Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Dous clásicos “salvaxes” na historia da investigación sobre TDAH



Existe unha tendencia a pensar que a investigación científica, calquera que sexa o seu campo, segue uns criterios non só metodolóxicos, senón tamén éticos, desde que a ciencia é ciencia. Mais en realidade hai non tantos anos, os estándares de control e os requisitos éticos eran ben diferentes do que son hoxe en día.
Neste post comentaremos dous artigos clásicos da historia da investigación sobre o que hoxe chamamos TDAH. O que tamén nos dará oportunidade de coñecer os peculiares métodos experimentais que se empregaban na época.

O descubrimento dos efectos dos estimulantes sobre a conduta perturbadora

O primeiro informe sobre efecto –chamado entón paradoxal- dos fármacos estimulantes sobre a conduta perturbadora publicouno en 1937 Charles Bradley no American Journal of Psychiatry.

Bradley era o director do primeiro hospital psiquiátrico infantil creado nos EE.UU.(o Emma Pendleton Bradley Home), algo que agora nos soa realmente mal, pero que naquela época se fixo común e no que nenos e nenas con moi diferentes problemas foron tratados. En palabras de Bradley o centro en cuestión estaba “admirablemente adaptado para a observación da conduta dos nenos en condicións controladas” (Hai que dicir ao respecto que os lazos familiares que unían ao doutor Bradley á institución quizais lle provocaban un exceso de entusiasmo). A descrición continuaba:

“O hospital trata só a pacientes residentes ata os 12 anos, de intelixencia normal, que presenten trastornos neurolóxicos e condutuais. Dado que estas crianzas requiren un tratamento prolongado, as instalacións foron deseñadas para proporcionar a maioría das características desexables nunha comunidade, incluíndo escola, actividades ‘scout’, deportes, etc”

Foi nestas condicións nas que un grupo de 30 pequenos pacientes (21 nenos e 9 nenas) entre os 5 e os 14 anos foron seleccionados para recibir un tratamento con benzedrina, un composto anfetamínico nunca ata ese momento probado con nenos.

Aínda que no artigo non fai ningunha referencia a qué levou a Bradley a probar esta substancia cos seus pacientes, o certo e que foi un ensaio, para probar se desta maneira se aliviaban as dores de cabeza que sofrían os pequenos, e que eran consecuencia doutra práctica investigadora do equipo médico do Fogar Emma P. Bradley: as puncións na médula espiñal.

O certo é que os resultados foron inesperados: O comportamento da metade dos nenos e nenas que actuaban como cobaias mellorou ao longo da semana na que recibiron a benzedrina, a súa conduta motriz –en contra do esperado- tranquilizouse e ademais mellorou espectacularmente (ao dicir de Bradley) o seu desempeño escolar:

“Os diferentes mestres, ao informaren destes pacientes, que variaban en idade e grao de aproveitamento escolar, coincidiron en que de inmediato se notara un grande interese na materia escolar. Apareceu un “impulso” para acadar o máximo posible durante a xornada escolar, e frecuentemente pasaban tempo extra completando traballo adicional. A velocidade na comprensión e precisión na execución incrementouse na maioría dos casos. (…) A mellora apareceu no primeiro día que se lles deu benzedrina e desapareceu no primeiro día que se lles retirou.”

Bradley, consciente do carácter estimulante do fármaco administrado, anotou o aparentemente paradoxal dos resultados obtidos, ao calmaren e melloraren a conduta dos pequenos pacientes, aínda que apuntou unha reflexión que está en liña co que hoxe coñecemos sobre os efectos deste tipo de fármacos:

“Debe terse en conta, non obstante, que partes dos niveis superiores do sistema nervioso central teñen como función a inhibición, e que a estimulación destas partes podería de feito producir o cadro clínico de reducir a actividade ao incrementarse o control voluntario”.


Photo-metrazol

Vinte anos máis tarde, o Emma Pendleton Bradley Home continuaba o seu labor, e o seu director era Maurice Laufer, quen xunto cos seus colaboradores desenvolveu estudios sobre o que chamaron Trastorno de Impulso Hipercinético.

Segundo unha corrente en boga na época, que unía elementos neurolóxicos e psicodinámicos, Laufer e os seus colegas estableceron como hipótese que a hiperactividade tiña como causa unha disfunción no diencéfalo (a parte inferior na que se sitúan estruturas como o tálamo e o hipotálamo).

Segundo isto, tal disfunción impediría que esta estrutura deixase de cumprir un papel de “filtro” e o córtex se vise exposto a intensas “treboadas” de estímulos.

Para probar tal teoría, empregaron unha técnica en boga na época: o Photo-Metrazol. A mesma baseábase na evidencia de que as ráfagas de luz escintilante provocan episodios convulsivos nas persoas con epilepsia. E, por outra banda no emprego dunha substancia (o metrazol) que provoca convulsións. Desta maneira, a técnica, desenvolvida polo neurólogo francés Gastaut, consistía na inxección progresiva de metrazol ao tempo que se disparaban flashes mediante un estroboscopio. A idea é que, chegado un umbral, en toda persoa se produce o disparo da reacción paroxística, ao que chamaron “umbral photo-metrazol”; e suponse que as persoas con dano diencefálico –aínda que este non sexa coñecido- han ter un umbral máis baixo que as persoas sanas (é dicir, convulsionarán con menor cantidade de metrazol).

O estudio publicado en 1957 por Laufer, Denhoff e Solomons na revista Psichosomatic Medicina, relataba cómo se someteu a 50 nenos de entre 7 e 14 anos (dos que 32 presentaban un cadro condutual de hiperactividade ) á proba de Gastaut.

En efecto, o umbral ou cantidade media necesaria para elicitar a convulsión foi diferente para ambos grupos: mentres que o grupo non hiperactivo precisaba un promedio de 6,35 mg/kg; o grupo con “síndrome de impulso hiperactivo” precisaba so 4,65 mg/kg de metrazol para superar o umbral.

Outro aspecto que comprobaron Laufer es os seus colegas era o posible efecto dos estimulantes descuberto por Bradley 20 anos atrás sobre o umbral Photo-metrazol. Para isto, os nenos e nenas foron sometidos ao test en dúas condicións diferentes: con e sen administrarlles d-anfetamina antes da proba. Os resultados obtidos indicaban que en efecto a administración de d-anfetamina aumentaba o umbral Photo-metrazol.

A pregunta, a estas alturas, pode ser se o paradigma do photo-metrazol conseguiu en definitiva dar unha explicación da hiperactividade. A resposta, en palabras dos propios autores é que non, e recoñecen que as interpretacións ás que se pode chegar son en efecto amplamente especulativas ao non existiren datos que relacionasen de maneira clara as actividades diencefálica e cortical.

Hoxe en día sabemos que a “hipótese diencefálica” e a súa relación coa susceptibilidade ás convulsións non teñen respaldo. Así mesmo, o emprego do metrazol está prohibido pola OMS.




Os artigos orixinais son:

Bradley, C. (1937) The behavior of children receiving Benzedrine. American Journal of Psychiatry, 94: 577-585

Laufer, M.W., Denhoff, E. e Solomons, G. (1957). Hyperkinetic Impulse Disorder in Children's Behavior Problems. Psychosomatic Medicine, 19: 38-49
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2008 01:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter