Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Xurxo Borrazás: A lingua preferida
Unha vez máis o meu amigo Xurxo Borrazás volveu sorprenderme.

Achégovos o manifesto que leu na Festa da Lingua, que tivo lugar en Carballo o pasado sete de maio.

Non queremos unha lingua excelsa, preferímola vulgar. Tampouco a queremos celebrada, preferímola falada. Non a queremos amábel, preferímola impertinente. Non queremos unha lingua fermosa, preferímola útil.
Non queremos unha lingua de escritores, preferímola de mecánicos, de taberneiros, tendeiros, médicos, xuíces e mariscadoras, de xornalistas, de músicos, de albaneis, de travestís, de futbolistas, taxistas e labradores. Non queremos unha lingua de mestres, querémola de estudantes. Non queremos unha lingua baixo os focos, preferímola transparente. Non queremos unha lingua con historia, preferímola con futuro. Non queremos unha lingua ritual, nin virtual nin ideal, preferímola real. Non queremos unha lingua doce, azucrada, na que todo soe ben, preferímola salgada. Non queremos unha lingua de letras, preferímola de ciencias. Non queremos unha lingua de espíritos, preferímola de corpos. Non queremos unha lingua de erotismo, preferímola de sexo. Non queremos unha lingua de xardín francés, preferímola de bosque. Non queremos unha lingua folk, preferímola punk. Non queremos unha lingua limpa, preferímola sucia, chapuzando en todas as pozas. Non queremos unha lingua doméstica, preferímola fóra. A ver esa lingua! Non queremos unha lingua sentada, preferímola a bailar. Non queremos unha lingua de pau, preferímola eléctrica. Non queremos media lingua, preferímola enteira. Non queremos unha lingua nosa, querémola de todos. Non a queremos de confidencias, preferímola de aturuxos. Non a queremos de domingo, preferímola de diario. Non a queremos recibir, querémola dar. Non a queremos discreta e virtuosa, querémola de troula. Non a queremos nos libros, querémola nos contratos. Non queremos lingua de natureza, querémola de fábrica. Non queremos diplomas, aspiramos ao podio. Non queremos cans, queremos vacas. Queremos unha lingua escaladora, ciclista, surfista, fogueteira, moinante, zulú. Non a queremos santa, querémola voraz. Non a queremos excepción, querémola norma. E tampouco a queremos norma, mellor infracción. Querémola feiranta. Non a queremos conmemoración, querémola festa. Ou rutina. Non a queremos grande, querémola nosa. Non a queremos nai, querémola amiga. E senón inimiga, pero sempre enfronte, a escape libre. Querémola en inglés e querémola en verde. Querémola na boca dos nosos adversarios. Querémola deslinguada, montaña rusa. Querémola en google e en yahoo. Queremos lingua Messi, lingua Pelé. Non queremos unha lingua quieta, querémola en marcha e de man en man, coma se nada. Queremos unha lingua a almorzar de hotel, buffet libre, relax total. Queremos mil primaveras máis, mil vendimas logradas, mil nevaradas brancas e mil veráns na area ao sol. Querémola en marcha e non a queremos nada. Preferímola toda.
Comentarios (0) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 10-05-2011 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0