Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do xenocidio támil (2)
Sri Lanka é un estado formado por dúas nacións: a Sinshala e a Támil.

Durante a época da ocupación británica unificáronas por motivos de conveniencia administrativa baixo o nome de Ceilán.

No ano 1948 os británicos entregaron o poder á nación Sinshala e dexeito case inmediato o novo goberno privou de dereitos a un millón de támiles.

O asoballamento acababa de comezar!

A opresión sobre os támiles abarca a lingua, a cultura, a educación, o emprego e as liberdades civís.

O goberno Sinshala comezou tamén no ano 1948 a ocupación sistemática do territorio támil.

Os támiles están dende entón a procurar o recoñecemento dos seus dereitos como pobo, mais nada podenfacer contra a brutalidade do goberno que os oprime con man verdadeiramente dura e con toda a forza do seu armamento.

Dende o ano 1976 os Tigres Támiles (exército de Liberación do Pobo Támil) está a loitar pola autodeterminación da súa nación.

No ano 2001 liberaran xa o setenta por cento do territorio que historicamente lles pertence.

En 2002 coa axuda de Noruega acadouse un cese de hostilidades entre os Tigres Támiles e o Goberno de Sri Lanka. Os observadores internacionais recoñeceron os Tigres Támiles coma únicos representantes dos Támiles de Sri Lanka logo dunha longa serie de conversas.

O exército de Sri Lanka nunca recoñeceu este acordo e está a bomberdear o territorio támil e a apreixar os seus habitantes en campos de concentración.

Para máis información:
www.srilanka-genocide.org
www.tamilsagainstgenocide.org
www.tamilsforum.com
www.tamilnet.com

"Todo canto cómpre para o triunfo do mal é que a xente boa non faga nada"
(Edmund Burke)


Comentarios (4) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 17-04-2009 19:21
# Ligazón permanente a este artigo
Do xenocidio támil (1)

O sábado pasado presenciei en Londres unha enorme manifestación que rematou en Hyde Park baixo a chuvia. Eran milleiros e milleiros de persoas a pedir o cese dos abusos do exército de Sri Lanka sobre a poboación támil.

Todos temos oído falar de Sri Lanka, esa illa no océano Índico, xusto no sur da India. Esa illa que antes se chamaba Ceilán, moi famosa pola calidade dos seus tés.

E agora tamén famosa polo xenocidio:

De acordo coa ONU máis de 2.800 civís támiles , incluídos centos de nenos, foron asasinados nos dous primeiros meses de 2009!

Que está a acontecer?

- Hai unha guerra de liberación entre os támiles e o Estado de Sri Lanka.

- O exército de Sri Lanka utiliza bombas de dispersión contra obxectivos civís. Todos os hospitais foron bombardeados.

- Non hai nin medicinas nin comida.

- Ás axencias humanitarias, como ACNUR por exemplo, non se lles permite o acceso ao territorio támil.

- Tampouco se permite o acceso dos medios de comunicación á zona para eliminar testemuñas do xenocidio.

Falaremos máis acerca deste horrendo tema agachado entre parvadas mil nos nosos xornais de cada día, oculto nos lugares máis recónditos das nosas emisoras de radio e das nosas televisións.

Aquí podedes entrar nunha das webs en contra do xenocidio.

Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 16-04-2009 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
London Calling
Xa estou de volta, aínda cos ulidos de Londres impregnados no corpo e no espírito, con eses arrecendos gratos que dubidan sempre no intre de se borrar, inmerso nese proceso de adaptación que segue sempre ás viaxes pracenteiras e ateigadas de bos momentos.

Estou na casa e imaxino Londres na lonxanía, no ir e vir do metro, nos postos do mercado de Candem Town, nos barcos que suben e baixan por un Támesis de augas lamacentas, nas multitudes que agardan nos semáforos para cruzar, nas xentes que pasean vagarosas polas Docklands...

Dende hai unha boa chea de anos non podo pensar na cidade sen que me veña á mente a canción de The Clash que vos achego, London Calling, neste caso interpretada por varios músicos nunha edición dos premios Grammy. Non vos puiden achegar a versión orixinal de The Clash por iso dos dereitos de autor pero penso que o que conta é a música e un moi bo directo.

Mentres me afago de novo á vida de cada día, déixovos coa música.

Gozádea!



Comentarios (7) - Categoría: Sala de música - Publicado o 15-04-2009 21:36
# Ligazón permanente a este artigo
Unha semana de ausencia
Marcho a Londres de novo.

Desta volta estarei fóra unha semana enteira, polo que non vou poder actualizar o blog.

Volverei o martes día catorce cargado de forzas e de ideas.

Verémonos!
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-04-2009 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto pola Convivencia LIngüística
Convídovos a apoiar o

Manifesto pola Convivencia Lingüística e a Igualdade de Dereitos para o Galego


Podedes facelo a través deste blog no enlace que hai enriba da miña fotografía.

Grazas polas vosas sinaturas!
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 06-04-2009 14:24
# Ligazón permanente a este artigo
De Jimmy Liao: A pedra azul
Falamos hai tempo de Jimmy Liao a raíz de que eu colgase no blog unha micro película, O home e o peixe, que suscitou bastantes comentarios.

Dixen naquel momento que volveriamos falar de Jimmy Liao, unha vez que tivese no meu poder algúns dos seus libros.

Por fin teño A pedra azul.

Deliciosa lectura. Deliciosos debuxos. Unha verdadeira alfaia.

Lédea por favor, que de verdade que paga a pena.

"A pedra azul xacía inmutábel no fondo da fraga a gozar do canto das aves, do arrecendo das flores ao vento, do xogo da luz entre as pólas das árbores..."

E o bosque ardeu.

"A pedra azul xacía inmutábel na profundidade da fraga estéril, coma unha balea que perdeu o seu océano..."

Unha historia que debería ser de lectura obrigada nos colexios. Un canto á saudade, á amizade e á natureza.

Poesía en estado puro cunhas ilustracións verdadeiramente fermosas.

Veña un grolo por Jimmy Liao!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 05-04-2009 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Shakespeare destilado na TVG
O pasado vinte e nove de marzo aparecín no programa Libro aberto da TVG para falar do meu Shakespeare destilado.

Convídovos a miralo dende aquí.
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 04-04-2009 18:38
# Ligazón permanente a este artigo
Antiglobalización en Londres

Bastante desapercibido pasou en Londres o movemento antiglobalización. Apenas unha estación de metro pechada (Bank) en pleno corazón da City (o centro financieiro do Reino Unido) debaixo do Banco de Inglaterra, e unha boa morea de medidas de seguridade impostas pola policía metropolitana: rúas cortadas, edificios protexidos por grandes paneis de ferro, e moito axente co dedo no gatillo da metralleta preparado para disparar en caso de necesidade. O importante era protexer os "dignatarios" de vinte países chegados para se reunir e ver que facer cunha crise que se lles vai das mans e da que nin adiviñan o remate.

Quédome cunha pancarta xigante pendurada dun edificio nos Docklands, xusto esa que aparece na fotografía que vos achego, feita por min mesmo dende a outra beira do Támesis. SMASH CAPITALISM (ESMAGADE O CAPITALISMO)

Londres funcionou exactamente igual que calquera outro día do ano, con cumio ou sen el.

A cidade espreguizouse coma calquera mañá e tamén coma calquera noite marchou durmir, sempre tan viva e tan orgullosa e si mesma.

Iso xustamente é o que sempre admirei dela: o orgullo de saber que ocupa un lugar no mundo que de ningún xeito está disposta a deixarse arrebatar.

Volveremos falar dela.
Comentarios (7) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 04-04-2009 18:29
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0