Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Reconstrución do avó Vicente
Apenas gardo memorias dese personaxe que aparece na fotografía que vos achego sentado nunha cadeira de vimbio cigarro en man e comigo no colo na eira da casa de Meirás da que xa vos falei (a do cabaliño de rodas cadradas)

E non gardo memorias del apenas porque morreu cando eu era moi pequeno.

Só sei que vivían (miña avoa e máis el) no primeiro piso da esquina das rúas do Carme e Magdalena en Ferrol, enriba dunha tasca que se chamaba La tribu e enfronte doutra que se chamaba Os Peares, esta última pechada na miña adolescencia e atendida por dous vellos que facían uns bocadillos de xamón abraiantes.

Falo destas dúas tascas porque polo visto eran lugares, especialmente La tribu, moi frecuentados por meu avó, tanto que era máis doado atopalo neles que na súa propia casa. Teño unha certa memoria de entrar en La tribu da man de meu pai e estar alí dentro rodeado de homes que rían as ocorrencias de meu avó, que polo que din era todo un carallán.

Tamén lembro do avó Vicente que me chamaba Parrulo e tamén Parruliño.

E iso gustábame moito.

O resto do que sei do avó Vicente é unha inmensa lenda construída ao seu redor en parte polas cousas que sempre escoitei na casa e en parte pola miña propia imaxinación (quizais sexa o primeiro personaxe que construíu un meniño que co paso dos anos acabaría por ser escritor).

A lenda comeza arredor desta mesma foto que achego, porque por caprichos do destino acabou colgada das paredes das casas dunha boa parte da familia grazas a un cadro en plumilla pintado por meu irmán e fotocopiado unha vez e outra máis. Por algún motivo todos querían telo na casa (e eu tiven a enorme sorte de que meu pai me dese o retrato orixinal). Sen comelo nin bebelo acabei eu tamén colgado nos fogares familiares dunha chea de parentes.

Arredor do avó Vicente todo é lenda:

O avó Vicente aparece nunha fotografía familiar sacada nunha festa camprestre, unha romaría quizais, facendo o pallaso cun babeiro meu colgado no pescozo e cun biberón na man. Non hai ninguén que no se fixe nel.

O meu avó Vicente, moi afeccionado polo visto á bebida, seica logo dunha comida familiar acabou subindo á mesa onde todos estaban sentados para se poñer a bailar.

O avó Vicente tiña un gato que se chamaba Pirulo e que acabou comido polos seus fillos e os amigos nos anos da fame na posguerra.

Nunca chegou a sabelo, desgustado como estaba pola estraña desaparición do gato.

O avó Vicente debeu de pasar a guerra a bordo dun barco e toda a miña vida me dixeron que os canóns que estaban ás portas do Pazo de Capitanía en Ferrol eran precisamente os canóns do seu barco.

Non teño nin idea de se iso é certo ou non.

Tampouco quixen preguntalo nunca, quizais por medo de levar unha labazada de realidade que destruíse unha historia fantástica construída no interior da miña cabeza.

Nesa historia meu avó Vicente é un vello lobo de mar que cruza os océanos do mundo para loitar en guerras mil e para vencer a milleros de inimigos...

Na miña imaxinación meu avó Vicente viaxaba nun barco de grandes canóns na compaña do seu inseparábel gato Pirulo, a quen en ton agarimoso chamaba Parrulo e tamén Parruliño...

Ese foi quizais o primeiro personaxe que construín na miña vida.
Comentarios (4) - Categoría: Do que estou a falar cando falo de min - Publicado o 28-01-2012 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Você transformou a lembrança desta foto numa história encantadora, que com certeza, daria boa#blgtk08#s páginas para lermos!
Un grolo ao avó Vicente, por ter dado asas às suas imaginações!
Comentario por Solange Villamar Couto (28-01-2012 22:04)
2 O avó Vicente é a primeira lenda que recordo na miña vida. para min era unha especie de heroe, o#blgtk08#u unha especie de pallaso, ou todo mesturado, que sei eu? Nunca quixen estropear a lenda. Nunca.
Comentario por Xesús Constela (29-01-2012 11:59)
3 Fermosa lenda a do teu avo Vicente, pero hai algo que non me cadra. Os canóns de capitanía trouxoos meu padriño #blgtk08#nunha singladura moi perigosa por mares de Oceanía (ou iso me contou alguén), pode ser que foran no mesmo barco.
Comentario por E. Carpente (31-01-2012 00:01)
4 A ver se imos #blgtk08#ser parentes!
Comentario por Xesús Constela (31-01-2012 17:44)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0