Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da muller que desafiou o Ramadán
Con valentía, que é com se esnaquizan os valados da intransixencia, Zineb el Rhazaoui, vinte e oito anos, marroquina, xornalista, desafiou a absurda prohibición de comer ao longo do día durante o mes do Ramadán. E digo o de absurdo porque non aturo as prohibicións vencelladas ás relixións, a ningunha delas.

Podedes ler aquí a crónica do seu desafío.

Nada peor para calquera sociedade que a mstura de política e relixión (por iso tampouco me gusta o goberno de Núñez Feijóo, vencellado como está ao Opus Dei)

Nunca saíu desas mesturas nada bo.

Só hai que ollar as mulleres de calquera país musulmán. Pensade en Afganistán ou nos riquísimos Emiratos Árabes, onde non poden nin conducir!

Veña un grolo pola valentía de Zineb el Rhazaoui!
Comentarios (5) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 18-09-2009 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
Lluís Llach: A la taverna del mar
Atopei a canción de Lluís Llach da que falaba nun comentario ao post anterior colgado hoxe mesmo.

Ademais achégovos unha versión magnífica gravada e directo no Teatro do Liceo De Barcelona.

Trátase de A la taverna del mar, adaptación dun poema de Konstantinos Kavafis titulado Ενας γέρος (O vello) que utilicei como cita ao meu Libro das alquimias.

Di Kavafis:
?Και μες στων άθλιων γηρατειών την καταφρόνεια
σκέπτεται πόσο λίγο χάρηκε τα χρόνια
που είχε και δύναμι, και λόγο, κ' εμορφιά
.?

"(E no desdén da triste vellez
decátase do pouco que gozou do tempo
en que tiña forza, e razoamento e beleza)
"



Comentarios (3) - Categoría: Sala de música - Publicado o 17-09-2009 20:15
# Ligazón permanente a este artigo
Diana Krall: The Girl in the Other Room
Música para comezar o vindeiro outono.

Música para escoitar á beira da lareira acesa e deixarse levar pola danza das lapas:

Diana Krall en directo noa no 2004 no concerto do Premio Nobel da Paz (que foi para Wangari Maathai pola súa colaboración ao desenvolvemeno sustentábel, a democracia e a paz.)

A canción da propia Diana Krall e de Elvis Costello (seu home, por certo).

Deixádevos levar...


Comentarios (6) - Categoría: Sala de música - Publicado o 16-09-2009 20:40
# Ligazón permanente a este artigo
De poemas de amor
Preguntoume a miña amiga Chus por un poema de amor da literatura galega para ler nunha cerimonia á que ten que asistir.

Os dous coincidimos en que un dos máis fermosos é ese que leva o estraño título de Xaneiro 1972, II de Celso Emilio Ferreiro:

Cando quero vivir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando semento a espranza.
Digo Moraima
e ponse azul a alba.
Cando quero soñar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando é noite pechada.
Digo Moraima
e ponse a luz en marcha.
Cando quero chorar
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a anguria me abafa.
Digo Moraima
e ponse a mar en calma.
Cando quero surrir
digo Moraima.
Digo Moraima
cando a mañá é crara.
Digo Moraima
e ponse a tarde mansa.
Cando quero morrer
non digo nada.
E mátame o silencio
de non dicir Moraima.


Non é certo que é realmente fermoso?

Eu propúxenlle un de Bernardino Graña:

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Case morto vivín sen coñecerte
aló na chaira seca por absurdas rúas
onde ninguén me soupo dar mornura.

Foi soedade desconforme adentro
e a semente a caír en terra dura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Erguinme e vinte ó regresar á terra
como se fora todo aquelo un soño
pesado e ti xa foras sempre miña.

Foi outra vez materno en aloumiño
o bico teu na lingua.
E foi de novo corazón adentro
comprender a existencia e a dozura.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?

Pero hoxe mesmo o día abriu en medo
entrou na fiestra un sol extraño inmenso
e deixáchesme o leito en mantas frías.

Está a volver agora corazón adentro
a soedade o podre a agonía
a me pinchar as cousas en millóns de pugas
cada minuto en séculos de agullas.

¿Como hei vivir mañá sen a luz túa?


Paréceme unha verdadeira obra de arte.

E l,ogo envieille por mail outro de Celso Eminio que tamén me parece marabilloso:

EU EN TI

Eu xa te busquéi
cando o mundo era unha pedra intaita.
Cando as cousas buscaban os seus nomes,
eu xa te buscaba.

Eu xa te procuréi
no comenzo dos mares e das chairas.
Cando Dios procuraba compañia,
eu xa te procuraba.

Eu xa te chaméi
cando soio a voz do vento soaba.
Cando o silenzo chamaba polas verbas,
eu xa te chamaba.
Eu xa te namoréi
cando o amor era unha folla branca.
Cando a lúa namoraba as outras cumes,
eu xa te namoraba.

Sempre,
dende a neve dos tempos,
eu, na túa ialma.


Estou seguro de que cada persoa proporía un diferente.

Así é a poesía.

E o amor...
Comentarios (10) - Categoría: De literatura - Publicado o 14-09-2009 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
Do Jerusalém de Tavares
Veño de rematar unha novela magnífica.

Pasoume o mesmo que cando rematei de ler a última obra de Borrazás (Costa Norte/ZFK) alá polo comezo do verán. Por fin outra obra escrita con anceios de boa literatura en medio da mediocridade que reina en moitas librarías!

Trátase da novela Jerusalém, do escritor portugués Gonçalo M. Tavares, de quen Saramago opinou que "Non ten dereito a escribir un libro tan bo (...) Dan ganas de zoscarlle!"

Lina dunha atacada, enganchado completamente nas vidas de Ernst Spengler, Mylia, Theodor Busbeck, Hinnerk Obst e demais personaxes que deambulan polas súas páxinas nunha noite de maio en que os seus destinos se entrecruzan.

Veña un grolo pola boa literatura!

Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 13-09-2009 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
De musgo e madeira e pólas
E se a madeira que temos pola casa adiante revivise?

E se agromasen pólas nas patas das mesas, dos mobles, das camas, das cadeiras...?

E se as táboas todas do chan decidisen transformarse en musgos?

E se nas paredes todas nacesen os musgos, as carrizas, os brións?

E se o teito se abrise e o ceo penetrase con forza en todas e cada unha das habitacións?

E se un ulido de frescor enchese todos os recunchos da nosa vida?

Colleriamos cartos dun peto e entre as moedas atopariamos unha folliña preguiceira.

A natureza saudarianos, entón, cunha cordialiade que xa tiñamos esquecida.

Si. Así mesmo.

Sería así.
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 11-09-2009 10:42
# Ligazón permanente a este artigo
Leña
Hoxe trouxéronnos á casa a leña que imos utilizar para acender a lareira coa que imos quentarnos ao longo do inverno.

Chegou a leña co seu sabor de natureza, con ese arrecendo a monte que trae sempre consigo.

Veu a leña cun estrondo que parecía querer tomar a casa toda para si. Quen dixo que a leña non fala?

Arrastrou a leña onda nós as súas saudades de monte, de cantos de paxaros, de grilos, de ventiscas e sarabias, de longas noites de lúa, de paroladas de árbores, inxectos e aves...

Benvida sexa a leña á nosa casa!
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 10-09-2009 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
O gran negocio da gripe A
No mundo, cada ano morren dous millóns de persoas vítimas da malaria, que se podería previr cun simple mosquiteiro.

Tamén morren dous millóns de nenos e nenas de diarrea, que se podería curar cun soro oral de 25 céntimos.

Sarampelo, pneumonía, enfermidades curábeis con vacinas baratas, provocan a morte de dez millóns de persoas no mundo cada ano.

A gripe común mata medio millón de persoas cada ano no mundo.

Mais agora todos os medios falan da pandemia da gripe A.

Que hai detrás?

Detrás está o Tamiflu, o medicamento fabricado polos laboratorios Roche, que cando a gripe aviar vendeu millóns de doses aos países asiáticos. (Co que obtivo millóns de euros en ganancias)

Aínda que Roche recoñece que non ten capacidade para satisfacer a demanda mundial desta medicina, négase a permitir que as empresas especializadas en xenéricos produzan o medicamento.

As ganancias para Roche prometen ser astronómicas!

Xa Roche obstruíu os esforzos de Suráfrica para producir unha versión barata das súas medicinas anti-HIV, ameazando con demandar a ese goberno se invadía as súas patentes.

A empresa americana Gilead Sciences é propietaria da patente do Tamiflú. O principal accionista desta empresa é nada menos que Donald Rumsfeld, secretario de defensa de George Bush e artífice da guerra contra Irak?

Se a gripe A é unha pandemia tan terríbel como anuncian os medios de comunicación, se a á OMS lle preocupa tanto esta enfermidade, por que non a declara problema de saúde pública mundial e autoriza a fabricación de medicamentos xenéricos para combatila?
Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 08-09-2009 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
Escritores, Académicos e Lingua
Todos de acordo.

Coa lingua non se xoga.

A ver se Núñez Feijoo aprende a lección.

Tocar a lingua do xeito en que o fai, con obscenidade e irreverencia, é tocar a mesma alma de nós todos, o que nos fai ser como somos.

Era hora de que a Academia Galega se definise acerca do xeito en que ese partido no poder por un escano máis no Parlamento está a desfacer o que tanto tempo levou construír con esa alma que teñen de ultradereita.
Comentarios (0) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 07-09-2009 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
A Feira Franca de Pontevedra
Comeza hoxe a Feira Franca de Pontevedra e acidade toda mergullarase no ambiente do século XV.

Poucas celebracións populares coñezo que acadasen en tan pouco tempo (leva dez a nos a celebrarse) un éxito de público de tan grandes magnitudes. Dis que o ano pasado había máis de cen mil persoas na rúa!

E todo é froito da vontade popular de que as cousas saian ben. Véstese con roupas medievais a meirande parte da poboación (familias completas), celébranse xantares e ceas na rúa de xeito que vaias por onde vaias hai grupos de xente a celebrar a Feira.

E por detrás de todo está a iniciativa do Concello, que vela por que todo saia ben.

Así dá gusto celebrar as cousas!

Veña un grolo pola Feira Franca de Pontevedra!
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 04-09-2009 18:36
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0