Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da situación actual de Italia
Pon os cabelos de punta.

Haberá xente que ande a rir as grazas de Berlusconi, pero a min dáme medo e realmene non lle vexo nada de gracioso ao personaxe.

Hoxe entereime de que hai patrullas de italianos de ultradereita a patrullar as rúas do país.

Así xurdiu o nazismo.

Pon medo. Non si?

Cando a cousa vaia a peor a ver que din os italianos que votan a semellante personaxe.
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 14-06-2009 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
ENCE fóra da ría de Pontevedra

Coma todos os anos por estas datas a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra convoca unha marcha contra a permanencia da factoría de ENCE (Celulosas) nas nosas costas.

Quero rescatar un texto que escribín para un encontro literario que se celebrou hai xa cinco anos no Teatro Principal de Pontevedra baixo o lema En voz alta pola recuperación da ría e no que participamos un bo número de escritores.

O texto apareceu publicado a semana seguinte ao encontro no periódico A Nosa Terra.

Titúlase A VOZ DA RÍA e di así:

Hoxe non veño falar por min. Non vou contar nada que saíse da mente miña. Quero ser a voz da ría, a voz de todos eses que nunca falan, de todos eses que aturan unha existencia sempre silenciada. Mentiría se dixese que son o autor de tan sequera unha soa destas palabras...
O único que fixen foi achegarme á beiramar un día calquera, a unha praia calquera, tanto ten o nome que lle poñades. Cando estaba a dous ou tres pasos da auga deiteime no chan para poñer a testa con todo coidado a rentes das areas. Quería sentir o corazón do mar, ese que impulsa as ondas no seu xogo co vento, ese latexo que turra das augas para provocar as mareas.
Foi entón cando escoitei a súa voz...
Quen se atreve a dicir que as criaturas do mar non teñen fala, se foron elas quen ditaron todas estas palabras?
Falo polas miñocas que furan na terra incesantemente por debaixo da auga,
Falo polas ameixas, polos caramuxos, polos berberechos, polos mexillóns e polas navallas,
Falo polos xurelos, polas sardiñas, polas sollas, incluso polos muxos, e como non polos polbos, polas luras e polas raias,
Falo polos lumbrigantes e polas nécoras, por todos e cada un dos caranguexos e polas centolas. Quen se atreve a dicir que por seren crustáceos non falan?
Erguín a testa da area sorprendido, un pouco desconcertado, por todas as cousas que contaban.
Chegou entón aos meus ouvidos o chío incesante das gaivotas.
Faláronme do ar, do ar limpo e transparente, de todas e cada unha das súas moléculas.
Quero falar entón por elas, e tamén polos araos, e polos corvos mariños, que manteñen na ría as máis interesantes conversas,
Quero falar polas criaturas que esvaran ceibes pola inmensidade do ceo, por todas, dende as máis grandes até as máis pequerrechas,
Quero falar polas cousas que oín que comentaban entre elas...
Decateime nese intre de que a illa de Tambo andaba a moverse dun lado para outro coa elegancia dunha señora marquesa, debuxando nas montañas a escuridade verde da súa silueta.
Movíase con pudor, case con vergoña, coma alguén que intenta ocultar aquilo que máis o atormenta.
Vogaba lentamente, coa parsimonia dunha vella gamela.
Intentaba agachar coa súa inmensidade a un dragón fedorento de varias chemineas.
Un dragón de varias bocas a botar o bafo irrespirábel dunha halitose inmensa.
Un dragón de boca mal aseada e cheirenta que ten ás criaturas todas sometidas baixo a súa gadoupa porcalleira.
Onde está a cidade, que ninguén pode dar con ela?
Anda quizais adurmiñada, aparvada, atordada, submisa ...
Anda lela ou anda cega?
Preguntáronme indignadas as criaturas todas da ría ese día en que falei con elas, logo de
deitarme na praia para poñer a orella na area.
Onde están as xentes de ben de Pontevedra?
Onde están as xentes todas?, repetían con impaciencia...
Por que non corren a botar abaixo esas noxentas chemineas?
Por que non corren a botar abaixo esas noxentas chemineas?
E xúrovos que eu non escribín nin unha soa de todas estas letras!


ENCE FÓRA DA RÍA XA!
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 13-06-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Biblioteca de Celso. Éfeso (Turquía)

O primeiro que me vén á cabeza cando penso nas ruínas de Éfeso é a tremenda calor que ía cando as visitei, tan abafante que a policía turca pasaba de cando en vez por xunta de nós e nos ofrecía uns panos húmidos que sacaban e dentro dunha neveira desas que se levan á praia.

Éfeso a grande.
A magna Éfeso.

Éfeso fundada por Lisímaco, sucesor de Alexandre para rendir culto a Cibeles, deusa nai dos anatolios.

No interior da cidade atópase a gran Biblioteca de Celso, reconstruída grazas a un grupo de arqueólogos alemáns que pasaron o enorme traballo de recompoñer un crebacabezas de pedra xigante.

Canto saber deberon de almacenar as súas paredes.
Cantos eruditos deberon de botar horas e horas a estudar os seus pergameos.
Contas conversas agachadas entre as pedras.
Cantos segredos ocultos entre as areas do chan.

Éfeso grande.
Magna Éfeso.
Comentarios (5) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 12-06-2009 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Madness: One Step Beyond
Escoiteino hoxe na radio mentres ía no coche.

Tróuxome tan morea de lembranzas que non puiden resistir a tentación de convidarvos a escoitalo.

Con todos vós Madness:

One Step Beyond!

Comentarios (6) - Categoría: Sala de música - Publicado o 11-06-2009 21:26
# Ligazón permanente a este artigo
De José Avello en Mariñán
Autor de dúas novelas magníficas (La subversión de Beti García e Jugadores de billar) José Avello (Cangas de Narcea, Asturias, 1943) falounos en Mariñán entre outras cousas:

- do que el denominou comportamento de evitación do ser humano, unha actitude que o leva a tentar sortear os obstáculos que vai atopando ao longo da tarxectoria da vida, e de como eses obstáculos foron precisamente os que o levaron a escribir por primeira vez.

- de que entende a literatura como algo que pode dar orde ao caos no que vive inmersa a sociedade, algo que pode dotar de sentido á realidade (Non vos parece magnífica a idea?)

- da necesidade de distanciarse dos personaxes unha vez creados para poder involucrarse neles.

- do doloroso que resulta rachar páxinas escritas (eu permitinme comparalo cunha amputación)

- das dúas cousas que máis interesan no intre da creación literaria: a espontaneidade e unha boa dose de autoengano.

- da necesidade de meditar acerca do que un escribe. (Será iso aquilo que os románticos chamaban inspiración?)

Unhas ideas moi interesante para unha longa conversa.

Veña un grolo por Avello.

Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-06-2009 18:03
# Ligazón permanente a este artigo
Da explotación laboral aos inmigrantes
Escoiteino hoxe na radio cando ía xantar:

Preto de valencia un traballador boliviano sen papeis nin contrato perdeu un brazo no traballo (arrincoullo unha máquina que estaba a manipular) e o patrono (o cabrón do patrono) abandonouno ás portas dun hospital logo de botar o brazo no lixo.


Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 10-06-2009 17:42
# Ligazón permanente a este artigo
Do deputado defensor dos valores
Chámase Jaime Mayor Oreja.

Resultou elixido deputado no Parlamento Europeo nas eleccións do domingo pasado.

Agora resulta que vai representarnos porque saiu elixido precisamente pola nosa circunscrición.

E nas súas primeiras declaracións dixo:

"la UE es una comunidad de valores", polo que "esos valores y la defensa de los mismos serán uno de los objetivos del Partido Popular, porque han ganado los valores de millones de españoles".

De que valores está a falar?

Do que estou seguro é de que non son os meus.

Comentarios (4) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 09-06-2009 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
Dos diálogos de Mariñán
Xa estou de volta de Mariñán!

E aínda teño na boca o bo sabor que me deixou a estadía nos diálogos da Fundación Carlos Casares, a quen volvo agradecer que me convidasen.

En Mariñán houbo momentos para todo, pero quixera resaltar algunhas cousas que nunca vou esquecer:

- a poesía recitada por ela mesma da poeta catalana Laia Noguera, que tamén me agasallou coa súa amizade (Per molts anys!). Recoméndovos o seu libro No et puc dir res.

- A poesía portuguesa de Nuno Judice (especuialmente un poema no que di que o porco vive na caverna de Platón.

- O poema acerca dos paxaros de Kirmen Uribe, que fixo un recital en éuscaro e castelán realmente abraiante, cheo de sorrisos e amizade.

- O xantar compartido, entre outros, con Yolanda Castaño, con quen tiven unha longa e grata parolada.

- A mesa redonda que tiven a honra de moderar
entre José Avello e o meu amigo Antón Riveiro Coello, que estiveron estratosféricos. Foi tan interesante que non houbo tempo para máis intervencións por parte dos asistentes. Saímonos do tempo establecido! (Xa vos contarei)

- A voz de José Saramago, tan velliño como lúcido.

- A boa conversa de María Xosé Queizán, Xavier Rodríguez Baixeras, Gonzalo Navaza, Xurxo Borrazás e Manuel Forcadela entre outros.

- Os paseos polos xardíns do Pazo no tempo de lecer.

- As longas paroladas destiladas até as tantas da mañá.

- A cea na Praza de María Pita d'A Coruña....

Volveremos falar de Mariñán. Por suposto. Queda moito por contar.

Veña un grolo pola Fundación Carlos Casares, en especial por Gustavo e por Kristina!
Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 08-06-2009 21:22
# Ligazón permanente a este artigo
Diálogos literarios de Mariñán
Despídome de todos vós até o vindeiro venres día 5 de xuño.

Non vou actualizar o blog nestes días porque marcho ao Pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña) convidado pola Fundación Carlos Casares para participar nos seus VI Diálogos Literarios, onde, entre outras cousas, terei a honra de moderar un coloquio entre o meu amigo Antón Riveiro Coello e o escrito asturiano José Avello baixo o título "As historias da vida".

Podedes consultar o programa aquí.

Xa vos contarei.

Deica logo!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 01-06-2009 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0