Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

De Corina Porro e Teresa Táboas
Dicíao onte Xornal de Galicia na súa edición impresa:

FRASE DO DÍA
"Táboas fala galego desde que lle deron un cargo como conselleira da Xunta.
Con estas palabras Corina Porro criticou a súa rival pola circunscrición de Pontevedra."


Achego eu catro reflexións logo de dixerir tamaña parvada:

1ª.- O importante é que a señora Táboas fale galego e o defenda, que utilice a lingua con todo o respecto que merece.

2ª.- Descoñezo as circunstancias lingüísticas persoais da señora Táboas e ademais non me importan o máis mínimo. O que verdadeiramente debería de interesar a toda persoa de ben é que a lingua gañe falantes día tras día, teñan a profesión, a idade ou o cargo que teñan.

3ª.- Como pode ser que o partido da señora Porro autodenominado "popular", ande a utilizar como arma arroxadiza algo que dá cohexión ao pobo que di defender e para o que di traballar?
Agora resulta que tamén se une ao carro do ataque á lingua a Asociación de Vítimas do Terrorismo (?) Só faltan a Conferencia Episcopal (A lingua é pecado) e o Foro da Familia.
A demagoxia está servida.
Fagan xogo, señores!

4ª.- Para rematar, unha frase de miña avoa (sabedoría popular): Deus nos dea paciencia e un saco para metela!

Comentarios (6) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 01-02-2009 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Do absurdo da autonomía madrileña
Madrid non é nada sen nós, a periferia. Apenas unha cidade bastante fea, sucia, contaminada e sen personalidade. Nada que ver coas outras capitais europeas. Xa lle gustaría ter a metade dos encantos de Lisboa, a décima parte da beleza de París, Praga, Budapest ou Estocolmo, ou unha cuarta parte dos atractivos de Londres ou Berlín, só por citar algúns exemplos que se me veñen á mente así de súpeto. Habería moitos máis. Por iso é alí, precisamente, onde se cocen as intrigas todas contra os que somos diferentes (Por iso a Rosa Díez e so seus secuaces teñen alí máis predicamento e máis adeptos) Porque Madrid non é nada, nadiña. Por non ter non ten nin acento, nin folclore e houberon inventalo, así que tiraron da manga un deixe estraño ao falar, aspirando eses, e inventaron o chotis, con traxe de chulapa e todo coma se vivisen nunha zarzuela. Non aturan, a cidade e unha boa parte dos seus habitantes, que haxa xente que fala outras linguas e escribe outras literaturas, que canta outras cancións, e que ten outros xeitos de ollar cara a Europa que non pasan nin polo Paseo da Castellana nin pola Gran Vía. Nin sequera poden comprender que non tomemos as uvas de fin de ano ao ritmo que marcan as campanadas doutros reloxos que non sexan o da Porta do Sol (unha das prazas máis feas de España, por certo)
E van e danlle un goberno autónomo por iso do café para todos. De aí vén a liorta que teñen entre eles permanentemente os políticos madrileños (agora son os do PP pero pasaría o mesmo se gobernasen outros). Cando en Madrid alguén bota un peido (desculpas pola escatoloxía) o feito ten repercusión en todo o Estado, ou iso pensan, ou iso intentan. Que Esperanza Aguirre (un personaxe reseso e casposo onde os haxa) espíe aos seus rivais dentro do partido (non menos casposos ca ela, por certo) non é un feito que deba de sorprendernos nin o máis mínimo. Tal é a catadura moral do seu goberno, unha institución da que aínda nunca compendín a existencia. Se xa están alí os Ministerios todos do Goberno Español, se teñen tamén unha Deputación Provincial (coma calquera provincia do Estado) e tamén un Concello (coma calquera outra localidade) para que necesitan ser unha comunidade autónoma? (Por certo con bandeira e himno que foron foito dun concurso, e co mesmo rango, segundo a Constitución, que a ikurriña ou o Himno Galego, por volver poñer dous exemplos) Pois necesitan un goberno autónomo para espiar aos demais, para chuchar da teta dos contribuíntes, para autobombo e para non ser menos que nós, os periféricos. Porque sen nós non serían nada. Nadiña de nada. Apenas unha cidade grisalla e sen personalidade.
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 24-01-2009 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0