Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da lagoa seca de Valdoviño
Iso que vedes na foto é o que queda da Lagoa da Frouxeira. Un deserto de area!

O alcalde do Concello de Valdoviño, preto de Ferrol, pediu á Xunta de Galicia que fixese algo para evitar que as crecidas das augas da Lagoa da Frouxeira asolagasen algunhas zonas dun paseo de recente construción.

Esta Lagoa da Frouxeira (espazo protexido da Rede Natura) estaba comunicada co mar a través dunha canle natural que lle servía de desaugadoiro e transcorría a través dunha zona de dunas agora inexistente pola extracción de areas.

A Xunta tivo a idea de ensanchar ese desaugadoiro para evitar esas inundacións do paseo.

E que aconteceu?

Pois aconteceu que agora a Lagoa da Frouxeira está completamente seca!

E a Xunta aínda segue a defender a súa tan desafortunada actuación! (como podedes ver aquí)

Todo isto pola imprudencia das autoridades, máis interesadas nun maldito paseo que nas especies animais, aves a meirande parte, ou na herdanza das xeracións vindeiras, que poderían gozar dun espazo natural que non nos pertence.

Cando aprenderán os nosos gobernantes que a terra non nos pertence, senós que somos nós quen lle pertencemos a ela? Que facer con estes gobernantes ignorantes e cegos? Como pasarlles factura polas súas tropelías?
Comentarios (9) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 07-05-2010 18:34
# Ligazón permanente a este artigo
Da inxustiza do burka

Asegúrovos que cando vin esta fotografía que vos achego sentín unha carraxe atroz.

Esas dúas mulleres totalmente cubertas con burkas no maleteiro dun coche coma se fosen vulgares mercadorías espertou en min unha sensación tal de indignación que non teño palabras para expresala.

A foto está feita en Afganistán.

Mozos que traballan para os talibáns patrullan as rúas con látegos e paus na procura dunha unlla pintada, un nocello descuberto, unha gargallada...

A incipiente sociedade civil de cidades como Kabul, na que a muller comezaba a gozar dun papel social relevante, quedou borrada polos talibáns. Entre as ducias de miles de empregadas públicas enviadas ás súas casas había 7.790 mestras.

Debaixo do burka, a ollada dunha nai non existe. Non existe tampouco o su rostro, a súa voz distorsiónase e é imposíbel o contacto coa súa pel.

O 97% das mulleres afganas dan a luz nas súas casas porque teñen prohibido acudir a médicos varóns. A maternidade Malalai está rodeada por un muro de cemento construido polos talibáns, con dúas xanelas diminutas. Do outro lado acampan os homes que agardan polas mulleres ingresadas. Só poden falar con elas a través desas xanelas.

E todo isto sen falar de lapidacións e outras barbaridades.

Vaia unha merda de sociedade!

Comentarios (8) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 06-05-2010 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
De Uxío Novoneyra 1
Vaia un primeiro poema de Uxío Novoneyra para lle facer a homenaxe que lle corresponde nestre vindeiro día das letras:

LIBERTÁ chamas nos ollos tristes nas caras do METRO
nos que xa perderon o futuro e ganan o pan con sobresalto
na gran cidade nos tesos cumes i en todo o silencio preguntando.

Vélante os xóvenes
i os que saben da morte e xuntan inseguranza e desamparo.
Cando vexo un neno penso en ti
e si oio un bruído sin nome coido que ti chegas i acude todo o sangre.

Todo bruído sin nome é un agoiro.


Encántame este verso final:

Todo bruído sin nome é un agoiro

Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 05-05-2010 13:32
# Ligazón permanente a este artigo
Pola liberdade de expresión
Hoxe é o Día mundial da liberdade de prensa, instituído pola UNESCO.

Que grande sería non ter que reivindicar nunca máis a liberdade de expresión neste mundo noso.

Cantos xornalistas non poden desenvolver o seu traballo por presións de índoles diversas!

Cantas persoas non poden falar con voz alta e clara para dicir o que pensan!

Véñenme á cabeza montañas de exemplos.
Son tantos os camiños utilizados para pechar xornais, para prohibir informacións, para proscribir o uso de determinadas linguas nos medios de comunicación...

Veña un grolo por todos os valentes que claman contra das inxustizas con voz alta e clara!

Que nunca ninguén teña que ficar calado pola imposición daqueles que só cren no pensamento único!

Viva a información libre!


Comentarios (9) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 03-05-2010 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0