Lecturas de TDAH


Lecturas sobre o Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade

O meu perfil
lecturasdetdah@gmail.com
 Categorías
 DESTACADOS
 RECOMENDADOS
 Buscador
 Buscar Blogs Galegos
 Arquivo
 ANTERIORES

Efectos do TDAH paterno/materno sobre os fillos
Existe acordo entre os investigadores en que o TDAH é un trastorno familiar. A familiaridade indica que cando identificamos a unha persoa co trastorno, os seus familiares directos teñen maior probabilidade de presentar tamén o trastorno que os familiares dunha persoa sen TDAH.

Pero, que indica a familiaridade? Quizais que existe unha suceptibilidade xenética nesa familia que é a orixe do TDAH? Ou ben, que a forma de educar nesa familia é, en si mesma, causante do trastorno? Ou mesmo puidera ser que a familiaridade sexa produto dunha interacción entre condicións xenéticas e condicións?... O certo é que o concepto de familiaridade pode ser explicado de todas estas maneiras.

No caso do TDAH existe unha forte evidencia sobre a orixe herdada do trastorno, que se ten atopado mediante diferentes estudios que evitan (ou controlan) precisamente os efectos da transmisión mediante a crianza familiar (p.ex. estudios con xemelos, estudios de adopción, estudios de xenética molecular,…). Non obstante, o efecto de ser criado por un pai ou nai con TDAH sobre os síntomas e dificultades da súa descendencia, segue sendo un aspecto de grande interese, xa que é razoable pensar que a presenza de síntomas activos de TDAH no pai ou na nai pode ter como efecto un ambiente familiar máis caótico, polo que os fillos desta familia sufrirán un impacto negativo con respecto a aqueloutros nenos e nenas con pais sen TDAH.

Investigadores do Massachusetts General Hospital (Boston, EE.UU.) levaron a cabo un estudio dirixido precisamente a comprobar cal é este efecto nun amplo grupo de nenos e nenas (con e sen TDAH). Para isto, recolleron datos de dous estudios nos que se controlaba a nenos e nenas con TDAH e ás súas familias. Desta maneira, puideron establecer tres grupos de pais e nais:
a) Pais e nais sen TDAH.
b) Pais e nais que tiveron TDAH, (por exemplo, na súa infancia) aínda que o trastorno desaparecera antes de que o seu fillo ou filla nacese.
c) Pais e nais nos que aínda persiste o TDAH.
A intención dos investigadores era comprobar se os efectos sobre os síntomas (de inatención, hiperactividade,…) e sobre os problemas escolares da súa descendencia eran semellantes ou diferentes para cada grupo de pais e nais.

Intuitivamente debemos pensar que os nenos e nenas con menos problemas serán os fillos dos pais e nais do grupo A. Sen embargo, o que está menos claro é se os problemas dos fillos dos pais e nais dos grupo B e C serán iguais ou sensiblemente diferentes. Por unha banda, parece que os fillos e fillas do grupo C deberían ter os maiores problemas, mais se o TDAH é esencialmente unha condición neurobiolóxica de orixe xenética, pode que os fillos con TDAH dos grupos B e C non difiran esencialmente entre si nas súas dificultades aínda que si poderían diferir os fillos sen TDAH.

Así mesmo, se consideramos que habitualmente as nais teñen un maior papel na crianza e educación dos fillos, poderíase esperar que:

-se os síntomas de TDAH esencialmente se herdan, non deberían atoparse diferenzas entre os fillos co pai con TDAH e os fillos coa nai con TDAH, mentres tanto,

-se os síntomas de TDAH, teñen máis que ver coa crianza, poderiamos atopar que os fillos coa nai con TDAH teñan maiores problemas que os que teñen un pai con TDAH.

Vexamos cáles foron os resultados obtidos no estudio:

-En primeiro lugar, como era esperable, as dificultades e sintomatoloxía dos fillos dos pais e nais do grupo A foron menores que as outros dous grupos.

-Non obstante, entre os nenos e nenas con TDAH, non se atoparon diferenzas nas súas dificultades polo feito de que os síntomas parentais estivesen activos (grupo C) ou non (grupo B). É dicir, parece que o feito de que unha persoa teña nalgún momento da súa vida (por exemplo, na infancia) TDAH, incrementa o risco de que a súa descendencia tamén poida presentar o trastorno.

-Significa isto que o feito de que un pai ou nai teña TDAH non ten ningún efecto sobre a crianza dos seus fillos, aparte de que lles poida “pasar en herdanza” o mesmo? Os resultados a este respecto sinalan algo curioso: os efectos negativos sobre as dificultades nos fillos son máis evidentes naqueles nenos e nenas que non teñen TDAH. Semellando, dalgunha maneira, que naqueles que si o teñen, as súas dificultades asócianse esencialmente ao trastorno en si mesmo. Polo contrario, naqueles libres do trastorno, parece que as dificultades escolares que experimentan son maiores se o seu pai ou nai ten TDAH que se o tivo son na súa infancia/adolescencia, mais xa non o tiñan cando eles naceron.

-Así mesmo, en contra do inicialmente esperado polos investigadores, non se atoparon diferenzas nas dificultades entre aqueles nenos e nenas que tiñan o pai con TDAH e os que tiñan a nai con TDAH.

Qué conclusión poden derivarse deste estudio?

Por unha banda, dunha maneira global, pódese concluír que o estudio respalda o carácter hereditario da familiaridade do TDAH. Desta maneira o TDAH filial non sería “aprendido” senón herdado do pai ou nai, e -nese sentido- a expresión tan frecuente entre as avoas dos nenos e nenas con TDAH, afirmando que o seu neto ou neta é “igualiño ao seu pai / á súa nai, cando era do seu tempo” vese respaldada polos resultados, mesmo aínda que na actualidade o pai ou a nai xa non teñan un cadro que xustifique a continuidade do diagnóstico.


O artigo comentado é:
Biederman, J., Faraone, S.V. e Monuteaux, M.C. (2002). Impact of exposure to parental attention-deficit hyperactivity disorder on clinical features and dysfunction in the offspring. Psychological Medicine, 32, 817-827
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-05-2010 16:03
# Ligazón permanente a este artigo
TDAH e Google
Un refrán moderno di que “se non estás en Google non existes” e nalgunha medida é certo: existe unha importante correlación entre a frecuencia con que algo se procura no buscador por excelencia da rede e o interese que en xeral existe sobre ese tema.

Agora Google dispón dun sistema de estatísticas de busca que permiten ver en qué medida medra ou mingua o número de solicitudes de información sobre un termo calquera.

Veño de facer algunhas consultas sobre o tema do TDAH con esta ferramenta para ver cómo está o noso interese polos aspectos fundamentais deste trastorno. Velaquí os resultados.

A nivel global, un pensaría que existe un crecente interese polo TDAH, polo que o número de visitas debería incrementarse ao longo do tempo. As estatísticas están dispoñibles desde o ano 2004. Desde entón, introducindo como termo de busca as siglas do TDAH en inglés, ou sexa, ADHD, non se aprecia que a frecuencia mundial das consultas vaia en aumento senón ao contrario, parecen ir descendendo lixeiramente.



Como pode verse no gráfico, parece que os picos máximos de interese se produciron hai máis de cinco anos e, dende entón, semella ir descendendo o número de consultas sobre ADHD.

Outro aspecto curioso ten que ver coas frecuencias de pesquisas por países (para ver os resultados completos tes que picar sobre o enlace : En principio un esperaría que fose nos EE.UU. onde houbese máis pesquisas sobre ADHD, sen embargo este país ocupa o quinto posto en frecuencia de solicitudes, sendo o primeiro os Países Baixos, seguido de tres países nórdicos europeos: Suecia, Noruega e Dinamarca.

(para interpretares correctamente os resultados ten en conta que non se refiren ao número absoluto de pesquisas, senón á frecuencia relativa ao numero das mesmas en cada país. Ademais hai que ter presente que o gráfico é dinámico, polo que se actualiza co paso do tempo e os datos poden ir cambiando)

Outra cousa que chama a atención é o aspecto ondulado do gráfico, cuns vales que coinciden cos períodos vacacionais de verán e Nadal, quizais porque é durante o curso cando máis pais e nais consultan sobre este tema.

E que é o que ocorre con termo TDAH, en comparación co seu homólogo inglés?

En primeiro lugar fixemos un busca global, comprobando que, ao contrario co que ocorre no ámbito anglosaxón, o termo TDAH cada vez recibe máis pesquisas en Google desde o ano 2004, correspondendo ao pasado mes de novembro o pico máximo de frecuencias. Así mesmo, as consultas sobre TDAH seguen o mesmo patrón de cristas e vales que as de ADHD.


No último ano, claramente os lugares onde foron máis frecuentes as pesquisas sobre TDAH foi en España e Brasil. Chama a atención a diferenza coa baixas fecuencias nas pesquisas en países como Arxentina ou Portugal (Aínda que neste último soe empregarse a denominación DDA: Distúrbio de Déficit de Atenção)

Por ultimo, e restrinxindo a España, fixemos unha pesquisa introducindo, ademais de TDAH, os termos ‘déficit de atención’ e ‘hiperactividad’:


A evolución das pesquisas en google parecen indicar que despois dunha maior popularidade do termo hiperactividade, nos últimos anos este foi perdendo uso, aínda que mesmo na actualidade fanse tantas visitas como co termo TDAH, que parece estar empezando a ser a denominación máis popular.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 03-04-2010 00:54
# Ligazón permanente a este artigo
OFF-TOPIC: Bonecas brancas, bonecas negras e auto-odio
De cando en vez fago un post que non trata sobre TDAH. Gústanme especialmente os temas que teñen que ver con estudios clásicos en psicoloxía e este é un que non coñecía ata hai pouco. E coñecino, pola súa relación cun tema que en Galicia nos resulta tópico: o auto-odio.

Iso que supostamente fai que moitas persoas consideren o galego inferior ao castelán… mesmo cando é a lingua que falan!! Hai quen considera que estas son cousas do pasado, mais ao mellor non o son tanto.

No blog Koroshiya Itchy lin un magnífico post no que establecía unha relación entre o caso do auto-odio no idioma co auto-odio racial, e exemplificábao (na miña opinión de maneira brillante) cos estudios de Kenneth Clark sobre as preferencias dos nenos e nenas hoxe chamados afroamericanos, sobre as bonecas segundo a súa cor (branca ou negra).

Esta é unha replicación recente dos estudios de Clark. (Míraa antes de continuar lendo). Dispón de subtítulos en portugués polo que creo que se entende ben.



Nos estudios orixinais de Clark, que comezaron en 1939 e proseguiron ata os anos 50, aos participantes, facíanselles as seguintes preguntas, sempre nesta orde:

• “Ensíname a boneca que che gusta máis ou coa que queres xogar”
• “Ensíname a boneca que é boa”
• “Ensíname a boneca que parece mala”
• “Dáme a boneca que é como un neno branco”
• “Dáme a boneca que é como un neno de cor*”
• “Dáme a boneca que é como un neno negro*”
• “Dáme a boneca que é coma ti”

(*Hoxe en día considéranse ofensivas / politicamente incorrectas as expresións coloured (de cor) e Negro (sic) (negro), mais non era así no tempo no que se fixeron estas investigacións.)

Ao igual que vemos no vídeo, a maioría dos participantes preferían a boneca branca, que ademais consideraban “a boa” (mentres que a negra era “a mala”). Unha parte importante indicaban, así mesmo, que a boneca “coma eles/as” era a boneca branca, o cal aínda que resulta paradoxal, é bastante explicable, se se ten en conta que previamente o neno ou nena definiron esta boneca como a que ten todos os valores positivos.

En 2005, Kiri Davis, unha xoven estudante repetiu o experimento como parte dun traballo escolar no que quería comprobar se o auto-odio atopado por Clark nos anos 50 seguía existindo no século XXI. O seu traballo reflectiuno nunha pequena película: “A girl like me” (Unha rapaza coma min), que tivo unha grande repercusión mediática nos EE.UU. A mesma, recolle impresións de adolescentes afroamericanas sobre si mesmas e a súa raza e, nunha segunda secuencia, amosa fragmentos dunha replicación do experimento de Clark levada a cabo con 21 nenos e nenas. Nesta ocasión o 71% escolleron a boneca branca como a boa.

Aquí podes ver A girl like me. Por desgracia non dei atopado ningunha versión con subtítulos.

Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2010 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Os colexios en Galicia non precisan tesoiras
No pasado mes de outubro, este blog sumouse á iniciativa emprendida polo blog La aldea Irreductible contra o recorte previsto nos presupostos destinados á investigación, baixo o lema 'La ciencia española no necesita tijeras'.

Hoxe lembreime deste lema ao ver escrito nunha pizarra o montante dos presupostos para gastos de funcionamento do ano 2009 e 2010 para un colexio en Galicia (un en concreto, mais supoño que será en todos por un estilo): A variación para este curso supón unha redución arredor do 30%!!!

Iso si que é meter a tesoira...
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-03-2010 22:58
# Ligazón permanente a este artigo
Un novo xen vinculado ao TDAH
Todas as evidencias sinalan que o TDAH é un trastorno altamente herdable, tanto ou máis como o poidan ser outras características das que ninguén a nivel popular o dubidaría, como a intelixencia (de pais listos, fillos listos), ou a talla (de pais altos, fillos altos).

A xenética debe desenvolver, polo tanto, un papel importante na investigación das causas do TDAH. Non obstante, que a evidencia sobre implicación da xenética no TDAH sexa ben sólida, non implica que atopar as vías polas que esta susceptibilidade se transmita vaia ser doado. E de feito a cousa está a resultar complicada, porque o que tamén se sabe xa é que ter TDAH non depende de ter un “xen do TDAH”, senón que varios elementos xenéticos parecen estar implicados aportando, cada un deles un certo nivel de risco de presentar o trastorno, mais sen que polo de agora se teña atopado ningunha variante xenética que sexa necesaria, nin suficiente para ter TDAH.
Os esforzos dirixidos a atopar as claves xenéticas do TDAH teñen ido en diversas direccións: unha das máis fecundas está sendo a investigación sobre aqueles xenes implicados na regulación do funcionamento de neurotransmisores, como a dopamina, que se supoñen afectados nas persoas que presentan TDAH. Así, diferentes traballos teñen atopado que existen variantes do xen DRD4, que regula a recepción postsinaptica da dopamina, e do xen DAT1, que regula o transporte da dopamina para a súa recaptación, que están asociados á susceptibilidade de presentar TDAH. Nestes estudios, que se denominan de xenes candidatos, investíganse os mesmos en persoas con e sen TDAH.

Outros estudios, levan a cabo outro procedemento que poderiamos considerar de varrido amplo. O procedemento consiste en analizar o ADN de grupos familiares enteiros (pedigrees), e ver qué áreas do mesmo aparecen vinculadas coa aparición familiar do TDAH.

Dentro deste tipo de estudios, unha das liñas de investigación máis sólidas é a que dirixe o profesor colombiano Mauricio Arcos-Burgos. Os seus traballos con poboación da comunidade indíxena Paisa, veñen producindo na última década interesantes avances no coñecemento da xenética do TDAH. Neste mes pasado ven de publicarse a última destas descubertas, pola que se atopou a asociación dun novo xen coa susceptibilidade de presentar TDAH: o xen LPHN3.

A técnica empregada na investigación permitiu identificar en primeiro lugar unha rexión do cromosoma 4, na rexión 4q13.2. Posteriores traballos identificaron o ligamento familiar do TDAH cun xen existente nesa rexión (o citado LPHN3). Analizando o haplotipo do mesmo (a configuración de cadeas de nucleótidos simples que o forman), atopouse que certa configuración do mesmo está asociada coa presenza de TDAH.

En estudios levados a cabo con tecidos cerebrais procedentes de autopsias de individuos de varias idades atopouse que existe unha presenza significativa da proteína codificada polo xen LPHN3 (a latrofilina) en neuronas de varias rexións cerebrais: na amígdala e o núcleo caudado e en rexións do cerebelo (núcleo pontino e células de Purkinje). Sendo estas rexións implicadas, segundo os estudios neuroanatómicos, na fisioloxía do TDAH.

Os resultados obtidos nas familias da comunidade paisa foron tamén replicados noutros grupos familiares de outras áreas xeográficas (incluíndo Alemania, Noruega, España e dúas mostras diferentes nos Estados Unidos).

Outro aspecto importante deste estudio é que a configuración do haplotipo do LPHN3 parece ter relación co grao de resposta á medicación con estimulantes, o que potencialmente abre unha vía para coñecer de antemán a resposta das persoas diagnosticadas con TDAH aos tratamentos farmacolóxicos.

A distancia desde o estadío actual dos coñecementos ata a posibilidade dun test xenético que indique a susceptibilidade de presentar TDAH aínda é enorme, mais non cabe dúbida de que este estudio nos achega un paso máis cara esa meta e, por outra banda, abre unha nova vía para os investigadores nun xen ata agora non relacionado coa susceptibilidade ao TDAH.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-03-2010 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [16]
© by Abertal
hit counter