Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

CHOVE
Chove
dende hai xa tanto tempo
que o sol
semella un espellismo
tras as pingas

Chove
e a paisaxe
de tan enchoupada
parece humedecer
mesmo
o pensamento

Chove
o cristal da fiestra
bafo
auga
abandonou
para sempre
a transparencia

Esvaran as pingas
polo vidro
fuxidías
lesmas
a aferrarse
á vida

Chove
o horizonte
desapareceu
agachado
na espesura inmensa
do aire...
Comentarios (2) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 05-02-2009 16:32
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo de Eva Lozano
Publica Eva Lozano un artigo (2 x 1) no blog de Galaxia.
Lédeo, por favor!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 04-02-2009 23:55
# Ligazón permanente a este artigo
De blogs, Anxos Sumai e Sonia Díaz
Hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro dos actos do Salón do Libro Infantil e Xuvenil tiven o pracer de asistir a un "encontro" con Sonia Díaz e Anxos Sumai titulado "Soñan as androides con peixes eléctricos?".

E agora, xa na casa, ando a facer a dixestión das cousas que comentaron:

- Sabíades que hai máis de sete mil blogs en galego? Por suposto non todos son literarios. Os contidos son tan variopintos coma os seus autores. A rede está tan viva coma a sociedade que a sustenta. A lingua na rede está máis viva que o que desexarían moitos políticos do tres ao cuarto.

- Da man de Anxos viaxamos a través de marabillosas experiencias tanto súas (Anxos de garda) como de Camilo Franco (Por conto alleo) ou doutros que foron dándolle á rede interesantes e máis que dignos contidos literarios. Anxos abandonou a rede por vontade propia e deixounos un pouco orfos do seu traballo diario. Menos mal que dese traballo saíron froitos tan fermosos coma a súa Melodía de días usados, que tiven a honra de presentar en Santiago hai xa varios anos, nunha das máis fermosas presentacións ás que nunca teña asistido. Tamén grazas ao seu abandono da rede tivo a oportunidade de nos agasallar aos lectores con Así nacen as baleas.

- Visto dende o punto de vista literario, hai algo mellor que a inmediatez dun blog para poñerse en contacto cos lectores de xeito case automático? A escrita (tradicional, en papel impreso) non pode ofrecer esa posibilidade de comunicación.

- O blog é unha botella botada ao mar, dixo Sonia. Estou de acordo plenamente. Non se coñece o seu destino, pero estamos convencidos do contido da mensaxe que puxemos no interior.

- A pantalla do computador é un acuario (de aí o dos peixes eléctricos): déixanos pasmar, abráianos, incluso ás veces dános un pouco de arrepío. (Entre os peixes paiaso e a danza das medusas pasa ás veces algún animal que dá algo de medo)

- A rede ofrece mil posibilidades aínda non exploradas. Como será a literatura "on line" dentro dalgúns anos?

Seguirei a facer a dixestión...

Dicíao Miquel Martí i Pol:
"tot està per fer i tot és possible"

Aínda quedan moitas cousas por descubrir!
Mergullémonos, logo, no interior do acuario!



Comentarios (0) - Categoría: De literatura - Publicado o 04-02-2009 23:37
# Ligazón permanente a este artigo
Do home camaleón
Cantaba Vicente Araguas alá cando o tempo de Voces Ceibes (1970):

Troca a súa cor o camaleón
Decote a diario,
move a súa cor.
Subido na árbore, a lingua botando,
coméndose moscas con deleitación
(...)
Alí onde se atope
adapta a cor...


Woody Allen presentaba ao home camaleónico por excelencia na película Zelig, do ano 1983. Leonard Zelig, o protagonista, tiña a capacidade de adoptar a personalidade de calquera que se atopase á súa beira.

Ano 2009: O segundo da lista do PP pola provincia de A Coruña, Pedro Arias, é tamén un home camaleón.
Atentos:
A comezos dos anos 80 formaba parte do colectivo nudista de Miguel Cancio e militaba no PCE.
En 1983 presentouse ao Concello d'A Coruña nas listas do PSOE. Foi elixido concelleiro con Paco Vázquez
En 2009 preséntase ao Parlamento Galego nas listas do PP.

Troca a súa cor o camaleón...

Déixovos co Baile do camaléon (Chameleon Dance)da película de Woody Allen.-

Comentarios (5) - Categoría: Persoas non gratas - Publicado o 04-02-2009 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Red Hot Chili Peppers - Dani California .
Especialmente dedicada a ganpati tal como lle dixen no comentario que lle deixei debaixo do post "Da presentación de Shakespeare destilado en Rianxo"

No sei se esta é a música que che gusta.
A min tráeme lembranzas de moi bos momentos.

Déixovos con Red Hot Chili Peppers nun directo na cidade de Bilbao:


Comentarios (1) - Categoría: Sala de música - Publicado o 03-02-2009 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Nova categoría.: África no corazón
Engado unha nova categoría ao meu blog:
África no corazón
Agruparei nela todas as novas e reflexións acerca da inxustiza nese continente. Agradaríame non ter que facelo.
Pero xa o dixen o outro día.
Dóeme África.
E dóeme moito.
Comentarios (0) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 03-02-2009 18:54
# Ligazón permanente a este artigo
Do opus dei
Interesante post de X M Eyré na súa Ferradura en tránsito a raiz dun comentario meu no día de onte. Recoméndovos a súa lectura.
Comentarios (2) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 03-02-2009 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
Das inmigrantes subsaharianas
Escoiteino hoxe na radio:

O 75% das mulleres subsaharianas que intentan chegar a España son maltratadas

As que intentan chegar ilegalmente son vítimas de violacións, vexacións e maltrato.

Varios datos aportados pola emisora (varios calafríos):
- Algunhas quedaron preñadas en máis de oito ocasións.
- Moitas foron deportadas polas autoridades españolas en avanzado estado de gravidez (até oito meses).
- Algunhas foron deportadas a países que nada teñen que ver cos seus.

A noticia é un verdadeiro pesadelo de palizas, violacións e deportacións ao deserto.
Non podo menos que sentir noxo.
Comentarios (3) - Categoría: Deste noso mundo inxusto - Publicado o 03-02-2009 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Das miñas camelias

Fixádevos o que di das camelias o dicionario:

"camelia s f PLANTA Árbore, arbusto, ou planta gabeadora do xénero Camellia, da familia das teáceas, que se cultiva para uso ornamental. As follas son perennes, coriáceas e lustrosas, dispostas de xeito alterno..."

Bla, bla, bla.

Déixovos caer unha fotografía feita hoxe mesmo dalgunhas das camelias que aledan a parte de diante do meu xardín.

As miñas camelias son flores valerosas que desafían os temporais, fillas agarimosas da terra que se aferran á pola na que agromaron coa toda a forza da súa savia.
As miñas camelias nacen debaixo mesmo da chuvia e da xeada. Son a primeira nota de vida no xardín antes da primavera.
As miñas camelias son teimudas pinceladas de cor na escuridade do inverno.
As miñas camelias enchoupan de cores o chan cando caen. Son a paleta da natureza diante mesmo da miña ollada.

E digo eu:
Canta asepsia agachan as definicións dos dicionarios.

Díxoo a Muriel Barbery:

"Porque unha camelia pode transformar o destino"

E ten razón!
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 02-02-2009 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
De Corina Porro e Teresa Táboas
Dicíao onte Xornal de Galicia na súa edición impresa:

FRASE DO DÍA
"Táboas fala galego desde que lle deron un cargo como conselleira da Xunta.
Con estas palabras Corina Porro criticou a súa rival pola circunscrición de Pontevedra."


Achego eu catro reflexións logo de dixerir tamaña parvada:

1ª.- O importante é que a señora Táboas fale galego e o defenda, que utilice a lingua con todo o respecto que merece.

2ª.- Descoñezo as circunstancias lingüísticas persoais da señora Táboas e ademais non me importan o máis mínimo. O que verdadeiramente debería de interesar a toda persoa de ben é que a lingua gañe falantes día tras día, teñan a profesión, a idade ou o cargo que teñan.

3ª.- Como pode ser que o partido da señora Porro autodenominado "popular", ande a utilizar como arma arroxadiza algo que dá cohexión ao pobo que di defender e para o que di traballar?
Agora resulta que tamén se une ao carro do ataque á lingua a Asociación de Vítimas do Terrorismo (?) Só faltan a Conferencia Episcopal (A lingua é pecado) e o Foro da Familia.
A demagoxia está servida.
Fagan xogo, señores!

4ª.- Para rematar, unha frase de miña avoa (sabedoría popular): Deus nos dea paciencia e un saco para metela!

Comentarios (6) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 01-02-2009 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0