Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

D'A Illa do Tesouro de Stevenson
Espertaron onte en min os rapaces do Clube de lectura do IES de Meaño unha morea de lembranzas cando un deles me dixo que o libro que leran antes do meu fora A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson.

Canto gocei de neno con aquela lectura fantástica, como me deixei levar polas reviravoltas da historia da man Jim Hawkins, de John Silver o Longo e dos piratas aqueles que cantaban "Ron, ron, ron, a botella do ron!"

Viaxou a miña mente aos meus once ou doce anos, e estaba na praia de Ares deitado nunha toalla co libro na man...

E chegaba a noite e eu seguía a ler, pero desta volta na liteira de abaixo no cuarto que compartín toda a vida con meu irmán Xurxo, que prefería a lectura dos cómics do "Capitán Trueno" e o "Jabato".

De novo Stevenson me fixo viaxar, desta volta cara aos recunchos máis afastados da miña nenez!

Veña un bo grolo por ti, Robert Louis!

Un grolo de agradecemento!
Comentarios (8) - Categoría: De literatura - Publicado o 08-04-2010 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
A maxia das cousas pequenas
Teñen maxia as cousas pequenas.

Fixádevos neses momentos en que coincidimos no pensamento coma se dunha telepatía de andar por casa se tratase.

Fixádevos nese amor nese pranto, nesa paixón, nesa dor, nese desacougo, nesa saudade, nesa felicidade... que esperta en nós un pequeno verso agachado nun poema, apenas unhas palabras rapidamente escritas, rapidamente pronunciadas.

Iso mesmo acontece coas cousas pequenas, con esas décimas de segundo dunha canción que nos evoca de súpeto a vida enteira, nese sobre que unha vez contivo unha carta agora perdida para sempre, nese anaco de fotografía antiga que descobrimos un día que andabamos a ordenar cousas pola casa e leva impresa a faciana dun amigo de quen nos afastamos hai moito tempo, ou a dun familiar morto hai anos, quen sabe!

Fixádevos nese aroma que chega ao noso nariz cando imos pola rúa camiñando, que dura apenas uns segundos pero ten o poder evocativo dunha tonelada de botellas de perfumes carísimos fabricados polos mellores perfumistas de París.

Que máxicas son as cousas máis pequenas e que pouco interese espertan en moita xente!

Non hai dereito.
Comentarios (7) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 08-04-2010 20:23
# Ligazón permanente a este artigo
Da charla no IES de Meaño
A tarde foi redonda.

Ía un sol nada usual que convidaba a estar no xardín.

E así fixemos.

Unha rapaza do clube de lectura (Ainhoa, creo) incluso foi coller flores para poñelas nun floreiro que puxemos en medio de nós todos, na herba.

E comezaron as preguntas da rapazada, todas elas intelixentes e ben formuladas, todas merecedoras de longas respostas.

Dá gusto ver nos lectores o interese que amosan por saber como se foi configurando unha novela.

E dá gusto ver que detrás deles hai un profesorado moi interesado en espertar no alumnado o gusto pola lectura.

Moitas grazas aos rapaces e rapazas integrantes do Clube de lectura do IES de Meaño por unha tarde tan fermosa e moitas grazas polos comentarios acerca da visita colgados no seu blog.!
Comentarios (14) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 08-04-2010 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
Outro non ao maldito decreto
O Consello Escolar de Galicia vén de dicir NON ao maldito decreto acerca da lingua que fixeron o conselleiriño de educación e os seus amigos.

A que espera este señor para dimitir logo de tanto rexeitamento social?
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 07-04-2010 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
De Rafael Alberti
A semana pasada pasei polo Puerto de Santa María, na provincia de Cádiz, e non puiden evitar unha visita á Fundación Rafael Alberti.

Gustoume a exposición permanente acerca da vida e a obra dun poeta que sempre admirei, especialmente as vitrinas que contiñan algúns manuscritos deses poemas que tantas veces me fixeron soñar. Poder velos escritos da propia man do seu creador, cunha escrita por certo moi fermosa, foi unha delicia.

Vaia unha vida terríbel a da Xeración española do 27, marcada pola traxedia terríbel da guerra, a morte, a ditadura e o exilio.

Rafael Alberti tivo polo menos a sorte de poder volver ao seu Puerto de Santa María! No camiño, na lonxanía do tempo, moitas veces soterrados nas foxas comúns, quedaron os cadáveres de moitos dos seus amigos e compañeiros de xeración.

Eran fermosas as fotografías do poeta a falar cos milicianos na guerra e aquela tan famosa da súa entrada no Pazo do Congreso da man de Dolores Ibárruri, Pasionaria.

Que grande a poesía de Alberti!

Si mi voz muriera en tierra,
llevadla al nivel del mar
y nombradla capitana
de un blanco bajel de guerra.
¡Oh mi voz condecorada
con la insignia marinera:
sobre el corazón un ancla
y sobre el ancla una estrella
y sobre la estrella el viento
y sobre el viento la vela!


Veña un grolo por Rafael Alberti!


Comentarios (5) - Categoría: De literatura - Publicado o 06-04-2010 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Do Clube de lectura do IES de Meaño
Mañá pola tarde terei a honra de participar nunha xuntanza do Clube de lectura do IES de Meaño no que imos falar acerca do meu Libro das Alquimias.

Será un pracer.

Estou seguro.

Os rapaces integrantes do club colgaron opinións acerca do libro no seu blog, Ao pé da hortensia, onde tamén hai actividades complementarias á lectura.

Vaian o meu agardecemento e os meus parabéns para o profesorado que se atopa detrás da iniciativa do clube de lectura.
Comentarios (4) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 06-04-2010 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
Unha vaca á beira do mar
Fotografieina a semana pasada nun estremo da longuísima praia de Zahara de los Atunes.

Que facía esta vaca á beira do mar?

Que estaría a pensar de min mentres lle facía a fotografía e me fitaba con eses ollos que parecían dicir "que fai este home metido na auga a mirar para min"?

Xusto á beira da praia e antes de entrar nunha extensísima zona militar hai unha devesa onde as vacas e as súas crías pastan ao seu antollo.

Achegeuime á devesa logo dun longo paseo de hora e media até ese estremo da praia e non puiden evitar facer esta fotografía para compartila con vós?

Que fai unha vaca á beira do mar?

Que facían todas aquelas vacas que alí había, máis de cen?

No outro estremo da praia, por certo, a outra hora e media máis ou menos de onde eu deixara a miña toalla (xa vos dixen que é longa de verdade) o que había era unha multitude de persoas a tomar o sol.

Estarían por unha vez de acordo persoas e animais?

Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 05-04-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
O mono de Xibraltar
Isto vén a conto do artigo anterior (O neno predicador).

Fixen a foto deste moniño co meu móbil (coma todas as que achego nesta categoría) no cumio do "Peñón" de Xibraltar.

Non vos parece que ten unha cara moi afábel este animaliño?

Non esperta toda a tenrura que lle falta ao neno predicador?
Comentarios (4) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 04-04-2010 14:08
# Ligazón permanente a este artigo
O neno predicador
Non teño comentarios para o que podedes ver neste video dun neno predicador, un pequeno monstruo que non sei se esperta en min compaixón ou ganas de darlle unhas labazadas.

Agardo polos vosos comentarios porque eu non teño palabras.

Até onde pode chegar o fanatismo?

(Por favor fixádevos nas reaccións do público...)

Comentarios (7) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 04-04-2010 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0