Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Bali 12: Do mar abraiante
Bali está bañada por dous mares: Ao norte o Mar de Bali e ao sur o Océano Índico.

Son dous mares radicalmente diferentes.

O sur ten unha ondas que converten as praias no paraíso dos surfistas, sobre todo Kuta e Legian, desgraciadamente transformadas en megacomplexos turísticos para goce de milleiros e milleiros de estranxeiros que procuran sol e praia e pasan ampliamente do resto desta illa marabillosa. Lembroume esta costa eses lugares do Mediterráneo español onde se tosta ao sol media Europa do norte, só que aquí eses "europeos" proceden de Australia. Kuta é bares australianos, restaurantes australianos, fútbol australiano en pantallas enormes e cervexas australianas para bébedos australianos que van da praia ao hotel e do hotel á praia antes de coller o voo de regreso ao seu país.

Pero tamén hai no sur lugares onde a imaxinación pode voar en forma de onda nunha praia case solitaria e onde o mar é un paraíso de peixes tropicais.

De todos xeitos quedo coas costas do norte, con lugares como a costa toda de Amed ou coa illa de Menjangan, na fotografía, dous espazos onde a natureza dos fondos mariños é o paraíso dos corais e de peixes de millóns de cores.

Isto é o mar de Bali.

Único.

Achégovos un video moi fermoso que atopei na rede acerca de Amed (asegúrovos que é así) Supoño que esa persoa que aparece ao remate é o autor. Agradézolle que o fixese:

Comentarios (2) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 03-09-2010 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 11: De templos mil
Xa vos falei dos milleiros de templos que enchen a paisaxe de bali por todos os recunchos, pero quixera resaltar a beleza dalgúns deles teren deixado en min unha fonda pegada:

Goa Gajah ou Cova do elefante (século XI): Segundo conta a lenda Kebo Iwafue, o elefante xigante creou a cova cunha unlla. Accédese á cova a través da boca dun demo enorme esculpido na pedra. Neste lugar réndese culto ao deus Ganesh, que ten corpo de home e cabeza de elefante.

Gunung Kawi: Está formado por dez santuarios excavados na rocha nun lugar de moi difícil acceso. Son unhas hornacinas xigantes e non sabería dicir por que pero resultan un tanto desacougantes, quizais polo lugar onde se atopan, ao fondo dun val... Non sei. Pero resultan abraiantes.

Pura Tirta Empul: Un templo de augas miragreiras. Varios mananciais enchen de auga unhas fermosísimas piscinas de pedra chea de musgo a través das bocas de varios monstros e a xente báñase nelas para se purificar. E falo de centos de persoas. Impresionante. É un dos templos máis importantes de Bali. (a foto que vos achego é deste lugar)

Ulun Danu Bratan: Dedicado a Dewi Danu, a deusa das augas, e construido sobre pequenas illas no lago Bedugul. É un lugar de peregrinación para pedir que os labregos de todo Bali teñan auga abondo para as súas colleitas. Puiden asistir un dos días de pregrinaxe e non o esquecerei nunca. Milleioros e milleiros de persoas debaixo dunha chuvia incesante e mesta.

Pura Tanah Lot: construído nunha illa á beira da costa do sur, no Océano Índico, é quizais o lugar máis fotografiado de Bali, cousa que non me estraña nadiña de nada, porque tanto o templo como a costa que o acolle son dunha beleza singular.

Nunca esquecerei a pegada que deixaron en min estes lugares pola súa singularidade.

Quizais sexan a mellor representación da curiosa e ás veces misteriosa alma desta illa de Bali.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 01-09-2010 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0