Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Ksar Hadada, Tunisia
Tiven ocasión de facer dúas viaxes a Tunisia.

Na primeira, hai xa máis de vinte anos, percorrín o norde do país e na segunda, hai catro, o sul.

E nas dúas viaxes tiven ocasión de comprobar a enorme hospitalidade dos tunecinos, un pobo que ao longo de moitos anos aturou unha ditadura que toda Europa apoiou de xeito incondicional.

Hoxe a Tunisia está envolta nunha das meirandes incertezas políticas: o pobo, igual que aconteceu naquel sempre memorábel 25 de avril portugués, vén de derrocar o ditador Ben Alí, que tivo que escapar do país para pedir asilo en Arabia Saudí.

Pero os seus seguidores andan a provocar o caos polo país adiante, sobre todo na capital e arredores, como modo de vinganza.

Hai violencia, hai sangue, hai feridos...

Achégovos unha fotografía feita en Ksar Hadada, unha vila de adobe que servía de lugar de encontro de pastores e gandeiros, un punto na entrada ao deserto do Sahara onde podían gardar o gran dos seus cultivos e onde podían quedar a vivir ao longo do tempo que puidesen precisar para poderen comerciar.

O lugar, por certo, serviu de decorado para unha das películas da Guerra das Galaxias: The Phantom Menace.

Tales son a súa beleza e a súa singularidade.

Tráioo hoxe aquí por ser punto de encontro e de diálogo, as dúas cousas que nestes momentos necesita a sociedade tunecina, quen desexo o mellor dos futuros.

Adante, amigos, e que nada se vos torza!

Noraboa por derrotardes o ditador!
Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 17-01-2011 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
De Humphrey Bogart

Onte, catorce de xaneiro, cumpriuse un cabodano máis do pasamento de Humphrey Bogart (morreu en 1957) e non podo evitar traelo ao Tiñádelo que ver.

Por que?

Polos bos momentos que teño pasado no cinema.

Non sei con que película quedar.

Casablanca, ou O bosque petrificado, ou O falcón Maltés, ou Cayo Largo, ou O tesouro de Sierra Madre, ou A condesa descalza, ou O soño eterno...

Era o seu xeito persoal de actuar: esas frases que ficaron para sempre na memoria colectiva (Levántese, señorita, que semella vostede un pequinés!), o cigarro na man e o seu xeito de fumar, a gran cantidade de bos directores cos que traballou...

Unha lenda.

Sen dúbida.

Play it again, Sam.

Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 15-01-2011 13:11
# Ligazón permanente a este artigo
Agnolo Bronzino: Retrato alegórico de Dante
Velaí vai un cadro de Agnolo Bronzino no que aparece Dante Alighieri a contemplar a montaña do Purgatorio cuns loureiros na cabeza e un exemplar da súa Divina Comedia na man.

Adoro eses cadros alegóricos, esas paisaxes imposíbeis construídas con aparencia de posíbeis.

Non dan ganas de facer unha excursión a esa montaña un día que faga sol?

Quen se apunta?
Comentarios (5) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 14-01-2011 19:29
# Ligazón permanente a este artigo
Do Purgatorio
A imaxe que vos achego está de actualidade por unhas recentes declaracións do papa Bieito XVI perante 9000 seguidores no Vaticano.

Trátase dunha ilustración da Divina Comedia de Dante Aligheri, onde se describe o Purgatorio como unha montaña de cumio plano e caeiras escalonadas e redondas. En cada chanzo redímese un pecado e quen o redime está contento porque posúe esperanza.

Como conto é moi interesante e mesmo fermoso. Unha obra de arte con todas as da lei.

Pero que a estas alturas do século XXI veña alguén facer as declaracións que fixo Bieito XVI paréceme unha tomadura de pelo.

Tanto ten que a igrexa católica colleite casos de abusos sexuais polo mundo enteiro e que nunca vaia pedir perdón por eles (e moito menos levar os culpábeis perante a xustiza).

Tanto ten que a sida se espalle por África e a igrexa repita unha vez e outra máis que non se usen preservativos.

O importante é que o purgatorio, coma xa dixera Catalina de Xénova, non é un elemento da paisaxe das vísceras da Terra. É un lume interior, non exterior.

Isto é ficción e o demais son contos!

Un lume interior!

Xa podemos estar máis tranquilos.
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 14-01-2011 19:18
# Ligazón permanente a este artigo
Tribalistas: Já sei namorar
Esta canción de Tribalistas (Arnaldo Antunes, Carlinhos Brown e Marisa Monte) vén a conto do artigo anterior acerca da dor que está a pasar o Brasil.

Se hai algo que me gusta deste vídeo é a alegría que ten a xente toda que aparece nel, o optimismo que destilan.

Quedemos con esa alegría!

Non deixemos que nos arrastre o pesimismo

Já sei namorar
Já sei beijar de língua
Agora, só me resta sonhar
Já sei onde ir
Já sei onde ficar
Agora, só me falta sair

Não tenho paciência
pra televisão
Eu não sou audiência
para a solidão
Eu sou de ninguém
Eu sou de todo mundo
E todo mundo me quer bem
Eu sou de ninguém
Eu sou de todo mundo
E todo mundo é meu também


Comentarios (2) - Categoría: Sala de música - Publicado o 13-01-2011 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
Das graves inundacións do Brasil
A terra toleou, mesmo semella que tolea cada ano de cando en vez.

A loucura está agora no Brasil, nesa cantidade de auga que leva por diante todo canto atopa ao seu paso, mesmo vidas humanas (a cantidade de persoas que perderon os seus fogares podería ascender a 80.000)

Que pode sentir unha persoa que ve como todo canto ten desaparece baixo da auga que non deixa de caer?

Vaia unha dor terríbel.

Que o noso agarimo chegue até todos aqueles que están a perder canto tiñan.

Non podemos facer máis nada dende aquí.

Só agardar que a terra calme.

Que cante outro tipo de canción.

Axiña!
Comentarios (2) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 13-01-2011 20:44
# Ligazón permanente a este artigo
En lembranza de Haití
Hoxe hai un ano xusto que a terra cantou unha horrenda canción en Haití, un ano no que nada nese recuncho do mundo se moveu un ápice para mellorar.

Nada.

Ao comezo todo foron promesas de axuda para unha poboación indefensa e pobre que vía como os mortos se amoreaban nas rúas.

E logo aínda por riba veu a cólera...

Canto pode o ser humano aturar?

Agora xa ninguén fala de Haití.

As promesas ficaron ocas e orfas.

Todo era mentira unha vez máis!

Ollade estas estarrecedoras cifras que ofrece a prensa de hoxe:
222.570 persoas morreron no terremoto.
Hai 800.000 desprazados que malviven en campamentos que se supoñían provisionais!
Os danos materiais ascenden a 6.000 millóns de euros.
3.975 persoas morreron na epidemia de cólera.
Unicef denunciou a violación indiscriminada de nenas nos campamentos cada día cando cae a noite!

Non teño máis que dicir.

Non podo.
Comentarios (7) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 12-01-2011 13:18
# Ligazón permanente a este artigo
Led Zeppelin: Black Dog
No ano 2007 os integrantes do grupo Led Zeppelin reuníronse en Londres, no 02 London Arena, para un concerto en apoio do Ahmet Ertegun Educational Fund, que concede bolsas universitarias nos Estados Unidos, No Reino Unido e en Turquía.

Ahmet Ertegun, por certo, foi o fundador da discográfica Atlantic Records.

Hoxe pensei que Black Dog sería unha boa canción para comezar este ano cheo de ocos para encher. Ademais a versión que vos achego, que pertence a ese concerto do London Arena, paréceme moi boa.

(E a min éncheme a mente de boas lembranzas)

Hey, hey, mama, said the way you move,
Gonna make you sweat, gonna make you groove.


Comentarios (6) - Categoría: Sala de música - Publicado o 11-01-2011 19:01
# Ligazón permanente a este artigo
E entón chegou decembro
E entón chegou decembro.
E fíxoo cunha proposta para salvar o legado de Manfred Gnadinger, o alemán, en Camelle, abandonado á súa sorte polas mediocres institucións políticas deste país noso a pesares do diñeiro que o artista deixou para o coidado da súa obra.
Despois Paulo Lins fíxonos reflexionar acerca do Brasil.
E Mike Stern coa súa Distraxion nos convidou a pensar na música que escoitamos mentres estamos a traballar.
A Fundación Mapfre levounos de visita virtual pola súa exposición madrileña acerca do Impresionismo e Marcello Mastroianni nos explicaba en que consistía o Divorzio all?italiana.
Fomos cear á Estrada para celebrarmos a concesión do premio García Barros a Antón Lopo pola súa novela Obediencia (queda como testemuño unha fotografía feita coa c´mara de Manuel Forcadela) e escoitamos a María Gadú, que nos ensinou unha fermosísima palabra india, Shimbalaié, que significa unión de paz e forzas positivas como xeito de estar a ben coa natureza.
E entón irrompeu neste lugar o espírito do noso admirado Edgar Allan Poe logo da lectura d?O escarabello de ouro e do poema Annabel Lee:
Pero o noso amor era máis forte có amor
daqueles que eran maiores ca nós?
de moitos máis sabios ca nós?
e nin os anxos do Paraíso de enriba
nin os demos de debaixo do mar
afastarán xamais a miña alma da alma
da fermosa Annabel Lee...

Pero todo isto ficou roto pola horrenda e funesta lembranza do terror vivido en Kosovo nos tempos da guerra dos Balcáns.
E entón morreu Blake Edwards.
E falamos das grandiosas embalaxes de Christo Javacheff.
E fixemos balance do ano da man do New York Times.
E nos indignamos coa árbore de nadal de 11 millóns de dólares do hotel Emirate Palace de Abu Dhabi.
E admiramos a Historia do Natal Digital da empresa portuguesa excentric e as marabillas graffiteiras de Banksy, que converte a rúa nun xigantesco museo.
E así transcorreu un ano completo.
Que veñan moitos máis!
Comentarios (6) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 08-01-2011 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Do pasado novembro
Novembro foi un mes moi curtiño no Tiñádelo que ver porque tiven que ausentarme do mundo virtual ao longo duns días para ver de rematar unha novela, que por certo xa está rematada.
Sorprendeunos o grao de violencia intolerábel que se viviu no Sahara ocupado por Marrocos...
E tañén nos sorprendeu a morte de Luís García Berlanga, polo que xuntos vimos esa oparte de Bienvenido Mister Marshall onde cantan o de Americanos os recibimos con alegría.
E aplaudimos o gran xesto de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega outorgado poloa mesma Xunta que teima en esmagar todo o que nos une e nos identifica como pobo.
O mesmo premio que si aceptou, por certo, a Editorial Galaxia.
Xuntos contemplamos a curtametraxe Fallen Art de Tomasz Baginski, asustámonos coa caída da economía irlandesa, que nos levou a reflexionar que Somos hipoteca, e comentamos a escultura neosumeria do Gudea de Lagash.
E deixamos o mes escoitando Coraçao brasileiro de Milton Nascimento:
No meu coração brasileiro, plantei um terreiro, colhi um caminho
Armei arapuca, fui pra tocaia, fui guerrear

Comentarios (6) - Categoría: Resumo do ano 2010 - Publicado o 07-01-2011 22:09
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0