Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De pozos, lumes e labirintos
Nunca houbo pozo na casa miña, nunca, nunha rúa do barrio da Magdalena de Ferrol, á beira dun vello cine abandonado que ardeu coma unha pira nunha noite sinistra.
O lume.
O lume que acaba coas cousas con esa voracidade dos grandes predadores. Así debe de ser ese lume de Benarés que fai desaparecer os corpos en escasos minutos envoltos na coreografía das lapas que sempre é quen de nos entreter até mesmo nos facer pasmar cando sentamos diante súa nas lareiras e sentimos como estoupan as piñas e como se queixan os enormes anacos de madeira que nos quentan. Así é o conto da vida e a morte. O tronco morre para podernos quentar...
O pozo.
Nunca houbo pozo na casa miña. Nunca. Por iso os pozos espertaron sempre en min o máis grande dos misterios. É ver un pozo e meter a cabeza para esculcar coma un pasmón no seu interior. Mesmo boto algo, unha pedriña, un anaquiño de madeira, un pouco de cuspe, para que o pozo me devolva unha resposta, porque o pozo sempre a ten, mesmo para as mentes máis desesperadas. O pozo é o camiño para marchar, unha boca da terra co hálito da humidade. Pechar os ollos e deixarse levar. Xa vai!
En Sintra.
En Sintra hai un pozo enorme, xigante, o máis grande que nunca vin, furado nun monte. É na Quinta da Regaleira... E ao pozo, que non ten auga, claro, pódese baixar por unhas escaleiras que parecen facerse interminábeis, sobre todo se se baixa nun día escuro. E é fermoso ver o ceo dende o fondo. Porque ese pozo non é só a boca da terra, senón tamén un ollo que observa o ceo, ou dende o cal o ceo nos observa, que sei eu? E ao remate do pozo, que formaba parte dun enorme ritual iniciático para masóns, no fondo, hai un labirinto no que cómpre levar unha lanterna para se poder un orientar...
Outro pozo.



Aquel que aparece na película da Entrevista co Vampiro, o pozo no que morre aquela monstruosa vampiriña que tiña cariña de nena e era mala coma a peste, encerrada no fondo máis fondo dun pozo escuro no Teatro dos Vampiros até que chega o mediodía e o sol deita os seus raios enriba dela até convertela nunha moreíña de cinzas...
Pozos, piras e labirintos...
Cal é o magnetismo que agachan?
Comentarios (6) - Categoría: Pequenas reflexións case furtivas - Publicado o 21-01-2009 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
6 Comentario(s)
1 E os pozos dos desexos, que supoño que teñen a súa orixe na realidade mesma do concepto de pozo: o que nos dá auga, o que nos dá a vida, que vén#blgtk08# sendo a sucesión dos propios desexos que nós mesmos imos convertendo na propia realidade. O pozo coma fonte, a auga da vida, o desexo de vivir.
Comentario por Eva Lozano (21-01-2009 18:32)
2 Decátaste, Eva, da importancia dos pozos?
Serán quizais os ollos abertos da terra?
Un pozo atrae#blgtk08#. Sempre. para ben e para mal. Non nos deixa impávidos.
E o mesmo acontece cos lumes e cos labirintos.
Comentario por xesusconstela (21-01-2009 18:47)
3 O lume é un mago meigo: fai desaparecer as cousas e atrapa coa súa danza as nosas miradas, quentándonos o corpo e as ideas.
Os labirintos axúdannos a espertar á idea da pro#blgtk08#cura dun camiño, sen deixarnos levar porque si, buscando e dirixindo os nosos pasos cara a unha nova etapa de procura, e así, sen fin, enchemos a roda da vida: quen busca atopa...
Comentario por Eva Lozano (21-01-2009 19:54)
4 É imposíbel non sucumbir á maxia hipnótica do lume. Mais tamén está a parte negativa do asunto: é unha lingua que varre todo canto atopa ao seu paso. Poden converterse nunha forza descontrolada e con moita capacidade destrutora. E que queda despois? Un ronsel de negrume e cinzas. Quédome coa parte máis lírica: a lareira da casa, p#blgtk08#or exemplo, onde a natureza está controlada ao noso antollo. Quen non quedou abraiado ao ver a danza das lapas nunha queimada?
Aos labirintos pásalles igual. Que difícil resulta ver as cousas cando un está perdido no medio! Pero que marabilloso é albiscar a saída!
É verdade iso de que o lume quenta as ideas. Si señor.
Comentario por xesusconstela (21-01-2009 20:50)
5 Aquí estou outra vez. Acabo de escoitar a túa entrevista, gracias á radio á carta da Radio Galega, que che permite escoitar os programas atrasados. É que, sen querer, esquecérame, e hoxe veume á mente o asunto. Xa sentira falar do teu Shakespeare destilado. O ano pasado gañou o premio Francisco Castro, cunha obra tamén moi orixinal, que traducín ao castelán (estamos á espera de que alguén o publique). Xa sabes, se queres póñome co teu. Á verdade é q#blgtk08#ue teño moitas ganas de lelo. Paréceme moi orixinal e encántanme este tipo de obras que retratan personalidades diferentes que fan cousas diferentes. En canto acabe o que teño nas mans poreime con el. A entrevista, demasiado curta, ¿non si? Pero serviu para explicares a novela un chisco e promocionala. Xa está ben, pero que lástima que non che fixesen máis preguntas. Pois nada, Xesús, seguiremos comentando no teu blog. Encántame, coma o do náufrago.
Comentario por Eva Lozano (22-01-2009 19:09)
6 Pois si. unha entrevista demasiado curta e aínda por riba ao remate do programa. É o que hai. Grazas por escoi#blgtk08#tala. Espero que o pases ben co meu Shakespeare destilado. É o mellor que se pode desexar que pase cun libro.
Comentario por xesusconstela (22-01-2009 19:40)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0