Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Un mundo aínda ben cativo
O mundo, unha camiñada por beirarrúas de pedra, era para min ben cativo naquel Ferrol de mediados dos anos sesenta (nacín en 1963).

Tan cativo como apenas dúas rúas, de Lugo (antes Pardo Alto) e de Pardo Baixo, polas que viaxaba da man de miña nai, incapaz de me mover pola miña conta.

Era un mundo de ulidos a milleiros...

Mexos de gato na porta dunha casa abandonada na que os animais entraban e saían ao seu antollo, mexos de gato nun tempo en que ese cheiro era habitual.

Mais o paraíso dos arrecendos era unha tenda que había na rúa Pardo baixo administrada por un vello de nome Xesús, coma min, e as súas tres ou catro fillas (non lembro o número exacto).

Esa casa era un pracer para os sentidos: froita e verduras frescas, aceitunas en grandes caixas de lata, sardiñas salgadas moi ben ordenadas dentro de caixas redondas, especias (sobre todo pimentón) en armarios de madeira de onde as collían cunha pa de metal para metela en bolsiñas de papel con debuxos por fóra, pan recén traído do forno, aceite a granel, bacallao colgado en follas por riba do mostrador á beira de xamóns e chourizos que non deixaban de pingar...

Un estoupido de fragancias que ficaron cravadas na miña memoria como a herdanza dun tempo que xa nunca máis ha de volver.

O camiño era sempre o mesmo porque miña nai teimaba en mercar acotío en todas as tendas da zona: Baixabamos as escaleiras da casa (unha inmensidade delas para as miñas pequenas pernas), cruzabamos a rúa de Lugo cara á tenda de María, unha muller que tiña dous fillos xemelgos, para que miña nai fixese a primeira compra. Deseguido camiñabamos pola rúa até a tenda de Mercedes, que tiña unha filla chamada Muñeca (vaia un nome curioso, non si?) onde tiña sempre lugar unha longa conversa coa tendeira para que miña nai se puxese ao día doas aconteceres da zona, e despois a tenda das de Xesús; era tal a presenza daquelas mulleronas fillas do dono que desprazaran a seu propio pai na denominación do negocio... Nada podía haber peor que caer na desgraza de ser obxectivo das súas linguas... Nada podía haber peor que converterse en tema dos seus comentarios...

E logo volta para a casa.

O meu mundo era ben pequeno naqueles meus primeiros anos...

Moi pequeno.


Comentarios (2) - Categoría: Do que estou a falar cando falo de min - Publicado o 19-03-2012 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Moi Pequeno, ou moi grande, depende... Eu lembro os lugares "enormes" (as escolas polas que pasei, as casas que pisei...) e cando as vexo agora escacho coa risa!#blgtk08#!! É tremendo o xeito en que a nosa mente fixa as lembranzas, cunha subxectividade apabullante... Fermosa descripción, Xesús, dun "simple" paseo, moi fermosa...
Comentario por Eva Lozano (19-03-2012 20:03)
2 Eva: que grata sorpresa! Benvida de novo ppr estes lares que teño un pouco abndonados por unha carga de traballo abraiante. E grazas polos teu comentario. É#blgtk08# tan cutre ás veces o presente este que nos toca vivir (falo de socioeconomía) que decidín esculcar nos momentos máis gratos do meu propio pasado. Benvida!
Comentario por Xesús Constela (19-03-2012 20:13)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0