten base xenética
Unha característica que se asocia á boa adaptación é a capacidade de aprender dos propios erros. Vén de publicarse na revista Science un estudio no que investigadores alemáns atoparon evidencia da compoñente xenética deste tipo de aprendizaxe.

Segundo os autores deste estudio, o neurotransmisor dopamina é un elemento esencial no recoñecemento das consecuencias negativas das nosas actuacións.

Para isto empregaron un procedemento no que aos participantes se lles presentaban dous caracteres chineses, cada un deles asociado a acerto ou erro. Tras de varios intentos avaliábase a súa aprendizaxe destas regras.

Os resultados amosaron que as persoas que son portadoras do alelo A1 do xene D2 –que está implicado no nivel de dopamina dispoñible- eran menos eficientes na aprendizaxe da evitación das consecuencias negativas.

A pregunta a estas alturas do post supoño que será: ¿Qué ten que ver isto co TDAH?

A cousa vén a conto de que as persoas con TDAH parecen ter unha menor dipoñibilidade de dopamina e varios estudios teñen atopado relación entre o xene D2 e a aparición de TDAH.

De feito téñense feito estudios con persoas con TDAH nas que se teñen avaliado aspectos semellantes aos deste estudio:

-O Wisconsin Card Sorting Test é unha proba na que os participantes deben clasificar cartas en catro lotes , segundo isto cada carta pode ser clasificada segundo a forma, cor ou número dos obxectos que aparecen na mesma. Ao participante infórmaselle de se o está facendo ben ou mal, o problema é que, sen aviso, o criterio de clasificación é cambiado, polo que –dándose conta dos seus erros- debe descubrir o novo criterio. As persoas con TDAH soen ter peores resultados nesta proba.

-A Iowa Gambling Task é unha proba na que os participantes deben escoller entre cartas de catro pilas, en cada carta obtéñense ganancias e perdas. Dúas pilas de cartas son desvantaxosas xa que, aínda que proporcionan maiores ganancias, tamén conlevan maiores perdas, polo que ao cabo, o saldo entre ambas é negativo. Nas outras dúas pilas, as ganancias son menores por carta, mais as perdas tamén o son, polo que o saldo final é máis beneficioso. Os participantes soen aprender cales son as opcións máis vantaxosas e progresivamente escóllenas con maior frecuencia. Non obstante, as persoas con TDAH soen ter maiores problemas para darse conta desta relación e escollen as cartas das pilas ‘desvantaxosas’ con maior frecuencia.
Os mecanismos que se empregan na tarefa de Wisconsin non son os mesmos que os da tarefa de Iowa, xa que diferentes partes do córtex prefrontal parecen estar implicadas en cada unha. Non obstante en ambas parece ter un importante papel o nivel de dopamina.

Polo tanto, este estudio, aínda que non dirixido directamente á investigación sobre TDAH, vén engadir nova evidencia á heredabilidade das funcións asociadas ao lóbulo frontal.

O artigo orixinal é:
Tilmann, A. K. et al (2007) Genetically Determined Differences in Learning from Errors. Science, Vol. 318. no. 5856, pp. 1642 - 1645
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-12-2007 23:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter