Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Stromboli, Sicilia. Italia.
A illa de Stromboli, no arquipélago das Eolias, no mar Tirreno, ao norde de Sicilia, é un deses lugares que ben merece o calificativo de singular.

Pasear cando chega a noite polas súas rúas empinadas e polo labirinto dos seus calexos é unha experiencia inesquecíbel porque non hai máis iluminación que a da lúa e a das lámpadas das casas privadas.

Stromboli é un volcán que xorde en medio do mar e acolle nas súas abas unha aldeíña de nome Ginostra e unha vila moi pequena chamada Scari. A única comunicación entre ambas as dúas é por barco. En Stromboli non hai estradas, só camiños que ascenden cara ao cráter do volcán, sempre activo e sempre a botar lavas incandescentes que
caen cara ao mar monte abaixo por un lugar chamado Sciara del Fuoco (O camiño do lume), unha sorte de "duna" xigante feita de cinzas e lava seca.

As continuas explosións do volcán éscoitanse perfectamente dende o mar e ir até a Sciara del Fuoco en barco pola noite é unha experiencia abraiante, aínda que non tanto como subir até o borde do cráter logo de varias horas de camiño monte arriba.

Pegado á costa sur hai un illote que se chama Strombolicchio que é o cumio doutro volcán agora inactivo, que se pode ver dende unha marabillosa praia de areas negras.

Na illa de Stromboli rodou Roberto Rossellini a película do mesmo nome no ano 1949, protagonizada por Ingrid Bergman. (Aínda queda xente na illa que lembra o escándalo que causou a relación entre actriz e director porque Rosselini estaba casado.)

Stromboli é un deses recunchos do mundo que paga a pena visitar.

Achégovos un vídeo con algunhas escenas da película de Rosselini:



Comentarios (2) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 15-06-2010 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Do peche da Libraría MIchelena
Sempre é unha mala nova o peche dunha libraría.

Sempre.

Unha mala nova sen paliativos no só para un escritor senón tamén para os lectores e a cidadanía en xeral.

Hoxe souben do peche da Libraría Michelena de Pontevedra logo de vinte e nove anos aberta, que xa non vai abrir as súas portas a partires de finais deste mes.

Unha moi boa libraría, desas que enorgullecen a cidade que as acolle.

Unha mala nova.

Comentarios (2) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 14-06-2010 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Meniños envelenados con chumbo!
Unha vez máis a realidade é tan tráxica que case impide facer comentarios.

En Nixeria, na estado norteño de Zamfara:
Máis de 100 nenos morreron envelenados en Nixeria en semanas recentes logo de que residentes empezaran a excavar ilegalmente minas de ouro que posúen altas concentracións de chumbo.

A mesma noticia por Reuters e o xornal El Mundo.

A usura humana carece de escrúpulos.

E o mesmo leva anos a acontecer na China, onde a presenza de chumbo no sangue de moitos meniños que habitan poboacións cercanas a fábricas onde se trata este material.

Non teño palabras.





Comentarios (7) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 12-06-2010 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Matanza de Golfiños no Brasil
Envíame Solange unha noticia terríbel acerca da matanza de golfiños na Amazonía Brasileira.

Se queredes ler a noticia na prensa do país podedes facelo dende este enlace:
Botos (golfiños) são alvo de matadores de aluguel na Amazônia

Matan preto de 100 ou 200 cada mes!

O golfiño amazónico, por certo, é unha especie protexida.

Mátanos para comerciar cos ollos e outros órganos, porque a carne só se usa como carnada para pescar outras especies.

O mundo está cheo de bárbaros!
Comentarios (13) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 08-06-2010 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
Do presidentiño e a/s lingua/s
Non vin a entrevista en V televisión, a nova canle de La Voz de Galicia, pero lin a crónica da mesma no xornal.

Núñez Feijóo asegurou que «O problema de Galicia non é o galego ou o castelán, é o inglés»!

Podedes ver a entrevista aquí.

Pero non ten límite esta parvada xigantesca?
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 08-06-2010 14:50
# Ligazón permanente a este artigo
De Kazuo Ohno

Veño de saber da morte de Kazuo Ohno.

Achégovos este vídeo para que vexades que personalidade hai detrás do nome e canta plasticidade pode ter o corpo dun ser humano.

Sempre sentín admiración por toda a xente capaz de dicir tantas cousas sen utilizar unha soa palabra, un só sonido.

Morreu un grande.

Veña un grolo por el!

Comentarios (5) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 07-06-2010 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Voan os pingüíns?
Nos intres de máis traballo non podemos desesperar.

Nos intres de máis traballo debemos ter a paciencia necesaria para chegar os ao final, para conseguirmos acadar a meta que procuramos.

Se nunca perdemos de vista o obxectivo plantexado poderemos mesmo demostrar que os pingüíns saben voar!

Por certo, que a animación que vos achego é de Fabrice Senia con realización de Alban Lelièvre.


Comentarios (8) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 06-06-2010 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
De Miquel Martì i Pol: Agora mesmo
Mentres daba voltas na cabeza á discusión destes días no blog acerca do conflito entre Israel e Palestina lembrei o remate dun poema de Miquel Martì i Pol titulado Ara mateix (Agora mesmo) e decidín compartilo convosco porque lle vai moi ben a todo canto falamos:

Convertirem els silencis en or
i els mots en foc. La pell d?aquest retorn
acumula la pluja, i els afanys
esborren privilegis. Lentament
emergim del gran pou, heures amunt,
i no pas a recer de cap malastre.

Convertirem el vell dolor en amor
i el llegarem, solemnes, a la història


Permitídeme a ousadía de traducilo:

Convertiremos os silencios en ouro
e as verbas en lume. A pel deste retorno
acumula a choiva, e os afáns
borran privilexios. Paseniño
emerxemos do gran pozo, hedras arriba,
e non ao amparo de calamidades.

Convertiremos a vella dor en amor
e legarémoslla, solemnes, á història
.

Fermoso, non si?

Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 04-06-2010 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
Ted Eshbaugh: O mago de Oz
Que queredes que vos diga?

Encántame este debuxo animado de 1933 baseado no libro O mago de Oz e realizado por Ted Eshbaugh.

Igual que na famosa película da Metro, dirixida por Victor Fleming e protagonizada por Judy Garland no ano 1939, Kansas está en branco e negro e a terra de Oz en cores.

Benvidos á Terra de Oz, quizais un bo lugar para escapar nestes tempos duros que corren.

Retornade á nenez por uns intres e gozade da películiña porque é moi boa.

Comentarios (5) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 03-06-2010 20:53
# Ligazón permanente a este artigo
De Helene Hanff
Helene Hanff publicou unha xoia titulada 84, Charing Cross Road.

O libro contén toda a súa correspondencia dende a cidade de Nova York co libreiro Frank Doel, da libraría de libros vellos Marks and Co., no número 84 da Rúa de Charing Cross, en Londres, famosa precisamente por acoller a meirande parte das librarías de vello da cidade.

Helene Hanff púxose en contacto con el por vez primeira o día cinco de outubro de 1949 para pedirlle o envío dunha lista de libros que non atopa en Nova York.

Libreiro e escritora mantiveron a súa correspondencia até o once de abril de 1969!

Imaxinade de cantas cousas puideron falar.

Entre eles naceu a amizade a través das palabras escritas e chegaron a ter unha relación case amorosa nos duros tempos da posguerra.

O New York Times dixo do libro que "seduce e fai que o lector sintonice coa humanidade, proporciona un bálsamo para o espírito e unha protección contra das crispacións da vcida contemporánea."

E abofé que é verdade!

Un libro altamente recomendábel pola súa calidade tanto humana como literaria.

(Por certo, que polo visto hai unha versión cinematográfica protagonizada por Anne Bancroft e Anthony Hopkins e unha versión teatrala dirixida por Isabel Coixet)
Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 02-06-2010 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0