Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da aventura de lermos
Que ten a boa literatura que sempre nos convida a ler?

Por que lemos?

Lemos para comezarmos unha viaxe que non sabemos onde vai rematar.

Lemos para deixarnos acariñar polas palabras que alguén escribiu na meirande das soidades.

Lemos para que as palabras nos leven, nos fagan voar, nos dean voltas e reviravoltas no ar.

Lemos para permitirmos que ocupe a nosa mente unha historia inventada por outro, quizais nun espazo e nun tempo moi afastados de nós, quizais xusto o contrario, escrita por alguén que habita á nosa beira nese silenzo que precisan as cousas boas para madurar.

Lemos para sentirmos vida/as a correr polos nervios nosos todos, para sentirmos pulos alleos a impulsar o noso sangue, para vermos polos ollos doutros, para escoitarmos por ouvidos que non nos pertencen.

Lemos porque estamos ávidos de sorpresa, ansiosos de aventura, sedentos de coñecementos, famentos de explicacións.

Lemos porque os libros explican o mundo que nos rodea, porque conteñen claves para podermos identificar o noso entorno.

Lemos, en fin, porque amamos viaxar!

Que ten a boa literatura que nos provoca calafríos, que nos provoca verdadeiros estoupidos de emocións?

Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 19-02-2009 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Do IES MENDIÑO de Redondela
Onte estiven no IES Mendiño de Redondela para falar cos rapaces do centro acerca d'As humanas proporcións.

Agasalláronme con algo moi grande.
Laura Alonso Álvarez, unha alumna e 2º de bacharelato escenificou o primeiro conto do libro, "As lembranzas todas", con música ao piano composta polo seu compañeiro David González Lorenzo.
Unha parella de artistas!
Veña un grolo por eles e polo seu futuro!

Grazas mil polo bo momento compartido, e grazas tamén ás profesoras de galego do IES: Pilar Cornes, Rosa González e Lola Míguez polo seu bo facer e por espertar na rapazada verdadeiro amor pola lectura.
Nada mellor no mundo ca un bo ensinante!
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 18-02-2009 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
Das nacións errantes.
Sempre adorei aquel relato de Castelao incluído en Cousas: Nunha rúa dun porto lonxano...

A raíz dun comentario de E Carpente acerca da Praza de Igor Stravinsky de París, véñenseme á cabeza varias reflexións:

Cando deixaremos de ser un pobo errante, castigado a camiñar sen parar polo mundo adiante para ás veces nos atopar nos lugares máis insospeitados?
Neses intres de mínimo encontro amámonos coma membros desa nación camiñante á que pertencemos.
Convertémonos nunha illa de galeguidade que se esvaece xusto no intre da despedida.
Iso é futilidade e o demais é conto.

Cando deixaremos de ser o pobo da eterna diáspora?

Cando deixaremos de ser a nación condenada a centrifugar persoas cara a todos os recunchos do mundo, a nave espacial con astronautas unidos a ela mediante longos tubos que os abastecen de ar que respirar? (De ar e tamén moitas veces de pementos de padrón, e lacón con grelos, e viño do ribeiro)

En calquera lugar domundo hai un galego, certo.
E tamén hai un irlandés...
E tamén un portugués...
E un siciliano...
Catro dos lugares noutrora máis pobres de Europa.

Agora en cada recuncho do mundo hai un senegalés.
E tamén hai un alxeriano...
E un marroquino...
E un romanés...

E será que mudaron os tempos?

Que cantarán eles cando se atopan nas nosas rúas?

Cal será a súa "lanchiña que vas en vela"?


Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 18-02-2009 13:07
# Ligazón permanente a este artigo
Place d'Igor Stravinsky (París-Francia)
Vina por primeira vez cando tiña dezaoito anos, nunha viaxe que fixen a París con dous amigos e na que acampamos no Bois de Boulogne. E xa visitei o mesmo lugar non sei cantas veces máis.
Sempre que vou a París fágolle unha visita.
Non son quen de evitalo.

A praza ten unha das fontes máis fermosas e máis singulares do mundo.
Por riba da auga andan constantemente a moverse toda caste de criaturas: o paxaro de lume, a bailarina serea, o elefante, o chapeu, o corazón...
Deixeime hipnotizar.
E a fonte hipnotizoume.

E que dicir do ambiente que se respira en torno a ela?
Á beira do Centro Georges Pompidou, a praza é un constante ir e vir de cómicos, músicos, mimos e toda caste de artistas de rúa, un rebumbio que nunca remata. Un estoupido de creatividade

Unha latiña de cervexa e un chanzo de escaleira para sentar...

Quen dixo que un non podía ficar namorado dun monicreque?

Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 16-02-2009 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Dos efectos da xenebra
Levo xa tres presentacións a falar do Willy, o protagonista do meu Shakespare destilado, sempre co vaso ou mesmo coa botella de xenebra na man dálle que che dou.

Foi Eva Lozano quen me falou deste vídeo que vos achego. Trátase dunha especialísima entrevista con Shane, o cantante dos Pogues e non puiden menos que pensar no Willy ou mesmo no narrador da miña novela. Ao Shane só lle faltan os sonetos de Shakespeare na boca e o pranto polo desamor de Susanna.

Veña un grolo (outro máis) polos Pogues!

Comentarios (8) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-02-2009 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
Da presentación de Shakespeare destilado en Pontevedra

Onte vivín un dos seráns máis fermosos da miña traxectoria como escritor.

Estes foron os ingredientes:
- A presenza dun máis que nutrido público entre os que se atopaban persoas ás que quero de verdade.
- A grata compaña de Antón Riveiro Coello, Xaime Toxo e Carlos Lema na mesa.
- A voz de Erika e a guitarra de Jonathan do grupo Thanrika, que mesmo tocaron para min unha canción que é unha das miñas favoritas, The House of the Rising Sun, que Jonathan toca e canta de vicio.
- A cea e os gin tonics compartidos á noite con Xosé Monteagudo, Adolfo Caamaño e Xaime Toxo. (Fomos destilar a Shakespeare unha vez máis)

Se a escrita é un labor verdadeiramente solitario o favor do público é o mellor que lle pode pasara aun escritor e onte sentino dun xeito como nunca antes me acontecera.

Veña, logo, un bo grolo por todos os que me aledaron a vida onte coa súa calor!

Comentarios (4) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 14-02-2009 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
THE POGUES: Dirty Old Town
Velaí vai unha das miñás cancións favoritas de The Pogues.

...Dreamed a dream by the old canal
Kissed a girl by the factory wall
Dirty old to
wn...

Non sei por que cada vez que a escoito penso na miña cidade, Ferrol, escarallada polos catro cantos, que non soubo (ou non puido) recuperarse daquelas devastadoras reconversións industriais dos oitenta que teimaron en esfondala.


Comentarios (2) - Categoría: Sala de música - Publicado o 14-02-2009 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
Agradecemento a Eva Lozano
Como non agradecer a Eva Lozano, visitante número un deste blog, as súas fermosas palabras acerca do meu Shakespeare destilado, colgadas hoxe mesmo na web de Galaxia.
Grazas Eva!
Veña un grolo por ti!
Comentarios (4) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 13-02-2009 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Aldea afgana na parroquia de Salcedo, Pontevedra
Por incríbel quer poida parecer o Exército Español está a construír unha "aldea afgana" na parroquia de Salcedo, no Concello de Pontevedra como campo de entrenamento para a intervención militar en Afganistán.

A reconstrución da tal aldea ten todo luxo de detalles: farois, mobiliario urbán, semaforos e mesmo buzóns de correos.

Os veciños de Salcedo opóñense á construción por estar a escasos metros de propiedades privadas e dun monte comunal.

Para máis o Ministero de Defensa ten plans de expropiar unha franxa de terreos arredor do cuartel da Brilat para ampliar 300 metros o seu perímetro de seguridade.

De quen é o monte?
Comentarios (4) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 12-02-2009 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación Shakespeare destilado en Pontevedra
Mañá venres 13 presento en Pontevedra o meu Shakespeare destilado
Fareino nun acto organizado polo Ateneo de Pontevedra ás 20:30 horas, no Auditorio da Fundación Caixa Galicia (Café Moderno).

Estarán comigo os meus amigos Antón Riveiro Coello e Carlos Lema (Director de Edicións de Galaxia).

Ao remate terá lugar unha actuación musical do dúo Thanrica (guitarra e voz).
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 12-02-2009 18:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0