Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Paolo Conte: Sotto le stelle del jazz
Quero convidarvos esta semana a que compartamos unha das miñas cancións favoritas de Paolo Conte.

ladri di stelle e di jazz
così eravamo noi, così eravamo noi


Pechade os ollos e gozade!
Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 25-01-2009 13:06
# Ligazón permanente a este artigo
Do absurdo da autonomía madrileña
Madrid non é nada sen nós, a periferia. Apenas unha cidade bastante fea, sucia, contaminada e sen personalidade. Nada que ver coas outras capitais europeas. Xa lle gustaría ter a metade dos encantos de Lisboa, a décima parte da beleza de París, Praga, Budapest ou Estocolmo, ou unha cuarta parte dos atractivos de Londres ou Berlín, só por citar algúns exemplos que se me veñen á mente así de súpeto. Habería moitos máis. Por iso é alí, precisamente, onde se cocen as intrigas todas contra os que somos diferentes (Por iso a Rosa Díez e so seus secuaces teñen alí máis predicamento e máis adeptos) Porque Madrid non é nada, nadiña. Por non ter non ten nin acento, nin folclore e houberon inventalo, así que tiraron da manga un deixe estraño ao falar, aspirando eses, e inventaron o chotis, con traxe de chulapa e todo coma se vivisen nunha zarzuela. Non aturan, a cidade e unha boa parte dos seus habitantes, que haxa xente que fala outras linguas e escribe outras literaturas, que canta outras cancións, e que ten outros xeitos de ollar cara a Europa que non pasan nin polo Paseo da Castellana nin pola Gran Vía. Nin sequera poden comprender que non tomemos as uvas de fin de ano ao ritmo que marcan as campanadas doutros reloxos que non sexan o da Porta do Sol (unha das prazas máis feas de España, por certo)
E van e danlle un goberno autónomo por iso do café para todos. De aí vén a liorta que teñen entre eles permanentemente os políticos madrileños (agora son os do PP pero pasaría o mesmo se gobernasen outros). Cando en Madrid alguén bota un peido (desculpas pola escatoloxía) o feito ten repercusión en todo o Estado, ou iso pensan, ou iso intentan. Que Esperanza Aguirre (un personaxe reseso e casposo onde os haxa) espíe aos seus rivais dentro do partido (non menos casposos ca ela, por certo) non é un feito que deba de sorprendernos nin o máis mínimo. Tal é a catadura moral do seu goberno, unha institución da que aínda nunca compendín a existencia. Se xa están alí os Ministerios todos do Goberno Español, se teñen tamén unha Deputación Provincial (coma calquera provincia do Estado) e tamén un Concello (coma calquera outra localidade) para que necesitan ser unha comunidade autónoma? (Por certo con bandeira e himno que foron foito dun concurso, e co mesmo rango, segundo a Constitución, que a ikurriña ou o Himno Galego, por volver poñer dous exemplos) Pois necesitan un goberno autónomo para espiar aos demais, para chuchar da teta dos contribuíntes, para autobombo e para non ser menos que nós, os periféricos. Porque sen nós non serían nada. Nadiña de nada. Apenas unha cidade grisalla e sen personalidade.
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 24-01-2009 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
BÓLA DE CRISTAL

Desapareceran as folerpas que caían ao volteala.
Desaparecera mesmo a cidade agachada no seu interior.
Que foi da bóla de cristal, preguntabámonos en silencio.
Que foi dos nenos a xogar na beirarrúa, alí mesmo, a pé da casa?
Que foi da avoa que, calada, cosía mantos inmensos de estrelas na calor do firmamento?
Que foi da bolsa que contiña o almorzo dos obreiros que aturaban o sol do verán e a neve do inverno?
Que das mulleres que tinguían o mundo de cores a forza de furtivas olladas?
Desapareceran...
Todos...
Para sempre...
Tiñádelo que ver.
O mundo deixara de ser unha bóla de cristal,
un xoguete pequerrecho,
unha alfaia.
A bóla, fría coma unha morta, estaba a chorar por Gaza.
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 23-01-2009 12:22
# Ligazón permanente a este artigo
Sabotaxe ao Torneo de Caza do Raposo
Este vindeiro sábado 24 de xaneiro, na localidade de Rodeiro (Pontevedra) terá lugar unha nova proba do Torneo de Caza do Raposo que vén celebrándose dende hai anos.
A organización Equanimal convoca unha sabotaxe que consistirá nunha acción pacífica e perfectamente legal, consistente en pasear polos camiños dos montes, detrás das cuadrillas de caza, facendo todo o ruído posíbel para afastar os raposos das escopetas dos cazadores.
Equanimal solicitou a semana pasada á Consellería de Medio Ambiente a suspensión de todos os torneos de caza do raposo previstos para este mes de xaneiro. A postura da Xunta é de neutralidade aínda que di entender que é normal que haxa rexeitamento a estes torneos. (?)

Podedes enviar un correo electrónico de protesta ao propio conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez Fernández: mvazquezf@xunta.es

SALVEMOS OS RAPOSOS!
Comentarios (2) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 22-01-2009 18:15
# Ligazón permanente a este artigo
De pozos, lumes e labirintos
Nunca houbo pozo na casa miña, nunca, nunha rúa do barrio da Magdalena de Ferrol, á beira dun vello cine abandonado que ardeu coma unha pira nunha noite sinistra.
O lume.
O lume que acaba coas cousas con esa voracidade dos grandes predadores. Así debe de ser ese lume de Benarés que fai desaparecer os corpos en escasos minutos envoltos na coreografía das lapas que sempre é quen de nos entreter até mesmo nos facer pasmar cando sentamos diante súa nas lareiras e sentimos como estoupan as piñas e como se queixan os enormes anacos de madeira que nos quentan. Así é o conto da vida e a morte. O tronco morre para podernos quentar...
O pozo.
Nunca houbo pozo na casa miña. Nunca. Por iso os pozos espertaron sempre en min o máis grande dos misterios. É ver un pozo e meter a cabeza para esculcar coma un pasmón no seu interior. Mesmo boto algo, unha pedriña, un anaquiño de madeira, un pouco de cuspe, para que o pozo me devolva unha resposta, porque o pozo sempre a ten, mesmo para as mentes máis desesperadas. O pozo é o camiño para marchar, unha boca da terra co hálito da humidade. Pechar os ollos e deixarse levar. Xa vai!
En Sintra.
En Sintra hai un pozo enorme, xigante, o máis grande que nunca vin, furado nun monte. É na Quinta da Regaleira... E ao pozo, que non ten auga, claro, pódese baixar por unhas escaleiras que parecen facerse interminábeis, sobre todo se se baixa nun día escuro. E é fermoso ver o ceo dende o fondo. Porque ese pozo non é só a boca da terra, senón tamén un ollo que observa o ceo, ou dende o cal o ceo nos observa, que sei eu? E ao remate do pozo, que formaba parte dun enorme ritual iniciático para masóns, no fondo, hai un labirinto no que cómpre levar unha lanterna para se poder un orientar...
Outro pozo.



Aquel que aparece na película da Entrevista co Vampiro, o pozo no que morre aquela monstruosa vampiriña que tiña cariña de nena e era mala coma a peste, encerrada no fondo máis fondo dun pozo escuro no Teatro dos Vampiros até que chega o mediodía e o sol deita os seus raios enriba dela até convertela nunha moreíña de cinzas...
Pozos, piras e labirintos...
Cal é o magnetismo que agachan?
Comentarios (6) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 21-01-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
George W. Bush: que o demo o leve!
Se queredes despedir a George W. Bush cos honores que merece pinchade aquí e deixade un comentario.
Que o demo vaia con el!
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 20-01-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Xurxo Borrazás

Recoméndovos a lectura dun artigo que colgou o amigo Xurxo Borrazás na sección Entreculturas da revista Tempos Dixital (podédelo ler aquí).
Con esa súa admirábel facilidade para a crítica do sistema literario (tamén recomendo, como non, a lectura do seu Arte e parte, publicado por Galaxia) fai unhas interesantes reflexións acerca de escritores vivos e escritores mortos (o artigo comeza cunha lembranza a Camilo Gonsar, Ramiro Fonte e Anxo Rei Ballesteros), a "xeracións e falsas etiquetas" e ao que el denomina "Xornalismo necrolóxico". Moi bo!
Quixera destacar dúas afirmacións que especialmente comparto:
1.- "Non se pode valorar o artista como axente social porque o artista é decote antisocial, o seu é mexar nas fontes e rebentar os discursos"
2.- "A cultura entendida como herdanza é o folclore. O artista non pode pelexar nesa partilla, debe arruinar a herdanza"
Ademais é grandiosa a comparanza que establece entre as xeracións literarias e as constelacións:
"As xeracións (...) son coma as constelacións. Un selecciona seis puntiños no ceo, ignorando os puntos que os rodean, e úneos cunha liña imaxinaria ata conseguir que formen unha cabra. Dunha estrela a outra hai anos luz, se cadra algunha xa está morta, pero a partir dese momento xa todos vemos que a cabra e as estrelas móvense unitariamente, coma as mozas da natación sincronizada."
É brillante o Xurxo. Non si?
Veña un grolo por el!
Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 20-01-2009 18:02
# Ligazón permanente a este artigo
DA CERVEXA


Unha imaxe do ano mil oitocentos e pico para a reflexión:
"A cervexa é nutritiva.
Esta bébea / Estoutra non a bebe
"
Como cambiou o conto!
Comentarios (8) - Categoría: Querida publicidade - Publicado o 19-01-2009 19:12
# Ligazón permanente a este artigo
Shakespeare destilado no Diario Cultural
Convídovos a escoitar ao longo desta semana anacos do meu Shakespeare destilado na páxina de narrativa do Diario Cultural da Radio Galega. E o mércores 21 entrevístanme ás tres da tarde. Quedamos?
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 19-01-2009 17:54
# Ligazón permanente a este artigo
LILA DOWNS.- La iguana
Non son quen de imaxinar a vida sen música, así queTiñádelo que ver quere ser tamén un lugar onde poderei compatir con todas as miñas visitas aqueles temas ou composicións que máis me gustan e agardo, claro está, as vosas opinións e suxestións.
Unha recomendación: Utilizade as músicas que vou ir propoñendo coma fondo musical para visitardes o resto do blog, que así a viaxe haberá resultarvos máis agradábel.
Os temas ficarán todos arquivados na categoría Sala de música.
Velaí vai, logo, a LILA DOWNS.
Gozade dela.
E veña un grolo por México!:

Comentarios (0) - Categoría: Sala de música - Publicado o 18-01-2009 12:08
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0