Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Das miñas camelias

Fixádevos o que di das camelias o dicionario:

"camelia s f PLANTA Árbore, arbusto, ou planta gabeadora do xénero Camellia, da familia das teáceas, que se cultiva para uso ornamental. As follas son perennes, coriáceas e lustrosas, dispostas de xeito alterno..."

Bla, bla, bla.

Déixovos caer unha fotografía feita hoxe mesmo dalgunhas das camelias que aledan a parte de diante do meu xardín.

As miñas camelias son flores valerosas que desafían os temporais, fillas agarimosas da terra que se aferran á pola na que agromaron coa toda a forza da súa savia.
As miñas camelias nacen debaixo mesmo da chuvia e da xeada. Son a primeira nota de vida no xardín antes da primavera.
As miñas camelias son teimudas pinceladas de cor na escuridade do inverno.
As miñas camelias enchoupan de cores o chan cando caen. Son a paleta da natureza diante mesmo da miña ollada.

E digo eu:
Canta asepsia agachan as definicións dos dicionarios.

Díxoo a Muriel Barbery:

"Porque unha camelia pode transformar o destino"

E ten razón!
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 02-02-2009 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
De Corina Porro e Teresa Táboas
Dicíao onte Xornal de Galicia na súa edición impresa:

FRASE DO DÍA
"Táboas fala galego desde que lle deron un cargo como conselleira da Xunta.
Con estas palabras Corina Porro criticou a súa rival pola circunscrición de Pontevedra."


Achego eu catro reflexións logo de dixerir tamaña parvada:

1ª.- O importante é que a señora Táboas fale galego e o defenda, que utilice a lingua con todo o respecto que merece.

2ª.- Descoñezo as circunstancias lingüísticas persoais da señora Táboas e ademais non me importan o máis mínimo. O que verdadeiramente debería de interesar a toda persoa de ben é que a lingua gañe falantes día tras día, teñan a profesión, a idade ou o cargo que teñan.

3ª.- Como pode ser que o partido da señora Porro autodenominado "popular", ande a utilizar como arma arroxadiza algo que dá cohexión ao pobo que di defender e para o que di traballar?
Agora resulta que tamén se une ao carro do ataque á lingua a Asociación de Vítimas do Terrorismo (?) Só faltan a Conferencia Episcopal (A lingua é pecado) e o Foro da Familia.
A demagoxia está servida.
Fagan xogo, señores!

4ª.- Para rematar, unha frase de miña avoa (sabedoría popular): Deus nos dea paciencia e un saco para metela!

Comentarios (6) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 01-02-2009 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Salif Keita: Moussoolou
Falabamos de África estes días.
Falabamos de pechar os ollos e imaxinar as paisaxes castigadas de África.
Propóñovos agora que viaxemos a Mali da man de Salif Keita, "A voz de oro africana", o compositor mandinga repudiado de pequeno polos seus por ser albino.
Mali inspirou o meu relato "Onde estás meu amor, Sangare?", incluído n'As humanas proporcións.
Pois o dito. Pechade os ollos e mergulládevos nos sabores de África.
Con todos vós Salif Keita.



Comentarios (0) - Categoría: Sala de música - Publicado o 01-02-2009 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0