Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De por que escribo

Hoxe pola tarde vou gravar o vídeo para a páxina web da AELG. Teño que explicar por que escribo e logo ler dous textos, un meu e outro doutro autor.

Como texto alleo escollín un de Cousas, de Castelao. É o primeiro libro que lin en galego e deixoume unha pegada ben fonda! Vou ler o texto derradeiro, Vou contarvos un conto triste, ese que fala de Doña Micaela, que garda en tarriños de cristal "o froito merado dos seus amores"... Non sei moi ben por que pero identifico moito co ese conto algunha faceta da miña propia literatura. En fin, sería algo para discutir.

Como texto meu escollín o conto "Son unha raia" do meu libro As humanas proporcións.

E para explicar por que escribo vou ler este texto que vos achego:

Escribo dende que teño uso de razón.
E sempre o fixen en galego. Por que había de facelo noutra lingua?
Cando un é moi amigo da lectura, como é o meu caso, non é difícil que acabe intentando emular os que escribiron as cousas que le.
Co paso do tempo cheguei a crer que me nacera un manancial no interior e que tiña que abrir unha billa para deixar que a auga puidese alcanzar o exterior. Así foi como descubrín a vocación de escribir. Así mesmo, e non doutro xeito. E non sei que podería acontecer dentro de min se non abrise de vez en cando a billa para deixala manar o que ás veces son verdadeiras enxurradas de ideas. Quizais acabaría tolo. E, a dicir verdade, non me gusta moito a idea.
Non sabería dicir con moita exactitude cando escribín algo consciente de que podía ser lido por outras persoas. Quizais fose con ?Tiñádelo que ver?, un relato incluído n?As humanas proporcións. Podería dicir que logo de escribilo tiven a sensación de que ía botar unha mensaxe pola fiestra da miña casa e a saber quen podería recollela cando chegase abaixo, caso de que alguén a recollese.
Imaxinei varias opcións:
A primeira era que esa persoa que descubrise a mensaxe correría a botala na primeira papeleira que atopase maldicindo a xente que emporcaba as rúas.
A segunda posibilidade era un neno que paseaba da man de seu pai: Mira, papá, unha mensaxe no chan. Diría o cativo. Pois non a toques que a saber quen a escribiu, non vaias coller unha enfermidade. Contestaríalle o pai.
A terceira consistía nun ser romántico a camiñar entre nubes de algodón. Que beleza! Diría cando vise o meu escrito na beirarrúa, Que romanticismo! Unha mensaxe na rúa nestes tempos condenados que nos tocou vivir!
E a derradeira posibilidade chegaba da man da crítica. Fíxate que ousadía, escribiría alguén nunha crónica, escribir unha mensaxe con faltas de ortografía! Isto non vai a ningún lado!
E entón pasou algo de tempo.
Até que un día, case como por accidente, descubrín entre as miñas mans un libro escrito por min editado coma todos aqueles que adoitaba ler.
Foi un dos mellores momentos da miña vida. Dígovolo en serio.
Fíxenme unha foto e todo, rodeado dos vinte e cinco libros que me enviou a editorial... Deiteime no chan estirado e púxenos todos por riba de min. Pero logo pensei que parecía unha tumba e levanteime, así que á final fixen a foto coa lingua de fóra por iso do cansazo e cos vinte e cinco libros na man coma se fosen meniños a seren arrolados.
Así foi como empecei a escribir. Así mesmo, e non doutro xeito.
O único que agardo do futuro é que o manancial interior nunca seque e que sempre teña a posibilidade de abrir a billa.


Veña un grolo pola AELG!
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 26-06-2009 18:04
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Que fermoso texto, Xesús, que ben explicadiño. Fíxome lembrar un comentario que fixeches o día que nos coñecimos: "estou tan ocupado que mesmo levo días sen escribir", coma #blgtk08#se levases días sen xantar, co mesmo apuro, coa mesma pena...
Si que é un momento moi máxico o de ver o teu nome escrito na portada dun libro! Que sexan moitos máis!
Comentario por Eva Lozano (27-06-2009 11:10)
2 Alégrome de que che gustase o texto. Si que era verdade que levaba días sen poder escribir. Entón amoréane as cousas#blgtk08# dentro dun e acaban saíndo por onde non deben! Meno mal que agora estou xa a recuperar o traballo e estou contento.
Comentario por Xesús Constela (27-06-2009 20:12)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0