Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Adolfo Domínguez e a usura
Que vos pareceron as declaracións de Adolfo Domínguez desta semana nas que avoga polo "despido libre" para motivar aos empregados, carga contra os funcionarios públicos e contra o estado do benestar?

Podedes consultalas aquí.

Vaia un elemento!

Polo visto quere que os empregados que ten aquí no país "gocen" das mesmas condicións que aqueles que fabrican as súas pezas de moda en países do terceiro mundo.

Iso chámase USURA. Así, con maiúsculas. Non ten outro nome!

Por certo, que o noso amadísimo presidente, tan neocon el, saíu na súa defensa.
Podedes ler aquí a súa defensa.

Vaia parella!
Comentarios (6) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 05-02-2010 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
A choiva que volveu
Non foi maís ca un espellismo ese sol que quentou a terra nestes dous días pasados, unha andrómena forxada no interior da nosa cabeza, un pinchacarneiro do tempo sempre a xogar, bromista el.

Agora chove con forza de novo e iso fíxome lembrar un poema de Federico García Lorca, deses seis que escribiu en galego.

Non estou en Santiago pero ben vale para expresar o que me fai sentir a choiva esta que nos rega teimuda.

Velaí vai:

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

Chove en Santiago
na noite escrura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 04-02-2010 19:19
# Ligazón permanente a este artigo
Das cousas que conta o mar
De que fala o mar?

De que fala cada onda que pinta na praia as cores da súa mensaxe?

Que secretos nos transmite a cunchiña de mexilón que fica deitada na area poara que pase un neno e a recolla, para que a pise a zapatilla dese home que corre pola beiramar, para que se refuxe debaixo dela un caranguexo recén nacido?

Que berra a botella de plástico golpeada unha vez e outra máis contra as rochas na loucura do temporal?

De que fala o mar?

Fala das xentes que o cruzan dun continente a outro na procura dun sono inexistente?

Fala quizais da ultima guerra que comezou nas costas dun país lonxano que non sabiamos nin que existía?

Ou fala do vóo da gaivota pendurada do ceo coma un debuxo que alguén esqueceu rematar?

Onde está o resto da bandada?

Existen os parrulos que voan xuntos en perfexta formación con forma de uve?

Existen?

Ou son outro invento maís dos debuxos animados?

De que fala o mar?

De que?

Das longas xornadas de estío cando non eramos máis ca experimentos de persoa a aboiar aferradas a un flotador con debuxos de estrelas?

Das fermosas amizades adolescentes coas que compartiamos o sabor dos primeiros cigarros antes de saber que existía o cancro de pulmón?

Das verbenas interminábeis baixo bombillas de cores que cruzaban de canto a canto o adro da igrexa por diante do palco onde unha orquestra tocaba unha vez e outra máis as cancións do verán?

De que fala o mar?

Cando o saiba vou copiar nun caderno todo canto me diga...

E as follas do caderno van ter o ulido do salitre.

E cando alguén o colla para ler o que pon nunca máis vai querer lavar as mans.

Nunca máis...
Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 03-02-2010 19:36
# Ligazón permanente a este artigo
Unha onda en Areas
Inauguro categoría.

Vouvos presentar fotografías feitas co meu móbil en momentos que quixen atesourar para nunca esquecelos.

Non agardedes obras de arte porque nin sequera intentan selo.

Son iso: momentos para atesourar na memoria.

Non pretenden máis nada.

Hoxe agasállovos cunha ondiña na beiramar na praia de Areas en Sanxenxo, onde fun pasar a tarde na compaña dos meus cans até mesmo hai uns momentos.

E paseamos praia arriba e praia abaixo. Unha vez e outra máis

E atopamos outros cans.

E varios paus deixados pola marea.

E unha nai a lle dar un iogur a un neno.

E unha necoriña morta deitada patas arriba, un cadáver esquecido.

E atopamos tamén esta onda a lamber a area que lle dá nome á praia cun agarimo verdadeiramente grande.

Hai algo máis fermoso ca este amor do mar pola praia?

Por certo, que a banda sonora do momento púxoa outra vez Nirvana directamente ao corazón a través dos auriculares do meu MP3.

Veña un grolo pola ondiña!
Comentarios (5) - Categoría: Fotos feitas co móbil - Publicado o 02-02-2010 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
Un libro por tres bragas
A nosa amiga Eva Carpente fíxome chegar unha foto que paga a pena compartir.

Nin o ebook nin farrapos de gaita, o futuro da literatura está nos feiróns.

Que libros darán coas bragas da oferta?

Propoño tres títulos:
A enfermidade mortal de Kierkegaard
A crítica da razón pura de Kant
As confesións de San Agustín

Agardo que sexan do gusto do vendedor e das súas clientas.
Comentarios (8) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 01-02-2010 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
Nirvana: Plateau
Hoxe entrou o sol na casa cunha forza á que nos tiña desacostumados.

Entrou e fíxome saír a camiñar.

E camiñei co meu lector de MP3 enganchado nas orellas mergullado na música de Nirvana.

Por iso quero compartir convosco esta canción que realmente me deixa cheo, tal é a forza que me transmite, tal é a beleza dos sentimentos que me mete no corpo.

Velaí vai Plateau de Nirvana en directo naquel famoso concerto Unplugged gravado en Nova York para a MTV (podedes consultar a letra aquí)


Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 01-02-2010 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0