Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Rosalía de Castro: Xan
Hoxe pola mañá tiven o pracer de poder presentar unha conferencia de Francisco Rodríguez para o alumnado do CIFP Carlos Oroza acerca da verdadeira intención da obra de Rosalía de Castro.

Nada máis interesante (e ameno) que escoitar a Francisco Rodríguez falar dun tema (Rosalía e a súa obra) que domina logo de tantos estudos como realizou.

E nada mellor que escoitalo recitar poemas de Rosalía coma o que vos achego (de Follas novas) e cos que conseguiu cativar a rapazada que estaba a escoitalo.

Moitas grazas polas túas palabras, Paco, e moitas grazas por amosares a muller revolucionaria, intelixente e activa que se agacha debaixo de todos os topicazos cos que sempre intentaron agachar as súas verdadeiras dimensión artísticas e ideolóxicas.

XAN

Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por augua,
e vai á misa cos nenos,
e fái o leito i o caldo...
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos que a cada muller
lle conviña un polo menos.
Pero cando un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.

Pepa, a fertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentras seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátalle as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalles millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira se hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros,
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, que agachado
traillo en baixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela xa o espera antre as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
-Por Dios non barulles moito...
que me estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
que esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio...
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio que aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentras os meniños deito.

De bágoas se enchen os ollos,
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, que antre mil,
n'hai máis que un anxo antre os demos,
n'hai máis que un atormentado
antre mil que dan tormentos.
Comentarios (2) - Categoría: De literatura - Publicado o 15-10-2012 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Non a coñecía... #blgtk08#Moi completiña!!
Comentario por Eva Lozano (16-10-2012 10:45)
2 É magnífica. n#blgtk08#on si?
Comentario por Xesús Constela (17-10-2012 12:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0