Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Curros Enríquez
Deixou onte alguén un comentario que remataba cunha frase de Curros Enríquez:

"Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve"

Adoro este Curros anticlerical d'O divino sainete.

E tamén o de Nocturnio, que me parece un poema cunha sonoridade sen parangón:

Da aldea lonxana fumegan as tellas;
detrás dos petoutos vai póndose o sol;
retornan prós eidos coa noite as ovellas
tiscando nas eiras o céspede mol
.

E tamén o d'O Gueiteiro de Penalta, que cando o les en voz alta parece que esteas a cantar, ou esa marabilla de Aí vén o maio, ou a elegante melancolía de Unha noite na eira do trigo...

Que grande Curros!

Veña un grolo por el!

Comentarios (6) - Categoría: De literatura - Publicado o 12-02-2010 11:25
# Ligazón permanente a este artigo
Do medo que dá Irán
A nación iraní é abondo valente, así que se un día quixésemos producir e fabricar bombas atómicas, anunciariámolo públicamente sen termos medo

Esta terríbel afirmación fíxoa no día de onte o señor da fotografía,Mahmoud Ahmadinejad, presidente da República Islámica de Irán, na inauguración dos actos conmemorativos do 30º aniversario da chegada ao poder de Khomeini.

Dá medo, non si?
Comentarios (7) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 11-02-2010 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Jesús Vázquez premiado polo Opus Dei
Ese señor que tedes na fotografía chámase Jesús Vázquez e é, con diferencia, o peor conselleiro de educación que nunca tivo este país (e a verdade é que o listón non estaba nada alto para conseguir tal distinción).

No tempo que leva no cargo teimou en cargarse o pouco, o moi pouco, que a lingua de nós tiña avanzado no mundo do ensino. (É o ariete de Feijóo no esmagamento do galego xunto con Anxo Lorenzo, director xeral de política lingüística.)

Ten na súa contra a todo o mundo dos ensinantes, dos pais e o alumnado, isto é, á comunidade educativa en pleno.

Unha das primeiras medidas que tomou o seu departamento nada máis chegar el foi eliminar a gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio, co que a Xunta de Galicia aforrou unha boa morea de cartos (varios millóns de euros)

Supoño que estaredes a pensar que os investiron en, por exemplo, mellorar as instalacións dos colexios públicos que do seu departamento dependen, ou en dotar de máis material as bibliotecas escolares, ou en informatizar as aulas para poñelas á altura dos tempos que vivimos, ou en contratar persoal docente e non docente para mellorar arede pública de centros...

Non. Investiron o diñeiro en pagar concertos con centros do Opus Dei que discriminan o alumnado por sexos nas aulas (precisamente cando unha das condicións para eses concertos é que non exista tal discriminación)

Pois ben, por se aínda a alguén lle cabía algunha dúbida sobre o talante dereitoso/opusístico do personaxe hoxe os centros do Opus Dei veñen de concederlle, ALUCINADE!, o PREMIO LIBERTADE DE ENSINO"!

Preguntarédesvos por que.

Pois por "terse destacado no recoñecemento das familias a educar os seus fillos de acordo coas súas conviccións", dixo o xurado de tal premio.

Tiñan que pagarlle os servizos prestados!

Xa pode estar satisfeito.

Xa!

Cando nos sacaremos de enriba a estes persoeiros que de ningún xeito nos merecemos?
Comentarios (9) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 10-02-2010 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
Lluís Llach: Viatge a Itaca
Non podo deixar pasar esta idea de Itaca de Konstantinos Kavafis sen achegarvos esta fermosa adaptación musical de Lluís Llach para que gocedes dela:

Comentarios (5) - Categoría: Sala de música - Publicado o 09-02-2010 12:42
# Ligazón permanente a este artigo
Da Itaca de Kavafis
Falabamos estes días de viaxes a conto das nubes que me enviara Solange dende Sao Paulo.

E veu á miña mente este grandioso poema de Konstantinos Kavafis, que fala da importancia de atesourar coñecementos e experiencias no proceso da viaxe.

Cando emprendas a túa viaxe cara a Itaca
debes pregar que a viaxe sexa longa,
chea de peripecias, chea de experiencias
...

Onde está a Itaca particular de cada un de nós?

É a viaxe a Itaca o símbolo da nosa existencia, do noso pequeno paso polo mundo?

É curioso que fale de "pequeno" paso polo mundo cando en realidade ese paso é a nosa vida enteira e verdadeira.

A vida é a viaxe máis grande que emprendemos dende o intre mesmo de nacermos.
(Unha viaxe sen destino coñecido.
Velaí a súa importancia!)

Debes pregar que a viaxe sexa longa,
que sexan moitos os días de verán;
que te vexan arribar con gozo, alegremente,
a portos que ti antes ignorabas
...

Cantos portos fican aínda por visitar?
Cantas cidades por coñecer?
Cantos son os lugares aínda ignorados?

Conserva sempre na túa alma a idea de Itaca:
chegar alí, velaí o teu destino.
Mais non fagas con présas o camiño;
mellor será que dure moitos anos,
y que chegues, xa viejo, á pequena illa,
rico de canto terás gañado no camiño
...

A viaxe é precisamente o importante, non o destino final.
A viaxe é o que nos vai deixar sorprendidos, polo simple (que non sinxelo) pracer de vaiuaxar e de movernos.

Xa haberá tempo de chegar!

E que sexamos moi vellos cando o consigamos!

Só me queda desexarvos a todos unha moi boa viaxe chea de bos momentos (chea de verán) e ateigada de praceres.

Quizais nos vexamos ao remate do camiño.

Quen sabe?

Boa viaxe!

Que grande era Kavafis!





Comentarios (3) - Categoría: De literatura - Publicado o 09-02-2010 12:33
# Ligazón permanente a este artigo
Modelo Burela de Planificación Lingüística
Apoiandose no Proxecto de Innovación Educativa do IES Perdouro, un equipo de seis persoas elaborou o Modelo Burela de Planificación Lingüística, aprobado por unanimidade polo Concello de Burela (PSOE/BNG/PP) o día 26 de Abril de 2008.

Burela é a única localidade do país que conta cun modelo de convivencia lingüística destas características.

Veña un grolo polos burelenses!

A seguir tedes un extracto da película Modelo Burela onde se pode comprobar o bo estado da lingua de nós nese concello.

Se queredes ver a película completa podedes facelo aquí.

Comentarios (6) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 08-02-2010 19:10
# Ligazón permanente a este artigo
Silvio Rodríguez: Rabo de nube
Isto vén a cinto dos comentarios ao post anterior.

Sexamos nubes, logo!


Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 07-02-2010 23:52
# Ligazón permanente a este artigo
Unha nube como agasallo
Onte pola tarde mentres en Poio o ceo estaba grisallo e amaezaba con descargar unha choiva máis destas que non deixan de regarnos entrei no meu correo e atopei un máis que fermoso agasallo.

Solange envioume unhas nubes dende Sao Paulo!

Unha delas é esa que tedes na fotografía que vos achego.

Esa folerpas de algodón e vapor a viaxar pola inmensidade sen estradas nin camiños dun ceo azul potente e con algo esperanzador.

Sentinme amigo das nubes de Solange, envexoso eu da súa viaxe sen límites nin lindeiros.

Nunca faláramos do ceo, da bóveda que nos une a todos, da forza protectora do ceo-nai-pai que nos acolle agarimoso.

Que ten o ceo, que teñen as nubes, que ten ese azul intenso, que teñen as folerpas de vapor que convidan a viaxar? (E non falo de avións, non)

Onde estarán agora as nubes de Solange?

Un día da semana pasada un meteorólogo dicía na radio que aínda que ás veces parecese o contrario as nubes podían viaxar a unha velocidade que en moitas ocasións lles fastidiaba as predicións.

Quen sabe se esa nubiña brasileira non estará hoxe a pasar por riba de nós?

Quen sabe?

Ou igual xa lle deu por chover polo camiño e hoxe xa é parte deste Atlántico inmenso que nos une e nos separa (paradoxos da vida)!

Quen sabe?

Comentarios (4) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 07-02-2010 19:16
# Ligazón permanente a este artigo
Madredeus: Haja o que houver
Hai cancións que non precisan presentación nin explicación, cancións que se definen por si soas.

Esas son as mellores.

Nada tan sinxelo coma esta letra de Madredeus.

Pero detrás desa aparente sinxeleza agáchase unha tremenda carga evocativa.

É a música que nos transporta.

Própóñovos un experimento:
Primeiro escoitádea seguindo a letra e despois facédeo cos ollos pechados e...

e deixádevos levar.

Boa viaxe!

Haja o que houver
eu estou aqui
Haja o que houver
espero por ti
Volta no vento
Ó meu amor
volta depressa
por favor
Há quanto tempo
já esqueci
Porque fiquei
Longe de ti
Cada momento
é pior
Volta no vento
Por favor
Eu sei, eu sei
Quem és para mim
Haja o que houver
espero por ti



Comentarios (8) - Categoría: Sala de música - Publicado o 06-02-2010 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
Día contra a ablación
Hoxe é o Día internacional de Tolerancia Cero contra a ablación de clítoris e non podo menos que unirme a todos os que denuncian a práctica desta terríbel mutilación sufrida por millóns de mulleres no mundo en nome da tradición e da relixión (?).

Segundo as cifras de Unicef unhas oito mil nenas sufren a ablación diariamente en vinte e oito países do mundo!

SI Á LIBERACIÓN DAS MULLERES NO MUNDO!

NON Á ABLACIÓN!
Comentarios (6) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 06-02-2010 13:17
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0