Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Santo Domingo 1
A Santo Domingo chegou Colón cando o do Descobrimento (europeo das terras dos indios, quero dicir).

E alí, ás beiras do río Ozama, fundouse a primeira catedral de América.

E alí fóronse construíndo fortalezas varias para defenderse de inimigos varios (franceses, ingleses, piratas...).

E alí edificou amén a familia colón a súa residencia, erixidos xa en grandes descubridores (europeos das terras dos indios, repito).

E alí hai unha estatua de Colón, Cristobo, que sinala á outra estatua de Colòn, Cristobo, que tamén sinala no porto de barcelona. (Saberán un do outro?)

E alí construíu o goberno xa independente da República Dominicana o Panteón da Patria, onde están enterrados todos os presidentes agás Trujillo, Rafael Leónidas, que non teño nin idea de onde está. Por certo, que a lámpada xigante do gran panteón foi un agasallo de Franco, Francisco, por iso do bo feeling entre fascistas.

Iso, e moitos outros monumentos perfectanmente restaurados, constitúe a zona colonial de Santo Domingo, a capital da República.

E iso, a zona colonial, é un remanso de tarnquilidade, onde mesmo hai músicos a tocar ritmos caribeños e tamén unha ou dúas terrazas onde tomar un refresco ou un ron con piña colada (unha delas do Hard Rock Café, xusto en fronte da catedral, nmanda truco!).

E iso, a zona colonial, é teritorio limpo e aseado, teritorio seguro para o pracer do visitante... que nada vaia empañar a visita, que nada atragoe a visión da primeira cidade das Américas.

E aí, na zona colonial, igual que en Punta Cana, en Samaná ou en Playa Bávaro, opera unha policía turística, a Politur, que mantén aillado o ao turista da delincuencia que atura o resto do país (as casas están enreixadas até os pisos máis altos e todo o tempo a poboación di que anes con ollo).

Pero fóra de aí, fóra da zona coilonial, esténdese o gran Santo Domingo!

Un paseo polo Malecón, Pola zona máis popular do malecón, quero dicir, non a zona onde está o hotel Hilton, a un escaso cuarto de hora da zona colonial, á beira do mar, na desembocadura do río Ozama, é un paseo sobrecolledor: meniños da rúa a pedir esmola, mendicidade, unha sucidade coma nunca antes vira na miña vida (e teño viaxado moito)...
O malecón de santo Domingo, cunha mínima inversión pública, podería ser un lugar idílico aínda que só fose polo lugar onde se atopa. Pero non. De idílico non ten nada. Hai unha praia no malecón que parece sacada dun soño (cocoteiros...) pero está convertida nun pesadelo: non se pode usar pola cantidade de merda e de contaminaciín que hai na auga. Nunca antes vira romper ondas con toda caste de lixo.

E iso non o ven os turistas que pasean pola zona colinial, os que se fotografían diante da casa da familia Colón...

Como tampouco ven as grandes bolsas de pobreza que corroen a cidade polos catro cantos.

En Santo Domingo hai moitísimas rúas que non coñeceron nunca o alumbrado público e que pola noite se converten en territorio hostil. (As guías recomendan que se, en caso de ter que visitalas, un ande con moito coidado porque como non hai iluminación e un pode caer por unha alcantarilla sen tapa!)

En Santo Domingo a xente engancha as conexións eléctricas das casas aos postes chantados nas rúas e iso provoca constantes cortocircuítos que deixan sen luz a diversas zonas da gran cidade (incluído o centro) día si e día tamén. E curiosamente disto só escapa o barrio onde está a Embaixada dos Estados Unidos (por que será?).

Diante desta embaixada, por certo, hai a diario ringleiras de xente a pedir unha visa para emigrar que nunca se concede (com anaquela canción de Juan Luís Guerra que dicía o de buscando visa para un sueño).

Benvidos sexan a Santo Domingo, primeira cidade das Américas!
Comentarios (0) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 18-08-2009 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0