Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Joan Sutherland: Casta Diva
Morreu a soprano australiana Joan Sutherland, 'La Stupenda', de quen Luciano Pavarotti dixo que tiña "a voz do século".

Propóñovos que escoitemos esa voz nesta aria, Casta Diva, de Norma de Vincenzo Bellini.

Trátase dunha pregaria á lúa e o que Norma leva na man son unhas pólas de visgo que acaba de coller da árbore para facer unha ofrenda:

Casta Diva, che inargenti
queste sacre antiche piante,
a noi volgi il bel sembiante
senza nube e senza vel...
Tempra, o Diva,
tempra tu de? cori ardenti
tempra ancora lo zelo audace,
spargi in terra quella pace
che regnar tu fai nel ciel...


(Casta Deusa, que alumeas
estas antigas e sagradas prantas,
a nós volve a túa fermosa faciana
sen nube e sen veo...
Tempera, ó Deusa,
tempera estes ardentes corazóns
tempera o seu celo audaz,
espalla encol da terra a paz
que no ceo fas reinar...
)

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 11-10-2010 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
Deste mar que abraia
deixádeme baixar coa marea
aínda
que decida
non subir
endexamais

quizais

oíde cando chamo
gaivota
e
grande
responde
o corazón do mar

cantade frío vento

botade a rede

pescade
trebóns
e temporais

berrade
altas pedras

poñede gumes

furade rochas

cantade mar

mar

(no cumio das ondas quero bailar
e durmir
arrolado
na lentitude da resaca)
Comentarios (8) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 10-10-2010 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Do Nobel de Vargas Llosa
Dúas reflexións que lin acerca do Nobel para Mario Vargas Llosa.

Déixoas aquí recollidas coma dúas follas caídas dunha árbore deste outono chuviñento:

A primeira é de Oliver Stone:
A Vargas Llosa véxoo retorto, reprimido e conservador.

A segunda do meu gran admirado Mario Benedetti:
A Vargas Llosa hai que lelo, pero non escoitalo.

Por certo, que ninguén esqueza que o escritor peruano estampou a súa sinatura naquel demagóxico manifesto en defensa do castelán do ano 2008.

Non teño máis que dicir.
Comentarios (6) - Categoría: De literatura - Publicado o 09-10-2010 12:50
# Ligazón permanente a este artigo
Perigo: personaxes soltos
Aínda lle din voltas ao debuxo de José Ribera de onte, o do home con personaxes na cabeza.

Cantas veces pensei neses personaxes que incluín nas cousas que levo escrito.

Mesmo un día me gustaría escribir un relato no que me xulgasen entre eles, no que se vengasen de min.

Cando vou por aí a falar d'As humanas proporcións sempre cito algo que é tan verdade como que estou a escribir isto agora mesmo.

Un día soñei con Lily, a muller que morre nese relato no que falo dunha cea na que os comensais falan da morte.

Lily sentou á miña beira na cama e quixo saber que dereito tiña eu de matala!

E eu non souben que dicirlle. Fiquei calado coma un peto.

Publicamente declárome inocente de ter creado estes personaxes que creei. (Quizais nin sequera fun eu quen lles deu vida e eles xa estaban aí nalgures dentro do meu corpo a se mover para intentar saír.)

Sexa como sexa tamén publicamente declaro que non me deron máis que satisfaccións.

Grazas ao nemo anónimo e ao vello tamén sen nome do Libro das alquimias, que compartiron comigo días e máis días de varios invernos sempre a se mover pola miña cabeza dun lado para outro.

Grazas a Giovanni e Giovanna Arnolfini, a Celia e ao seu Príncipe (como non grazas a Oscar Wilde)...

Grazas, por fin, ao meu benquerido Willy.

Se non fose por eles todos que quixeron baixar da miña cabeza logo de andar de rolda por ela eu nin sequera tería chegado a crear este blog no que nos encontramos día tras día.

Remato, entón, cunha advertencia:
Perigo! Teño moitos máis personaxes subidos na cabeza!

Por todo isto colguei onte na Casa Van Gogh o retrato que pintou José de Ribera.
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 04-10-2010 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Cabeza de home con pequenas figuras
Fixádevos que xoia de debuxo atopei hoxe na web de The Frick Collection de Nova York.

Deixoume abraiado!

Trátase dun debuxo de José de Ribera pintado nalgún momento do século dezasete (Ribera naceu en 1591 e morreu en 1652)

Non vos parece un tema fascinante para o tempo do que data?

Aínda faltaban tres séculos para que Salvador Dalí andase por aí a fachendear de surrealismo!

Non dá para moito pensar a temática do debuxo?

Cantas veces sentín na miña propia cabeza o peso dos personaxes das cousas que escribo todos a se mover dun lado para outro sen parar, noite e día e día e noite!

Veña un grolo por Ribera, Lo Spagnoleto ("o españoliño". Non digades que non ten graza o alcume!)



Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 03-10-2010 19:11
# Ligazón permanente a este artigo
En homenaxe a Tony Curtis

Morreu estes días Tony Curtis, calificado de lenda polos xornais.

Nunca deixarei de gozar con aquela marabilla de Billy Wilder, Some Like It Hot, traducida ao español como "Con faldas y a lo loco" (?), interpretada por Tony Curtis, Jack Lemmon e Marilyn Monroe.

Vaia un trío e vaia un director!

E vaia unha película, claro.

Non podía ser doutro xeito.



Comentarios (3) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 02-10-2010 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Do bispo que xustifica os abusos sexuais 2
Hai moito tempo falei dun bispo que xustificaba os abusos sexuais. Foi o pasado dezaseis de abril e o tipo en cuestión era mexicano.

Desta volta as aberrantes e dende calquera punto de vista inxustificábeis declaracións veñen da boca deste señor da fotografía.

Chámase Juan Antonio Martínez Camino e para colmo é o voceiro da Conferencia Episcopal Española.

Sabedes que dixo nunha rolda de prensa?

Pois dixo textualmente que:
"Es comprensible que ocurra alguna vez (que haxa abusos sexuais) porque todos somos pecadores y débiles"

Pero como se pode ter tan pouca vergoña?

Por certo que a mesma persoa no mesmo lugar dixo que a visita do Papa era "un negocio espiritual e tamén económico"!

Como escribira o gran Curros Enríquez en boca de Deus no seu poema Mirando ao chau:
Se eu fixen este mundo que o demo me leve

Comentarios (7) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 01-10-2010 19:06
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0