Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

7 mitos sobre o TDAH...clarexados!
A verdade sobre sete falsas crenzas sobre o Trastorno por Déficit de Atención/Hiperactividade (TDA/H) en nenos e adultos.
(Traducido de "7 Myths About ADHD... Debunked!" publicado por ADDitude Editors.

Poucas condicións psicolóxicas teñen xerado máis debate nos últimos anos que o TDAH. Mais aínda moita xente mantén falsas crenzas sobre o mesmo.
Vexamos algunhas e o que hai de certo:

Mito nº 1: O TDAH non é un trastorno real

TDAH foi recoñecido como un diagnóstico lexítimo pola maioría das organizacións médicas, psicolóxicas e educativas, incluíndo o National Institutes of Health [Instituto Nacional de Saúde, algo así como o Ministerio de Sanidade dos EE.UU. ] e o U.S. Department of Education [Ministerio de Educación dos EE.UU. ]. A American Psychiatric Society [coñecida como APA] recoñece o TDAH como un trastorno no seu Diagnostic and Statistical Manual of Mental Disorders [o famoso DSM-IV] – a “biblia” oficial usada por psicólogos e psiquiatras.

O TDAH ten unha base biolóxica. A investigación amosa que é o resultado dun desequilibrio de mensaxeiros químicos, ou neurotransmisores, no interior do cerebro. Os seus síntomas principais son a inatención, a impulsividade e, ás veces, a hiperactividade. As persoas con TDAH tipicamente teñen unha grande dificultade con aspectos da vida diaria, incluíndo o control do tempo ou as habilidades organizativas.

Mito nº 2: Os rapaces e rapazas aos que se lles proporcionan adaptacións especiais debido ao TDAH están “xogando con vantaxe”

A “Federal Individuals with Disabilities Education Act” [A lei estadounidense que regula a atención das necesidades educativas especiais – n.e.e.] establece que as escolas deben dispoñer das medidas de atención de todo o alumnado con n.e.e., incluíndo os nenos e nenas non TDAH. As adaptacións especiais, como o tempo extra nos exames, simplemente “equilibran o terreo de xogo” para que o alumnado con TDAH poida aprender adecuadamente como os seus compañeiros e compañeiras.

Mito nº 3: Aos nenos e nenas con TDAH, pásalles cando medran

Máis dun 70% dos nenos e nenas con TDAH continúan a telo na adolescencia. Máis do 50% terano aínda de adultos.

Aínda que se ten estimado que un 6% da poboación adulta sofre de TDAH, a maioría dos mesmos non están diagnosticados, e so un de cada catro procura tratamento. Así, sen axuda, os adultos con TDAH son altamente vulnerables á depresión, ansiedade e ao abuso de substancias.
Frecuentemente experimentan dificultades laborais, problemas legais e financeiros, e relacións sociais problemáticas.

Mito nº 4: O TDAH so afecta aos nenos

As nenas teñen case a mesma probabilidade de teren
TDAH que os nenos, e o xénero non fai diferencias nos síntomas que o TDAH causa. Mais debido a que este mito persiste, os nenos soen ser máis diagnosticados que as nenas.

Mito nº 5: O TDAH é o resultado de non criar (educar) ben aos fillos

Cando un neno con TDAH tira cousas ou se ergue do seu asento na clase, non é porque non se lle ensinase que esas cousas están mal feitas. É porque non pode controlar os seus impulsos. O problema ten as súas raíces na química cerebral, non na disciplina. De feito, a educación excesivamente estricta –que conleve castigos por cousas que o neno non pode controlar- pode de feito empeorar os síntomas do TDAH. Nestes casos han ser necesarias habitualmente intervencións profesionais, como a medicación, o tratamento psicolóxico e a modificación de conducta.

Mito nº 6: Os nenos e nenas que toman medicación para o TDAH teñen maior probabilidade de consumir drogas na adolescencia

A verdade é xusto o contrario. Os nenos con TDAH que non recibiron tratamento teñen maior risco de consumir drogas e alcohol na adolescencia. O tratamento apropiado reduce este risco.

Os medicamentos empregados para tratar o TDAH teñen demostrado a súa seguridade e eficacia durante máis de 50 anos de uso. Estes fármacos non curan o TDAH, pero son altamente efectivos na mellora dos seus síntomas.Os fármacos non converten aos nenos en adictos ou “zombis”.

Mito nº 7: Os que teñen TDAH son estúpidos ou vagos – nunca chegarán a nada

A xente con TDAH ten unha intelixencia normal, segundo amosan os estudios recentes. Non son vagos. De feito, pénsase que moitas persoas famosas na historia tiveron TDAH, como Mozart, Benjamin Franklin, Abrahan Lincoln, George Bernard Shaw ou Salvador Dalí. A lista de personalidades das finanzas con TDAH na actualidade inclúe altos executivos como David Neeleman, fundador de JetBlue Airways, e Paul Orfalea, fundador de Kinko's.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-10-2007 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Anímate! Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
hit counter