Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Marteen van Heemskerck: O faro de Alexandría
Non podo deixar pasar máis tempo sen incluír ao holandés Marteen van Heemskerck (1498?1574) nesta categoría que titulei de "Casa Van Gogh".

Marteen van Heemskerck dedicou parte da súa produción artística a pintar ou a facer gravados das sete marabillas do mundo antigo, entre elas o Faro de Alexandría que vos achego, e que ten unha gran relevancia na miña novela Libro das alquimias (Galaxia, Vigo 2007)

Marteen van Heemskerck mesmo se converteu nun personaxe máis da novela grazas a este gravado.

Velaquí vos achego o momento en que o pintor aparece na vida do protagonista:

Todo no lenzo semellaba tan real que eu non tardara en escoitar o bater das ondas a amasaren aquelas areas tan suaves e tan brancas, e os chíos das gaivotas que proxectaban a ledicia das súas pequenas sombras pola praia.
O pintor suspirara emocionado.
Oíches algunha vez falar de Paul Gauguin, rapaz?...
Volvera baixar a ollada.
Gauguin, Paul. (París 1848- Autona, Illas Marquesas 1903) Pintor. A súa obra representou a superación do impresionismo. Encheu as súas derradeiras obras con todo o colorido das paisaxes e as mulleres de Tahití, cos seus vestidos cheos de flores, os cabelos morenos e os corpos bronceados...
Eu tamén son amante das cores intensas e quero reflectir a quietude do mar. Quero pintar unha homenaxe á serenidade...
Cheo de orgullo e satisfacción, botárase un pouco cara atrás para poder contemplar a pintura en toda a súa plenitude, en todo o seu esplendor, en toda a súa grandeza.
Retrato de home na praia... Velaquí tes o último cadro do Marteen van Heemskerck! Mar-teen-van-Heems-kerck, recalcara con petulancia.


Non imaxinades canto lle debo a este pintor menor que dalqún xeito intentei rescatar dun inmerecido esquecemento e a quen puxen a falar de novo en pleno século XXI, un pintor a quen a miña ficción narrativa levou a retratar a Hypatia de Alexandría:

Tirou do peto da bata un lapis de carbón e púxose a sacarlle punta coa axuda dunha navalla. Logo pintou varios trazos para encaixar o que había de ser unha nova figura humana. O artista non dixo nada de nada en todo este tempo, gran amante como era da solemnidade do silencio. Tampouco non articulamos palabra nin o vello nin eu. Dedicámonos a observar, sentados nas nosas cadeiras, como a súa man adestrada ía debuxando encol do lenzo os primeiros trazos da faciana dunha muller moi atractiva, unha moza de fermoso nariz, de cabelo moreno moi curto, recatado peiteado, e unha absoluta ausencia de enfeites que puidesen disfrazar a cara, apenas dúas diminutas perlas nos lóbulos das orellas e máis nada. A beleza daquel rostro completábase coa franqueza que reflectían dúas pupilas de negro acibeche que transmitían sinceridade e firmeza na ollada.
Unha vez rematado o retrato Marteen van Heemskerck xirou o corpo e dirixiuse ao vello para comezar a recitar o que semellaban ser os versos dun poema coa suavidade da súa voz máis cándida... Rosa vermella, Rosa orgullosa, triste Rosa dos meus días!... que provocaron que ao ancián se lle alumease a cara cunha ledicia desbordada antes de continuar dicindo... Rosa amada e admirada... Rosa dos máis fondos laídos... Rosa da chuvia de bágoas... Rosa das noites de desvelo... resplandecente Rosa dos meus libros... agachada baixo unha toga de punxentes espiñas... coroada de tenruras... de amores... de orgullo... de sabedoría... Hypatia!... miña querida Hypatia!... miña máis fermosa Rosa de Alexandría!...



Velaquí, para rematar, a descrición do gravado que vos achego en Libro das alquimias:

Colgado ao fondo do estudo tamén estaba o cadro do faro de Alexandría, o gravado que estampara alá polo século dezaseis segundo unha vez o vello me contara, aquela illa coa torre enraizada nos seus penedos, co porto do Heptastadium deitado aos seus pés, ateigado de barcos, pletórico de actividade, e coa cidade detrás, adiviñándose alá ao lonxe, na distancia...

Grazas, Marteen van Heemskerck, por todo canto temos viaxado xuntos a través deste gravado!
Comentarios (0) - Categoría: Casa Van Gogh - Publicado o 11-11-2012 14:12
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0