Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Isto xa non pode ir peor
Isto xa non pode ir peor:

1º.- O asunto da lingua (as enquisas, a supresión da obrigatoriedade nas oposicións...)

2º.- Os libros de texto no ensino (supresión da gratuidade)

3º.- Feijoo vén de anunciar o seu apoio á piscifactoría de Pescanova en Touriñán! (Vaia unha barbaridade!)

4º.- O conselleiro de cultura concedeu o pasado domingo unha entrevista á Voz de Galicia que pon os pelos de punta (fala, entre outras cousas, de que en galicia hai máis dunha cultura que apoiar. Que medo!)

Suma e sigue.

Isto xa non pode ir peor!

Alguén atopa unha razón para o optimismo?
Comentarios (4) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 22-06-2009 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Da supresión de
Luís Rei Núñez, director do programa da TVG "Libro aberto", no que tiven a honra de participar en dúas ocasións, vén de remitir unha carta na que comunica a supresión do programa por parte dos novos directivos da Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

Mal asunto isto de facer desaparecer programas culturais.

Reproduzo o contido da carta:

Amigos do programa ?Libro aberto?:


Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.

Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como ?Miraxes?, ?Planeta cine?, ?Alalá?, ?Onda curta? ou ?Ben falado!?. De momento, o primeiro que desaparece é ?Libro aberto?, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.

Dado que ese programa de ?Libro aberto? xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.

Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.

Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.

Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, ?Libro aberto? acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.

Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.

Un saúdo afectuoso,


Luís Rei Núñez

Director de ?Libro aberto?
Comentarios (4) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 14-06-2009 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
ENCE fóra da ría de Pontevedra

Coma todos os anos por estas datas a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra convoca unha marcha contra a permanencia da factoría de ENCE (Celulosas) nas nosas costas.

Quero rescatar un texto que escribín para un encontro literario que se celebrou hai xa cinco anos no Teatro Principal de Pontevedra baixo o lema En voz alta pola recuperación da ría e no que participamos un bo número de escritores.

O texto apareceu publicado a semana seguinte ao encontro no periódico A Nosa Terra.

Titúlase A VOZ DA RÍA e di así:

Hoxe non veño falar por min. Non vou contar nada que saíse da mente miña. Quero ser a voz da ría, a voz de todos eses que nunca falan, de todos eses que aturan unha existencia sempre silenciada. Mentiría se dixese que son o autor de tan sequera unha soa destas palabras...
O único que fixen foi achegarme á beiramar un día calquera, a unha praia calquera, tanto ten o nome que lle poñades. Cando estaba a dous ou tres pasos da auga deiteime no chan para poñer a testa con todo coidado a rentes das areas. Quería sentir o corazón do mar, ese que impulsa as ondas no seu xogo co vento, ese latexo que turra das augas para provocar as mareas.
Foi entón cando escoitei a súa voz...
Quen se atreve a dicir que as criaturas do mar non teñen fala, se foron elas quen ditaron todas estas palabras?
Falo polas miñocas que furan na terra incesantemente por debaixo da auga,
Falo polas ameixas, polos caramuxos, polos berberechos, polos mexillóns e polas navallas,
Falo polos xurelos, polas sardiñas, polas sollas, incluso polos muxos, e como non polos polbos, polas luras e polas raias,
Falo polos lumbrigantes e polas nécoras, por todos e cada un dos caranguexos e polas centolas. Quen se atreve a dicir que por seren crustáceos non falan?
Erguín a testa da area sorprendido, un pouco desconcertado, por todas as cousas que contaban.
Chegou entón aos meus ouvidos o chío incesante das gaivotas.
Faláronme do ar, do ar limpo e transparente, de todas e cada unha das súas moléculas.
Quero falar entón por elas, e tamén polos araos, e polos corvos mariños, que manteñen na ría as máis interesantes conversas,
Quero falar polas criaturas que esvaran ceibes pola inmensidade do ceo, por todas, dende as máis grandes até as máis pequerrechas,
Quero falar polas cousas que oín que comentaban entre elas...
Decateime nese intre de que a illa de Tambo andaba a moverse dun lado para outro coa elegancia dunha señora marquesa, debuxando nas montañas a escuridade verde da súa silueta.
Movíase con pudor, case con vergoña, coma alguén que intenta ocultar aquilo que máis o atormenta.
Vogaba lentamente, coa parsimonia dunha vella gamela.
Intentaba agachar coa súa inmensidade a un dragón fedorento de varias chemineas.
Un dragón de varias bocas a botar o bafo irrespirábel dunha halitose inmensa.
Un dragón de boca mal aseada e cheirenta que ten ás criaturas todas sometidas baixo a súa gadoupa porcalleira.
Onde está a cidade, que ninguén pode dar con ela?
Anda quizais adurmiñada, aparvada, atordada, submisa ...
Anda lela ou anda cega?
Preguntáronme indignadas as criaturas todas da ría ese día en que falei con elas, logo de
deitarme na praia para poñer a orella na area.
Onde están as xentes de ben de Pontevedra?
Onde están as xentes todas?, repetían con impaciencia...
Por que non corren a botar abaixo esas noxentas chemineas?
Por que non corren a botar abaixo esas noxentas chemineas?
E xúrovos que eu non escribín nin unha soa de todas estas letras!


ENCE FÓRA DA RÍA XA!
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 13-06-2009 21:28
# Ligazón permanente a este artigo
Da amargura post-electoral
Comparto plenamente as palabras coas que Suso de Toro remata hoxe o seu artigo no xornal El País, que na edición dixital, por certo, non está completo:

"O que queda (tras das eleccións de onte) é un país partido polo medio cunha metade impregnada de amargura. Non é bo para un bo futuro"
Comentarios (0) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 02-03-2009 15:41
# Ligazón permanente a este artigo
Reflexións para a xornada

Reflexións para a xornada:

1º O pobo galego ten tendencia a votar o inimigo.

2º O pobo galego quizais necesitase unha longa e teimuda terapia colectiva para se desfacer do auto-odio e para lle facer subir a autoestima. Para cando comezala?

3º O pobo galego renega de si mesmo de tal xeito que semella estar a se facer o harakiri xa dende os remotos tempos da Idade Media.

4º O pobo galego non merece a predominante mediocridade da clase política que sobrevoa por riba das súas cabezas.

5º O pobo galego leva moitos séculos de maltrato...

A ver que votades mañá!

Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 28-02-2009 12:32
# Ligazón permanente a este artigo
Do lixo electoral
Estamos a vivir unha campaña electoral onde o lixo sobresae por todas partes.

Perante a posibilidade de mesmo comezar (ou continuar?) a se desintegrar como proxecto político en caso de non gañar, o PP intensificou unha campaña de difamación do contrario comezada hai xa varios meses co apoio da prensa máis dereitosa do Estado (La Voz de Galicia, Abc, El Mundo, La Razón...)

Para todos aqueles que teñades dúbidas no intre de irdes votar ou non, ou para aqueles que esteades arrodeados de xente desencantada (ou mesmo esteades desencantados, que motivos non fallan) plantexádevos, por favor, o peor dos escenarios posíbeis: Un PP que recupera o poder con arelas de vinganza.

Pensade na posibilidade de que Corina Porro puidese ser nomeada Conselleira de Cultura.

Votade con sentidiño!

Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 26-02-2009 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
Do entroido
Aquí non somos de nadal.
Poucas tradicións galegas hai asociadas ao nadal.

Pero collede o entroido.
Un estoupido de festa nas rúas e nas casas.
A xente bótase a xantar laconadas, a cociñar orellas, filloas e bandullos. Un frenesí de deliciosas sobremesas.

Disfraz, máscara, pantalla... Todo vale a prol da transgresión.

A muller vólvese home
e o home vólvese muller
O vello viaxa polo mundo dos contos
A nena véstese de lambetada
A prostituta faise monxa
O ladrón garda civil...

O entroido petou á miña porta...
E deixeime levar.
Como non?

Comentarios (5) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 23-02-2009 11:54
# Ligazón permanente a este artigo
Aldea afgana na parroquia de Salcedo, Pontevedra
Por incríbel quer poida parecer o Exército Español está a construír unha "aldea afgana" na parroquia de Salcedo, no Concello de Pontevedra como campo de entrenamento para a intervención militar en Afganistán.

A reconstrución da tal aldea ten todo luxo de detalles: farois, mobiliario urbán, semaforos e mesmo buzóns de correos.

Os veciños de Salcedo opóñense á construción por estar a escasos metros de propiedades privadas e dun monte comunal.

Para máis o Ministero de Defensa ten plans de expropiar unha franxa de terreos arredor do cuartel da Brilat para ampliar 300 metros o seu perímetro de seguridade.

De quen é o monte?
Comentarios (4) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 12-02-2009 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
Do circo electoral
Coincide o comezo desta precampaña electoral co paso do Eurocirco pola cidade de Pontevedra.

Xúntanse, logo, nos farois de estradas e avenidas os cartaces coas fotos dos candidatos e os anuncios do circo.

Tirade as reflexións que queirades que o asunto dá para moito pensar!
Comentarios (3) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 09-02-2009 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Do opus dei
Interesante post de X M Eyré na súa Ferradura en tránsito a raiz dun comentario meu no día de onte. Recoméndovos a súa lectura.
Comentarios (2) - Categoría: De andar pola casa - Publicado o 03-02-2009 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0