Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Bob Marley: Redemption Song
Unha mañá chuviñenta, sentado na miña mesa de traballo escoito música perante a pantalla do computador no que tamén están a chover as letras.

Desexo compartir convosco esta marabilla de Bob Marley que se titula Redemption Song.

Vén moi a conto do que se está a vivir no mundo árabe (acabo de comentar con Eva Lozano se veremos como cae a monarquía medieval de Marrocos, que é unha das máis ricas do mundo e está asentada enriba dun pobo cheo de carencias)

Esta Redemption Song é un fermoso himno contra a escravitude:

Old pirates, yes, they rob I;
Sold I to the merchant ships...

(Vellos piratas, si, roubáronme;
Vendéronbme ao barco mercante...
)

Hai algúns versos da letra que quixera resaltar:

Emancipate yourselves from mental slavery;
None but ourselves can free our minds
.
(Emancipádevos da escravitude mental;
Ninguén senón sodes vós vai liberar as vosas mentes
)

ou

How long shall they kill our prophets,
While we stand aside and look?

(Durante canto tempo van estar a matar os nosos profestas
Mentres nós só estamos a mirar?
)



Comentarios (5) - Categoría: Sala de música - Publicado o 13-02-2011 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
De Naguib Surur
Con todos os meus parabéns para os exipcios logo do éxito da súa revolta e cos meus desexos de que o futuro se presente tal coma o pobo merece achégovos un poema de Naguib Surur:

Antes do diluvio,
Haberá ira.
E imos estar entre os afogados.
Pero imos levar o diaño connosco
Até o lugar máis fondo:
O noso fin será o seu ...
Pero pouco a pouco ... Que se vai dicir
De nós cando se lembre todo isto?
Que se vai dicir
De nós despois do diluvio,
Despois do afogamento que vén, despois da ira que vén,
Que se vai dicir de nós, os poetas e escritores?
Fomos homes de verdade,
Medios homes-
Ou meras sombras?
O medo,
O temor á espada,
Fixo de nós algo indescriptíbel -
Salvo en lingua vulgar.


O pobo do Exipto está a escribir unha nova páxina da súa historia.

Que ninguén lle roube o éxito!
Comentarios (4) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-02-2011 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
O canal de Beagle
Ollade esta fermoa fotografía que me sorprendeu hoxe na bandexa de entrada da miña caixa de correo.

Enviouma a miña amiga Anxos Sumai dende o outro lado do mundo, dende o estremo máis austral de América.

Trátase do canal de Beagle.

A foto está tomada dende unha avioneta a sobrevolalo.

Ollade ese ceo tapado por unhas nubes mestas que o converten nun extenso catálogo de tonalidades grisallas (algunha vez tiñades imaxinado que esa cor puidese diversificarse de tal xeito?)

O canal semella un camiño que conduce a destinos incertos, unha senda indescifrábel que que se abre entre auga, terra e ar.

Dan ganas de botarse a navegar.

Unha foto ben fermosa, non si?

Comentarios (5) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 08-02-2011 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Acerca de Antonio Francisco Lisboa, o Aleijadinho
A proposta de Solange falaremos hoxe dun home chamado Antonio Francisco Lisboa (1730-1814) pero coñecido como o Aleijadinho ("deformadiño"), que foi un famoso escultor brasileiro de imaxinería autor de máis de 400 obras espalladas polo estado de Minas Gerais e que recibíu ese nome poque padeceu unha doenza que o deixou totalmente transformado (mans, pés e boca).

Ollade esta descrición do escultor feita por Rodrigo José Ferreira Bretas, un historiador da arte do Brasil e biógrafo do Aleijadinho:
Era pardo-escuro, tinha voz forte, a fala arrebatada, e o gênio agastado: a estatura era baixa, o corpo cheio e mal configurado, o rosto e a cabeça redondos, e esta volumosa, o cabelo preto e anelado, o da barba cerrado e basto, a testa larga, o nariz regular e algum tanto pontiagudo, os beiços grossos, as orelhas grandes, e o pescoço curto

O Aleijadinho é sempre un asunto polémico no Brasil porque non existen datos concretos acerca da súa enfermidade, polo que a súa vida está envolta nunha atmosfera de ditos, historias e lendas contadas (e logo transformadas) por varias xeracións.

Mesmo hai especialistas que afirman que as súas obras teñen trazos de deformidades. Non se sabe o motivo, mas hai hipóteses de que intentou plasmar nas súas esculturas as súas propias deformidades.

Lepra, escorbuto, sífilis... Descoñécense as orixes desa doenza que causou tanto estrago na súa vida.

Vaia un grolo polo Aleijadinho!
Comentarios (6) - Categoría: Persoeiros singulares - Publicado o 07-02-2011 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Unha casa en Angoulême
Ollade que casa fotografei na cidade de Angoulême, a onde viaxei a semana pasada con motivo do Salón Internacional da Banda Deseñada.

Unha idea magnífica, non credes?

Un xeito fantástico de decorar as rúas (non era a única casa pintada con personaxes de banda deseñada) e de identificar a cidade con ese gran certame que organiza.

Veña un grolo pola boa iniciativa de Angoulême!
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 03-02-2011 12:25
# Ligazón permanente a este artigo
Claude Lagoutte: Journal Indien
Trouxen de Burdeos na cabeza a imaxe dun cadro moi fermoso pintado polo pintor Claude Lagoutte (1935-1990), nado precisamente nesa cidade.

Vin eses cadro no Museo de Belas Artes, unha pinacoteca pequena pero moi interesante.

Titúlase Journal Indien, Diario indio.

Claude Lagoutte era un gran viaxeiro e ao longo dunha das súas viaxes pola India no ano 1970 decidiu plasmar nesta obra todas as cores que ía descubrindo cada día.

Pintou fitas e máis fitas de cores rechamantes e despois coseunas todas até formar esta marabillosa pintura.

Dende logo o Journal Indien plasma á perfección a súa percepción as cores todas da India.
Comentarios (3) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 02-02-2011 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Agora Exipto

Prodúcese o efecto dominó.

A primeira ficha foi a Tunisia.

Agora chega a quenda de Exipto.

Máis dun millón de persoas se manifestaron hoxe nas rúas d'O Cairo chegadas dende todo o país enteiro.

Mentres o frío teima en conxelar a vella Europa a calor da revolta enche as rúas todas da anterga terra dos faraóns.

Que país virá despois?

Que ten o futuro reservado para o norte de África?

Comentarios (6) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 01-02-2011 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0