Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Xitanos na praia

Foi onte na praia de Laño, en Samieira, moi preto da miña casa.

Estaba na praia unha familia enteira de xitanos.

Os homes ían todos en bañador.

As mulleres estaban vestidas dos pés á cabeza con esas saias negras longas que levan as xitanas.

Homes, nenos e nenas bañáronse todos (A auga estaba realmente boa).

As mulleres ollaban como se bañaban os demais sentadas en cadeiras de praia na beiramar. Nin tocaron a auga a pesares da calor e do boa que estaba!

As mulleres no mundo xitano, coma no árabe, son un cero á esquerda, mesmo na praia, mesmo no tempo de lecer.
Comentarios (7) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 21-07-2009 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Da morte de Frank McCourt
Veño de saber da morte de Frank McCourt, que me sorprendeu hai moitos veráns coa súa novela Angela's Ashes (As cinzas de Angela).

Foi á beira do lago de Sanabria onde lin os aconteceres todos da familia de Limerick.

Teño amigos irlandeses que se alporizan cando lles falo deste libro. Din que non é verdade todo o que conta, que a situación de Irlanda na época da novela, aínda que mala, non era tan catastrófica (Non sei).

As cinzas de Angela, e 'Tis (Éo), a súa continuación, non deixan de ser dous best sellers escritos precisamente con esas técnicas tan pouco depuradas dos supervendas.

A min gustoume aquel verán e gustoume tamén a novela.

Un grolo por McCourt!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 21-07-2009 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Ollos de mel
Sempre lle dixeran que tiña unha ollada doce coma o mel e fonda coma unha colmea. E esas comparacións, como non dicilo, aledábano até a cerna mesma do corazón, a el, que fora unha das persoas máis solitarias que pisara a terra, a el, que se entendía mellor coas abellas que coas persoas, a el, que vivía única e exclusivamente para facer mel, a el, que percorría quilómetros e máis quilómetros cada xornada para chegar até aqueles lugares onde colocara as colmeas para que as abellas procurasen os néctares máis saborosos e se sentisen verdadeiramente felices.
El mesmo pensara algunhas veces que era abella e voaba solitario polo monte na procura das flores máis deliciosas! E que feliz se sentía!
Agora xa non vía nada dende aquel maldito accidente, unha concatenación de pasos mal dados, unha carreira polo monte para evitar a chuvia, unha póla dunha árbore que sobresaía un pouco de máis, e logo unha escuridade total no ollo dereito seguida de dúas operacións e unha tempada no hospital.
E as abellas quedaran soas no monte. As colmeas todas á mercé do temporal!
Cando puido volver onda elas xa era demasiado tarde.
Agora perségueno as abellas todas as noites cando deita na cama e dá voltas sen poder durmir.
Tes unha ollada doce coma o mel, dicíanlle todos. Tes unha ollada fonda coma unha colmea.
Como lle gustaría ser abella e fuxir pola fiestra cara o monte para ser libre e voar!
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-07-2009 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
Da crítica do Shakespeare destilado no Cartafol de Libros
Hoxe o amigo Francisco Castro mandoume unha mensaxe para me comunicar que aparecera no Cartafol de Libros de Vieiros a crítica ao meu Shakespeare destilado.

Estou verdadeiramente orgulloso e teño que dicilo!
Comentarios (5) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 17-07-2009 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
Da presentación dos Documentos para a historia de Poio
Asistín onte no serán á presentación dos Documentos para a historia de Poio (1936-1942), onde o amigo Andrés Dacosta dá conta da represión franquista no Concello de Poio, onde resido.

Foi unha presentación ben emocionante, en primeiro lugar pola cantidade de xente que arroupaba a Andrés, que ben o merece.

En segundo lugar pola forza emotiva das cousas que contou, coma esa historia das dúas irmás que identificaron a seu pai entre as fotos dos fusilados da Illa de San Simón ou esoutra do velliño a quen entrevistou na mesma habitación onde de neno se agachou a noite que levaron a seu pai para fusilalo...

En terceiro lugar pola música do dúo Thanrika, que xa actuara na presentación do meu Shakespeare destilado. Sempre é un pracer escoitar a voz poderosa de Érika e a guitarra de Jonathan!

E en cuarto lugar pola tarta de Alicia, compañeira inseparábel de Andrés.

Veña un grolo por Andrés e polo seu traballo de tantos anos!

Comentarios (7) - Categoría: De literatura - Publicado o 17-07-2009 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Somos clima
Somos clima.

Somos o país rexido polo clima.

Nada do que somos, nada do que pensamos, nada do que planeamos, nada do que votamos está illado do clima.

Sen o clima ninguén poderá comprendernos.

Levamos con nós esa inestabilidade perpetua que caracteriza os nosos ceos.

Hoxe chove coma no inverno e estamos en xullo, e o mesmo pasou nos dous meses anteriores, cando mesmo estivemos baixo a influencia dun temporal cando tiña que facer sol e calor.

E ninguén se atreve a vaticinar nada.

E ninguén se atreve a planear nada, nin esa churrascada que tiña pensado para mañá.

Que tempo irá mañá?

Somos o país da inestablidade.

Quen se atreve a vaticinar o noso futuro?

Fará sol ou choverá?

Quen gañará as vindeiras eleccións?

Quen sabe?

Igual é certo iso de que nunca se sabe se estamos a baixar ou subir unha escaleira.

Quen sabe?
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 16-07-2009 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Do Premio García Barros deste ano
Se recibir un premio é verdadeiramente unha alegría inmensa, tamén o é, dende logo, que o reciba un bo amigo.

E así foi.

Veño de saber por Xosé Monteagudo (que acaba de chamarme por teléfono) que é o flamante gañador do Premio García Barros deste ano coa súa novela UN TIPO LISTO.

As miñas máis entusiastas felicitacións e o meu desexo de que o libro teña a mellor das singladuras, que Xosé ben o merece!

Veña un grolo logo por Xosé Monteagudo!

E outro máis por Un tipo listo!


Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 15-07-2009 15:49
# Ligazón permanente a este artigo
Da sesta e a lectura

Máis placeres do verán: a sesta e a lectura.

Amoréanse as horas que lle roubamos ao sono ao longo do ano. O verán é un magnífico momento para recuperalas. Adoro durmir debaixo da pérgola do meu xardín, á beira da hedra e da glicinia. Haberá pracer mellor?

Amoréanse tamén as lecturas pendentes ao longo do inverno. O verán é tamén momento de lectura.

Hoxe tocoulle a Sándor Marái: O derradeiro encontro. Estaba na miña biblioteca dende o mes de febreiro, cando Antón Riveiro Coello me recomendou a súa lectura. Falaremos deste libro magnífico que estou a piques de rematar.

E falaremos de máis praceres do verán...
Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 13-07-2009 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Da subida ao Alto do Seixo
Onte subín cuns amigos ao Alto do Seixo, na Serra do Cando, preto de Cerdedo.

Dende o Alto do Seixo a vista pérdese na inmensidade das montañas e mesmo ao lonxe adivíñase por fin o mar.

O Alto do Seixo é o paraíso dos cabalos e as vacas bravas, e agora tamén dos que fan parapente e dos muíños de enerxia eólica.

No Pico do Alto do Seixo alguén puxo unha cruz de pedra e tamén un altar para dar misa. E enriba do altar un banco de pedra. Oremos pola enerxía eólica? Ora pro nobis Fenosa?

Quen sube ao Alto do Seixo e sinte o vento fresco na faciana sentese libre tamén, coma un cabalo... aínda que só sexa por uns instantes.
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 12-07-2009 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
A que sabe o verán?
A que sabe o verán?
A churrasco?
A sardiñada?
A sal?
A algas?
A crema para o sol?
A aeroporto?
A cloro de piscina?
A palmeiras?
A guía de viaxe?
A xeado de limón?
A xeado de chocolate?
A pexegos?
A herba recén cortada?
A auga de aspersor?
A aceite de coco?
A gambas grelladas?
A ensaladilla rusa?
A tortilla de patacas?
A pementos de padrón
A mil e unha noites de lecer?
A mil e un lugares cheos de exotismo?
A toalla de praia?
A balsa inflábel?
A cervexa?
A sangría?
A sol?
A campo?
A acampada?
A guitarra?
A amizade?
A fogueira?
A queimada?
A que sabe o verán?
Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 07-07-2009 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0