Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Da Cidade da Cultura
Á final a Cidade, froito do pouso máis absurdo dun soño faraónico, vai seguir a medrar e medrar, sen parar...

Á final a Cidade, altiva, indiferente, vai sepultar debaixo dos seus alicerces o amado cadáver dun antigo soño colectivo...

Á final a Cidade levántase coma símbolo das contradicións dun pobo que non quere saber quen é nin onde está...

Á final a Cidade intentará ocultar cos seus resplandores artificiais as miserias todas do seu arredor...

Á final a Cidade escollerá cos seus tentáculos orgullosos quen ten que subir e quen ten que baixar, quen ten que ir e quen ten que vir, quen ten que poder e quen non...

Á final a Cidade érguese levando por diante gobernos, gobernantes e ilusións...

Á final a Cidade é campa, mausoleo, panteón...
Comentarios (5) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 07-03-2009 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
As mulleres de Parvati

Hai xa case tres anos, cando unha miña amiga regresou dunha viaxe (coido que a primeira) á India, envioume unha carta que contiña a fotografía que vos achego.
No reverso escribiu:

"Esta foto que che envio é a gran pregunta que me naceu da viaxe."

E non había máis texto.

Mirei e mirei a fotografía ao longo de moitas horas. Dinlle voltas e máis voltas. Mesmo espertei pola noite para mirala. Gardeina nun peto do abrigo e leveina comigo ao traballo.

Que andaban a facer aquelas mulleriñas todas na lameira, enfouzadas até as orellas?

Envieille entón unha carta de resposta que tamén contiña un só comentario:

"Que lonxe desas trastornadas que loitan espidas na lama para que a un grupo de tarados lles pingue a baba nos países da opulencia. Ouh bendito Centro Comercial que habitamos!"

Aos poucos días recibín unha nova carta:
Son a mulleres de Parvati.

Metinme eu no google e atopeino:
Parvati, "Ela a das montañas", (esposa de Shiva e nai de Ganesh e Murugan) simboliza por si mesma as boas virtudes.

Miña amiga explicoumo noutra carta:

Esas mulleres buscan o pendente que perdeu Parvati na Terra. Esa pirámide escalonada e invertida que fura a terra cara a dentro é o lugar onde concentran a busca. Buscan aí o pendente perdido da deusa todos os días de todos os meses e de todos os anos.

Cal é o sentido da vida?
Era polo visto a pregunta que miña amiga se fixera á volta da viaxe (coido que a primeira) á India.

Para as mulleres da fotografía que miña amiga me enviara o sentido da vida consistía en atopar un pendente perdido na lama!
Comentarios (4) - Categoría: Recunchos do mundo - Publicado o 05-03-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Do clube de lectura de Mos
Hoxe compartín unha tarde marabillosa coas máis que agradábeis integrantes do clube de lectura LeMos da biblioteca do IES de Mos para falarmos do Shakespeare destilado.

Ademais de falar compartimos unha caixa de bombóns que estaban boísimos.

Grazas mil a todas!

Grazas a Ana Fidalgo, que é quen leva ese clube con entrega e verdadeira dedicación.

E grazas tamén a Soledad Castro, que publicou na edición impresa d'A Peneira de Louriña este fermoso poema dedicado ao tranvía:

Aquí unha pantasma

O tranvía levou unha mala morte.

Deitouse na vía afogando
os derradeiros alentos,
acarrexando culpa
dunha existencia prolongada.

O tranvía morreu, engulido polo monstro do progreso.

Símbolo dun pasado
por soterrar,
a súa presenza volvouse incómoda, delatora de ecos e realidades obsoletas...

Veña un grolo polo tranvía!
E outro polo LeMos!
Comentarios (1) - Categoría: Dos meus libros - Publicado o 04-03-2009 21:09
# Ligazón permanente a este artigo
Mano negra: Señor matanza
Achégovos un clásico de Mano Negra do ano 94. A letra di:

Esta ciudad es la propiedad del señor Matanza
Esa joya, esa mina y esa finca y ese mar,
ese paramilitar son propiedad del señor Matanza
Ese federal, ese chivato, ese sapo al sindicato
y el obispo general son propiedad del señor Matanza

Buenas jineteras y alcohol estan bajo control
la escuela y el monte de piedad son propiedad del señor Matanza

El decide lo que va, dice lo que no sera
decide quien la paga dice quien vivira
Esa y esa tierra y ese bar son propiedad
son propiedad del señor Matanza


Veume á mente nestes días aciagos logo da entrega definitiva do país ao opus dei e a ultradereita española. Que campen ao seu aire! (Para a dixestión destas eleccións non hai medicamento que valga.)

Un tipo do PP díxome onte cun sorriso de orella a orella que ía pasar polo edificio da Xunta para ver as caras que tiñan algúns delegados provinciais.
E logo vén o Feijóo e di que vai gobernar para todos!

Xa vistes as primeiras medidas do seu goberno?

Polo menos gozade da música:

Comentarios (4) - Categoría: Sala de música - Publicado o 03-03-2009 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
De baleas que van morrer ás praias

Aconteceu na illa de King, en Tasmania.

Preto de 200 baleas piloto que ficaron varadas ao longo da pasada mañanciña puideron ser rescatadas, pero 130 morreron afogadas.

Empezaron a chegar á praia perante o abraio dalgúns residentes.

Dende finais de novembro, unhas 200 baleas morreron asfixiadas na illa de Tasmania e noutras praias do sur de Australia.

Os científicos atribúen o fenómeno a que se senten atraídas polo sónar de grandes buques ou porque van detrás dun líder enfermo desorientado.

Non quero sinalar, por respecto aos animais, os símiles que me veñen á cabeza coas recentes eleccións galegas...
Comentarios (1) - Categoría: De animais maltratados - Publicado o 02-03-2009 21:31
# Ligazón permanente a este artigo
Da amargura post-electoral
Comparto plenamente as palabras coas que Suso de Toro remata hoxe o seu artigo no xornal El País, que na edición dixital, por certo, non está completo:

"O que queda (tras das eleccións de onte) é un país partido polo medio cunha metade impregnada de amargura. Non é bo para un bo futuro"
Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 02-03-2009 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
De Pepe Rubianes
Acabo de saber da morte de Pepe Rubianes.
Comentarios (7) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-03-2009 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Colby Bluth: Entrementres
Achégovos o video Entrementres do animador e ilustrador americano Colby Bluth, colaborador da web infantil educativa e de entretemento The Monkey Zone.

Comentarios (1) - Categoría: Alfaias en video - Publicado o 01-03-2009 12:12
# Ligazón permanente a este artigo
Reflexións para a xornada

Reflexións para a xornada:

1º O pobo galego ten tendencia a votar o inimigo.

2º O pobo galego quizais necesitase unha longa e teimuda terapia colectiva para se desfacer do auto-odio e para lle facer subir a autoestima. Para cando comezala?

3º O pobo galego renega de si mesmo de tal xeito que semella estar a se facer o harakiri xa dende os remotos tempos da Idade Media.

4º O pobo galego non merece a predominante mediocridade da clase política que sobrevoa por riba das súas cabezas.

5º O pobo galego leva moitos séculos de maltrato...

A ver que votades mañá!

Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 28-02-2009 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Dende detrás do magnolio

Velaí vos deixo a última fotografía que lle fixen ao meu magnolio xaponés.

Gústame vivir agachado neste lado para poder ver o mundo a través das súas pólas...

Gústame albiscar todo canto existe máis aló do estoupido de cores con que me agasalla cada inverno, xusto neses momentos en que só as plantas valentes se atreven a florecer desafiando as xeadas que as cobren cada noite...

Gústame ese seu xeito de filtrarme a paisaxe para só deixarme ver o que hai máis aló a forza de imaxinación...

Gústame que se espreguice cada mañá perante a casa miña e deixe pasar soamente aquelas determinadas raiolas de sol coas que me agasalla, mestre que é en amenceres e solpores...

Gústame que arrinque do ar a cada momento un suspiro de satisfacción, un murmurio que levaba anos agachado na atmosfera...

Gústame que descifre para min unha e outra vez o seu sutil código de palabras para deixar caer perante os meus pés unha mensaxe nova cada vez que me achego ás súas flores para tocalas...
Comentarios (9) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 27-02-2009 19:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0