Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Boca de Yuma

Todo en Boca de Yuma quere botar a voar.

Comezo por este lugar porque está afastado, moi afastado, das rutas dos turistas.

Comezo por este lugar porque en Boca de Yuma a natureza é unha verdadeira explosión.

Hai mar, o Caribe en todo o seu esplendor.

E hai río, O Yuma, que tingue de cores cobrizas as augas do mar, coma a paleta dun pintor caprichoso e imprevisíbel.

Imprevisíbel é o clima dos trópicos, que de cando en vez sorprende cun ciclón que arrasa todo ao seu paso. Tal aconteceu neste lugar alá polos anos noventa. O vento levantou o nivel do río a unha altura inconcebíbel e perigosa e a auga embravecida arrincou os embarcadoiros dos mariñeiros, que agora deitan as súas lanchas nas sucias areas dunha praia coma se fosen animais a descansar.

A praia está chea de lixo que trouxo o mar.

Todo en Boca de Yuma quere botar a voar.

Cun mariñeiro, e nunha desas barcas, subimos río arriba a alí vimos os restos do embarcadoiro, e tamén a entrada da cova onde se agachaba o pirata Drake cando o perseguían os galeóns españois.

Boca de Yuma é unha sorte de Fisterra dominicana. Non queda camiño de nada, así que a estrada remata alí.

A estrada é precisamente o único asfaltado nunha aldea pobre onde as haxa. Casoupas de madeira de cores que esvaecen e coñeceron momentos mellores. Pobreza, pobreza e pobreza.

Era domingo e as parellas bailaban bachata e merengue no baixo dunha casa en construción á beira do mar, no baixo dunha obra que parece que nunca se vai rematar. En Boca de Yuma non hai diñeiro para nada.

Un altarciño á Virxe da Altagracia, a patrona da República, preside o acantilado dende onde se poden ver mariñeiros a pescar nun día en que o Caribe non está tranquilo. De pé nas lanchas
Desafían a perda de equilibrio que supón a inestabilidade do mar.

En Boca de Yuma todo é inestabilidade, agás a paisaxe, que é firme e fermosa.

Dende a lancha do noso mariñeiro, río arriba, co ruído do motorciño fora borda coma banda sonora, as iguanas contemplan o noso paso, as garcetas protexen os seus niños da chegada dos intrusos, nós, e os pelícanos bótanse a voar.

Todo en Boca de Yuma quere botar a voar.

A aldea coñeceu mellores tempos.

Cando marchamos deixamos atrás o ritmo da música e tamén unha enorme colección de caras que agardan por un tempo mellor, quizais só por agardar.

Todo en Boca de Yuma quere botar a voar.

Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 09-08-2009 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Jet Lag
Xa estou aquí de volta.

Vou agardar unhas horiñas a que me pasen o jet lag e a morriña do Caribe e vou comezar unha nova sección que titularei Anotacións Dominicanas.

Descargarei nela pouquiño a pouco todas as imaxes da República Dominicana que traio na cabeza, que non son poucas. Fareino da man dalgunhas das fotografías que fixemos na viaxe.

Déixovos coa primeira para ir abrindo boca.
Está sacada nun lugar fermosísimo que se chama Boca de Yuma.

Falaremos del.
Comentarios (3) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 09-08-2009 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0