Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Haruki Murakami
Onte fun ao Casino de Santiago, realmente ateigado de xente, á presentación do último libro de Haruki Murakami (村上 春樹), Do que estou a falar cando falo de correr, que está editado por Galaxia e aparece en galego antes ca en ningunha outra lingua peninsular (todo un logro por parte dos editores, veña un grolo por eles!)

Levaba na mente cando ía no coche pola autoestrada os gratos momentos pasados coa lectura de Tokyo Blues. Norwegian Wood e Kafka na beiramar.
Nunca esquecerei os tan ben conseguidos diálogos do vello Nakata cos gatos do seu vecindario.

Pero para a miña sorpresa Murakami non contou nada interesante!
Din os xornais que "non é amigo de aparecer en público nin de recoller galardóns" pero penso que iso non lle impedía dicir aos seus devotos lectores (que alí eramos moitos) algo máis que obviedades como que lle gustan o polbo e os calamares, que dende neno ama a soidade e por iso corre maratóns, que vive en Tokyo, onde rexentaba un clube de jazz antes de poñerse a escribir, e que para facer unha boa novela fai falla talento e unha boa capacidade de concentración!

Para iso puiden ter quedado na casa.

En parte caeume un pequeno mito!

Escribirá moi ben o Murakami. Certo.
Pero falar fala de verdadeira pena!

Déixovos coa entrevista que lle fixo Camilo Franco, con quen logo da presentación compartín unha cervexa e moitas opinións.
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-03-2009 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
O balón de Rico
Descoñezo o autor (ou autores) deste video.

Atopeino na rede e o copyright está a nome de "Tomer yaacobi, Guy dvir, Alon peled & Oded".

Non sei máis.

Ten unha lectura moi simbólica.

Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 11-03-2009 18:18
# Ligazón permanente a este artigo
Árbores floridas

Eva Lozano, visitante diaria deste blog dende o seu comezo, agasalloume dende Cataluña coa foto que vos achego.

Nada como ver o mundo a través das árbores floridas!

A primavera está aí mesmo, a un paso, disposta a sorprendernos unha vez máis co seu sorriso e cos seus caprichos.

Veña un poema de Rafael Alberti:

La primavera ha venido
dejando en el olivar
un libro en cada nido.
Vivir leyendo, leyendo
mientras la paz en el mundo
no se nos vaya muriendo.
Paz, paz, paz para leer
un libro abierto en el alba
y otro en el atardecer
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-03-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
O verdadeiro rostro de Shakespeare
O amigo Francisco Castro envioume hoxe este link para que entrase no blog de Galaxia. Unha sorpresa. Cantas cousas dá para falar o Shakespeare!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 10-03-2009 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Da terra
A petición de Anxo Cabada, o fotógrafo, que me pediu un texto para un proxecto que desexo que lle saia moi ben, púxenme a pensar na terra.

Nesa terra que ule e nos hipnotiza con variadas fragancias.

Nesa terra que se enchoupa de auga cando chove e parece recoller moita máis humidade cá que podemos imaxinar.

Nesa terra que dá vida no seu seo a unha inmensidade de criaturas que a furan sen parar.

Nesa terra que nos acolle cando morremos e nos vai consumindo pouco a pouco, de vagar.

Nesa terra que sepultou as civilizacións todas e vai facer o mesmo co mundo que coñecemos.

Nesa terra que fai agromar o que comemos e o que admiramos, ese verde que enche os nosos ollos por completo, coma naquel poema de Méndez Ferrín, "Lento veleno que pon nos ollos unha cousa verde!", que aparecía na Poesía enteira de Heriberto Bens.

Nesa terra que parece saudarme cada mañá cando me asomo ao balcón do meu cuarto...

Cantas cousas dá para pensar a terra!
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 09-03-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Luar Na Lubre: O son do ar
Como é o son do ar?

Que ritmos baila o vento cando peta contra os acantilados nas escuras noites de invernía?

Que di a brisa cando acariña lixeira a cresta das ondas?

Que o vento que move o millo nas leiras?

Que fala o ar que se respira?

(Un consello:
Pechade os ollos e deixádevos levar, que hai músicas que teñen o poder de transportarnos...)

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 08-03-2009 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
Da Cidade da Cultura
Á final a Cidade, froito do pouso máis absurdo dun soño faraónico, vai seguir a medrar e medrar, sen parar...

Á final a Cidade, altiva, indiferente, vai sepultar debaixo dos seus alicerces o amado cadáver dun antigo soño colectivo...

Á final a Cidade levántase coma símbolo das contradicións dun pobo que non quere saber quen é nin onde está...

Á final a Cidade intentará ocultar cos seus resplandores artificiais as miserias todas do seu arredor...

Á final a Cidade escollerá cos seus tentáculos orgullosos quen ten que subir e quen ten que baixar, quen ten que ir e quen ten que vir, quen ten que poder e quen non...

Á final a Cidade érguese levando por diante gobernos, gobernantes e ilusións...

Á final a Cidade é campa, mausoleo, panteón...
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 07-03-2009 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
As mulleres de Parvati

Hai xa case tres anos, cando unha miña amiga regresou dunha viaxe (coido que a primeira) á India, envioume unha carta que contiña a fotografía que vos achego.
No reverso escribiu:

"Esta foto que che envio é a gran pregunta que me naceu da viaxe."

E non había máis texto.

Mirei e mirei a fotografía ao longo de moitas horas. Dinlle voltas e máis voltas. Mesmo espertei pola noite para mirala. Gardeina nun peto do abrigo e leveina comigo ao traballo.

Que andaban a facer aquelas mulleriñas todas na lameira, enfouzadas até as orellas?

Envieille entón unha carta de resposta que tamén contiña un só comentario:

"Que lonxe desas trastornadas que loitan espidas na lama para que a un grupo de tarados lles pingue a baba nos países da opulencia. Ouh bendito Centro Comercial que habitamos!"

Aos poucos días recibín unha nova carta:
Son a mulleres de Parvati.

Metinme eu no google e atopeino:
Parvati, "Ela a das montañas", (esposa de Shiva e nai de Ganesh e Murugan) simboliza por si mesma as boas virtudes.

Miña amiga explicoumo noutra carta:

Esas mulleres buscan o pendente que perdeu Parvati na Terra. Esa pirámide escalonada e invertida que fura a terra cara a dentro é o lugar onde concentran a busca. Buscan aí o pendente perdido da deusa todos os días de todos os meses e de todos os anos.

Cal é o sentido da vida?
Era polo visto a pregunta que miña amiga se fixera á volta da viaxe (coido que a primeira) á India.

Para as mulleres da fotografía que miña amiga me enviara o sentido da vida consistía en atopar un pendente perdido na lama!
Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 05-03-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Do clube de lectura de Mos
Hoxe compartín unha tarde marabillosa coas máis que agradábeis integrantes do clube de lectura LeMos da biblioteca do IES de Mos para falarmos do Shakespeare destilado.

Ademais de falar compartimos unha caixa de bombóns que estaban boísimos.

Grazas mil a todas!

Grazas a Ana Fidalgo, que é quen leva ese clube con entrega e verdadeira dedicación.

E grazas tamén a Soledad Castro, que publicou na edición impresa d'A Peneira de Louriña este fermoso poema dedicado ao tranvía:

Aquí unha pantasma

O tranvía levou unha mala morte.

Deitouse na vía afogando
os derradeiros alentos,
acarrexando culpa
dunha existencia prolongada.

O tranvía morreu, engulido polo monstro do progreso.

Símbolo dun pasado
por soterrar,
a súa presenza volvouse incómoda, delatora de ecos e realidades obsoletas...

Veña un grolo polo tranvía!
E outro polo LeMos!
Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 04-03-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Mano negra: Señor matanza
Achégovos un clásico de Mano Negra do ano 94. A letra di:

Esta ciudad es la propiedad del señor Matanza
Esa joya, esa mina y esa finca y ese mar,
ese paramilitar son propiedad del señor Matanza
Ese federal, ese chivato, ese sapo al sindicato
y el obispo general son propiedad del señor Matanza

Buenas jineteras y alcohol estan bajo control
la escuela y el monte de piedad son propiedad del señor Matanza

El decide lo que va, dice lo que no sera
decide quien la paga dice quien vivira
Esa y esa tierra y ese bar son propiedad
son propiedad del señor Matanza


Veume á mente nestes días aciagos logo da entrega definitiva do país ao opus dei e a ultradereita española. Que campen ao seu aire! (Para a dixestión destas eleccións non hai medicamento que valga.)

Un tipo do PP díxome onte cun sorriso de orella a orella que ía pasar polo edificio da Xunta para ver as caras que tiñan algúns delegados provinciais.
E logo vén o Feijóo e di que vai gobernar para todos!

Xa vistes as primeiras medidas do seu goberno?

Polo menos gozade da música:

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 03-03-2009 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0