Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Labordeta: Somos
"Somos
como esos viejos árboles"


Hoxe que veño de saber da morte de José Antonio Labordeta quero facervos chegar a letra dunha canción súa que expresa perfectamente o que sinto nestes momentos hacia a súa persoa:

Somos
como esos viejos árboles
batidos por el viento
que azota desde el mar.

Hemos
perdido compañeros
paisajes y esperanzas
en nuestro caminar.

Vamos
hundiendo en las palabras
las huellas de los labios
para poder besar.

Tiempos
futuros y anhelados,
de manos contra manos
izando la igualdad.

Somos
como la humilde adoba
que cubre contra el tiempo
la sombra del hogar.

Hemos
perdido nuestra historia
canciones y caminos
en duro batallar.

Vamos
a echar nuevas raíces
por campos y veredas,
para poder andar.

Tiempos
que traigan en su entraña
esa gran utopía
que es la fraternidad.

Somos
igual que nuestra tierra
suaves como la arcilla
duros del roquedal.

Hemos
atravesado el tiempo
dejando en los secanos
nuestra lucha total.

Vamos
a hacer con el futuro
un canto a la esperanza
y poder encontrar

Tiempos
cubiertos con las manos
los rostros y los labios
que sueñan libertad.

Somos
como esos viejos árboles


VEÑA UN BO GROLO POR LABORDETA!

Comentarios (7) - Categoría: Sala de música - Publicado o 19-09-2010 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
De Carlos Drummond de Andrade: Destruição
Por suxestión de Solange nun seu comentario acerca do cadro d'Os amantes de René Magritte achégovos este poema, Destruição, de Carlos Drummond de Andrade:

Os amantes se amam cruelmente
e com se amarem tanto não se vêem.
Um se beija no outro, refletido.
Dois amantes que são? Dois inimigos.

Amantes são meninos estragados
pelo mimo de amar: e não percebem
quanto se pulverizam no enlaçar-se,
e como o que era mundo volve a nada.

Nada. Ninguém. Amor, puro fantasma
que os passeia de leve, assim a cobra
se imprime na lembrança de seu trilho.

E eles quedam mordidos para sempre.
deixaram de existir, mas o existido
continua a doer eternamente.
Comentarios (7) - Categoría: De literatura - Publicado o 18-09-2010 11:23
# Ligazón permanente a este artigo
René Magritte: Os amantes
Achégovos un cadro de René Magritte que sempre me fascinou: Os amantes.

Que tipo de bico están a darse?

Doce?

Amargo?

Acéptanse opinións.





Comentarios (8) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 17-09-2010 20:11
# Ligazón permanente a este artigo
Da mala calidade do ensino
Como ensinante que son asegúrovos que nunca comezara un curso con tan mal sabor de boca e tan malas expectativas.

A saber:

- O soldo reducido (a ver que pasa coas pagas extras)
- A ratio de alumnado por aula incrementado (incluso en contra dos predicamentos da Unesco)
- O maldito decretazo do galego a roldar por riba das nosas testas.
- A disminución do profesorado en todos os centros
- A mala dotación das aulas (onde van os computadores prometidos?)

E aínda por riba hoxe collo o xornal e leo esta nova:
O 90% do alumnado das cidades será escolarizado en castelán coma lingua vehicular!

A pesares de que o 40% das familias pediu a escolarización en gfalego os castelánfalantes impuxeron a súa lingua.

Damos pasos atrás día si e día tamén.

Non é para cabrearse?
Comentarios (6) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 16-09-2010 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Da cruzada de Gloria Lago
Velaí a tedes nunha foto co conselleiriño de educación.

Gloria Lago.

Presidenta un enxendro malchamado Galicia Bilingüe, unha asociación creada co único obxectivo de perseguir a lingua de nós.

Que é o mesmo que dicir perseguirnos a nós.

Primeiro foi o ensino do galego nas escolas e institutos.

Agora vén de denunciar o que ela chama "ideoloxización nacionalista" dos colexios públicos.

E ameaza con acudir aos tribunais "se a Xunta non resolve de xeito satisfactorio" a "politización das webs" dos Equipos de Normalización Lingüística.

Tire a carauta da cara, señora Lago.

Nin bilingüe nin nada que se lle pareza.

Vostede odia o galego.

Que é coma dicir que nos odia a nós.

E quizais a vostede mesma tamén.

Unha lástima!
Comentarios (6) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 15-09-2010 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Das Cartas a Théo
O 29 de xullo de 1890, nun campo de trigo de Auvers sur Oise, Van Gogh disparouse un tiro no peito.

Nun dos petos do cadáver estaba, incompleta, a derradeira carta a seu irmán Théo.

Esas oitocentas cartas, case nada, de Vincent a Théo, escritas con ao longo de vinte años (dende 1872 até a morte do pintor en 1890), constitúen ao mesmo tempo unha autobiografía e unha exposición de principios estéticos.

Vincent abre os segredos da súa alma e exponlle a Théo as súas ilusións e os seus proxectos.

Achégovos tres parágrafos desas cartas:

"Estou sempre atrapado entre dúas correntes de pensamento, a primeira son as dificultades materiais, sempre á procura do camiño correcto que teño que tomar para sobrevivir, e despois está o estudo das cores. Algún dia espero atopar algo..."

"Non é moito máis doado facer unha boa pintura que atopar un diamante ou unha perla. Pintar significa problemas e cómpree arriscar a vida por eles"

"Non son quen de evitar que as miñas pinturas non se vendan. Chegará un tempo no que a xente poderá comprobar que son moito maís có prezo que paga por elas"

Polo menos interesantes, non credes?

Non dan moito que pensar?
Comentarios (4) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 14-09-2010 12:46
# Ligazón permanente a este artigo
De Vincent Van Gogh
A propósito inserín no meu escrito de onte un cadro de Vincent Van Gogh.

Inauguro categoría con este verán que remata.

En Casa Van Gogh falaremos de artes plásticas.

Achegarei todo canto en min poidan producir un cadro ou unha escultura, ou unha performance que teña visto, ou o que sexa, para poder compartir con todo o mundo esas sensacións moitas veces tan gratas e tan reconfortantes e non deixalas agachadas dentro de min.

E agradecerei, como non, as vosas suxestións. Cando vexades algo que vos guste de verdade facédemo saber e falaremos. (Unha das grandes cousas da web son os museos virtuais!)

E por que lle poño de nome Casa Van Gogh?

En primeiro lugar, como non, porque Vincent Van Gogh é un dos meus artistas favoritos tanto dende o punto de vista estético cama dende o humano.

Só de pensar que morreu pobre coma unha rata para que hoxe os seus cadros se vendan por cantidades que raian na obscenidade danme verdadeiros arrepíos.

O da casa vén por un libriño despregábel que merquei hai moitos anos en Londres que reproduce a casa onde o pintor vivía en Arles.

Veña un grolo por Vincent Van Gogh!
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 09-09-2010 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
Camiño somos
Porque somos camiño, camiño que avanza e nunca se detén, sempre a agasallarnos con milleiros de arrecendos agarimosa a terra.
Caladas testemuñas do eterno peregrinar das xentes, somos laxe, somos seixo, somos pedra?
Somos carballo, castiñeira, toxo, xesta, herba, vida somos a medrar orgullosa por corredoiras e cunetas?
Somos a herdanza da terra!
Cravada a vista no horizonte, somos manancial, regato, río, corrente? Auga somos a nos mover de vagar entre penedos e pedras.
Estrelas silandeiras somos, a debuxar na negrume mesta do firmamento unha senda que convida a camiñar sen présa?
E somos alento, son, sílaba, palabra, somos conversa de cansos camiñantes a falaren as linguas máis diversas?
Somos ferradura de cabalo, pegada de bota, roda de carro e de bicicleta?
Somos distancia, somos paso, somos pegada, somos esforzo e suor, pero tamén somos sono, albergue, descanso. Somos folgar e somos sesta.
Viaxeiros nas entrañas dos soños, somos cerna da historia, somos contos, cancións e poemas, somos relato e somos lenda.
E tamén somos festa, frauta, zanfona guitarra, gaita, pandeiro? Somos xuntanza arredor da lumieira?
Somos afán e desexo. Somos degoiro e somos arela.
Camiño somos a percorrer paseniño a senda que trazaron as estrelas?
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 08-09-2010 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 14: Abandonarmos a illa
Chegou quizais o intre de abandonarmos a illa de Bali.

Non credes?

E farémolo con esa fonda pegada que xa vos dixen que a illa deixa no corpo e na mente (non utilizo a palabra alma a propósito porque non gosto nada das súas connotacións relixiosas)

Abandonamos Bali ao ritmo dunha orquestra gamelán cos seus sons repetitivos que poden levarnos da man cara a algún estraño lugar onde os soños non son soños senón realidade e as almas (aquí si que uso esa palabra) de verdade voan de corpo en corpo, polo que a morte (tanto a nosa coma as dos demais) é soamente un vulgar pesadelo do que sempre podemos espertar.

Abandonamos Bali e levamos no corazón unha boa manda de peixes de milleiros de cores que van voar polo teito do nosos cuartos cada vez que a trasfega diaria das nosas vidas tan ateigadas de actividades nos impida concilar o sono e non nos deixe durmir (ouh, que reparadora a noite ben durmida!)

Abandonamos Bali co nariz cheo de arrecendos que nunca sentiramos, o salitre das ondas a romper teimudas nas areas negras, o incienso da derradeira ofrenda que se cruzou connosco no camiño, o ananás que degustamos no noso almorzo da mañá, a papaia, a banana, o fume da cremación que liberou a alma de quen sabe cantos descoñecidos cos que só coincidimos neste intre en que os seus corpos acabarán sendo moreiñas de cinzas que logo serán botadas ao mar...

Abandonamos Bali cos ollos cargados de luz, azul intenso de ceo, gris de nube que descargará augas de monzón, verde intenso de variedades mil, arrozal, xungla, palmeiral, platanal...

Abandonamos Bali pero levamos nos oídos as converas amábeis de moitas persoas que quixeron falar connosco polo mero pracer de conversar, porque descoñecían as orixes da lingua que falamos, porque nin sequera eran quen de situar nun mapa a Península Ibérica, porque da Unión Europea só sabían que era unha organización que acuñaba euros... E preguntaron non só por preguntar...

Para que vou querer eu saír de Bali se aquí teño todo canto necesito, díxome un día Dore, un mozo que nos levou na súa lanchiña pola costa da illa de Lembongan para nos ensinar un arrecife de coral. E díxome isto porque lle preguntei se nunca saíra de Bali. Nós non somos coma vós, espetoume deseguido. Non somos coma vós. Díxomo así, con esas palabras, pero sen desprezo ningún, non vaiades pensar.

Quizais sexa verdade.

Quizais sexa verdade e os balimeses teñan na súa illa todo canto poidan necesitar.

Pois que sexa así por moito tempo.

Por moito tempo!
Comentarios (5) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 06-09-2010 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Bali 13: Receita do nasi goreng
Esta vai ser o meu penúltimo artigo acerca de Bali, á espera dunha reflexión final.

Quixera facervos chegar a receita do nasi goreng tal coma ma deu un balinés do que xa temos falado: Wayan Ariana.

O nasi goreng é un prato de arroz que se come en toda Indonesia. É moi doado de facer e está delicioso.

Ingredientes:
Arroz fervido (ou pasta fervida, preferentemente fideos asiáticos aínda que podedes usar espaguetis normais e correntes. De facelo con pasta o prato chámase mie goreng)
1 ou 2 dentes de allo
1 ou 2 ovos
carne de polo moi troceada
cebola, cenoura e pemento cortados en tiras
unhas follas de leituga
(ou doutras verduras similares)
sal
un pouco de kecap manis
(unha salsa indonesia que se pode substituir perfectamente por un pouco de salsa de soia)

Se dispoñedes dun wok usádeo porque resulta mellor para facerdes as verduras. De non ser así podédelo facer nunha tixola grande.

Fritides en aceite abundante (non vos pasedes) os ingrdientes por este orde:
1º allo, cebola, cenoura e pemento (sen deixar que se pasen)
2º a carne
Despois mesturades todo no caeite e botades dentro os ovos batidos e engadides tamén as follas de leituga ou doutras verduras troceadas.
Dádeslle a todo unhas voltas no wok e engadides entón o arroz ou a pasta fervidos e o kecap manis ou a salsa de soia e o sal (ollo, que as salsas xa levan)

E xa está listo para comer.

(Se queredes podedes engadir tamén gambas peladas ou carne doutra clase no intre de fritirdes o polo)

Os indonesios sérveno cuberto por unha tortilla.

Bo proveito!
Comentarios (9) - Categoría: Anotacións balinesas - Publicado o 03-09-2010 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0