Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Do lixo electoral
Estamos a vivir unha campaña electoral onde o lixo sobresae por todas partes.

Perante a posibilidade de mesmo comezar (ou continuar?) a se desintegrar como proxecto político en caso de non gañar, o PP intensificou unha campaña de difamación do contrario comezada hai xa varios meses co apoio da prensa máis dereitosa do Estado (La Voz de Galicia, Abc, El Mundo, La Razón...)

Para todos aqueles que teñades dúbidas no intre de irdes votar ou non, ou para aqueles que esteades arrodeados de xente desencantada (ou mesmo esteades desencantados, que motivos non fallan) plantexádevos, por favor, o peor dos escenarios posíbeis: Un PP que recupera o poder con arelas de vinganza.

Pensade na posibilidade de que Corina Porro puidese ser nomeada Conselleira de Cultura.

Votade con sentidiño!

Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 26-02-2009 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Mont de Saint Michel (Normandía - Francia)
De cartón son as ovellas
de mentira,
todas elas
de cartón pedra,
rodeado de mar por todas partes
agás no aparcadoiro
o monte é unha illa,
turistas a gabear polos muros da abadía
O monte é unha illa,
unha illa de cartón
a aboiar polas augas
dos mares de Normandía,
unha illa con ovellas
de mentira.


Rodeada de mar por todas partes
menos por unha que se chama
aparcadoiro
a aboiar suave
polas augas de Normandía
o monte é unha illa
de cartón pedra,
de mentira,
decorado para xaponeses
famentos de fotografías.
De cartón pedra son as ovellas
e de cartón pedra as xentes
que gabean polos muros da abadía.
Comentarios (3) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 25-02-2009 11:57
# Ligazón permanente a este artigo
George Mèliés: Le Locataire diabolique
Prometín un agasallo de aniversario para Eva Lozano e velaí vai.

Trátase dunha película de George Mèliés do ano 1909, cando o cinematógrafo dos irmáns Lumiére apenas levaba catorce anos a funcionar.
Parece mentira que con tan pouca tecnoloxía puidese alguén facer unha película tan ben pensada e con ese ritmo tan logrado.
Onde hai xenialidade non cómpren moitos medios!

E que fagas moitos máis, Eva!


Comentarios (2) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 24-02-2009 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
Do entroido
Aquí non somos de nadal.
Poucas tradicións galegas hai asociadas ao nadal.

Pero collede o entroido.
Un estoupido de festa nas rúas e nas casas.
A xente bótase a xantar laconadas, a cociñar orellas, filloas e bandullos. Un frenesí de deliciosas sobremesas.

Disfraz, máscara, pantalla... Todo vale a prol da transgresión.

A muller vólvese home
e o home vólvese muller
O vello viaxa polo mundo dos contos
A nena véstese de lambetada
A prostituta faise monxa
O ladrón garda civil...

O entroido petou á miña porta...
E deixeime levar.
Como non?

Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 23-02-2009 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
The Smiths: Panic
Foron a banda sonora de moitos anos da miña vida e sigo a gozar deles de cando en cando.

The Smiths:
Panic on the streets of London
Panic on the streets of Birmingham...


Burn down the disco
Hang the blessed DJ
Because the music that they constantly play...


O pánico esténdese.
Volverei estar san outra vez?...


Foron unha banda de rock independente formada en Manchester en 1982 polo cantante Morrissey e o guitarrista Johnny Marr.
Separáronse en 1987.

E abofé que deixaron unha boa pegada!


Comentarios (2) - Categoría: Sala de música - Publicado o 22-02-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
De cans abandonados
Vén na Voz de galicia de onte:

Abandonados 90 cans de caza en Lugo unha vez ramatada a tempada de caza.

Sen comentarios!
Comentarios (0) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 21-02-2009 12:24
# Ligazón permanente a este artigo
De Jimmy Liao
Hoxe pensaba falar do entroido.
Deixareino para mañá.
A culpa tena o amigo Séchu Sende, quen onte, coma quen deixa á porta da casa unha folla caída tras o penúltimo temporal, me deu o nome de Jimmy Liao.

E abriu unha fiestra...

E boteime á procura.

E atopei A pedra azul, que fala dunha pedra azul deitada inerte nun bosque destruído polo lume. Fragméntase en dúas metades. Unha fica no seu lugar mentres a outra é levada á cidade e ten morriña da súa outra metade. Unha metáfora sobre o desarraigo e a saudade.

E atopei tamén Fermosa Soidade.

Falaremos deles...

Grazas Séchu!


Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 21-02-2009 11:55
# Ligazón permanente a este artigo
O home e o peixe
Descoñezo o autor.
Descoñezo a data en que se fixo.
Descoñezo en que festival de Berlín recibiu un premio.

Só sei que este minuto e medio de video de animación contén máis mensaxe que moitas longametraxes.

Por certo, que me vale para inaugurar categoría: Alfaias en video.

Pasádeo ben!

Comentarios (4) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 20-02-2009 18:40
# Ligazón permanente a este artigo
Da aventura de lermos
Que ten a boa literatura que sempre nos convida a ler?

Por que lemos?

Lemos para comezarmos unha viaxe que non sabemos onde vai rematar.

Lemos para deixarnos acariñar polas palabras que alguén escribiu na meirande das soidades.

Lemos para que as palabras nos leven, nos fagan voar, nos dean voltas e reviravoltas no ar.

Lemos para permitirmos que ocupe a nosa mente unha historia inventada por outro, quizais nun espazo e nun tempo moi afastados de nós, quizais xusto o contrario, escrita por alguén que habita á nosa beira nese silenzo que precisan as cousas boas para madurar.

Lemos para sentirmos vida/as a correr polos nervios nosos todos, para sentirmos pulos alleos a impulsar o noso sangue, para vermos polos ollos doutros, para escoitarmos por ouvidos que non nos pertencen.

Lemos porque estamos ávidos de sorpresa, ansiosos de aventura, sedentos de coñecementos, famentos de explicacións.

Lemos porque os libros explican o mundo que nos rodea, porque conteñen claves para podermos identificar o noso entorno.

Lemos, en fin, porque amamos viaxar!

Que ten a boa literatura que nos provoca calafríos, que nos provoca verdadeiros estoupidos de emocións?

Comentarios (1) - Categoría: De literatura - Publicado o 19-02-2009 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Do IES MENDIÑO de Redondela
Onte estiven no IES Mendiño de Redondela para falar cos rapaces do centro acerca d'As humanas proporcións.

Agasalláronme con algo moi grande.
Laura Alonso Álvarez, unha alumna e 2º de bacharelato escenificou o primeiro conto do libro, "As lembranzas todas", con música ao piano composta polo seu compañeiro David González Lorenzo.
Unha parella de artistas!
Veña un grolo por eles e polo seu futuro!

Grazas mil polo bo momento compartido, e grazas tamén ás profesoras de galego do IES: Pilar Cornes, Rosa González e Lola Míguez polo seu bo facer e por espertar na rapazada verdadeiro amor pola lectura.
Nada mellor no mundo ca un bo ensinante!
Comentarios (2) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 18-02-2009 14:00
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0