Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Casa de Campo

Na parte alta dos canóns do río Chavón, do que xa vos falei, na marxe dereita da desembocadura, nun lugar privilexiado da costa, esténdese un lugar coñecido co nome de Casa de Campo.

Casa de campo é unha das urbanizacións máis luxosas da República Dominicana (e atrévome a dicir que tamén de Latinoamérica).

Ocupa nada menos que 2.800 ha.!

Ingredientes:

- Un hotel de 794 cuartos repartidos en luxosas casiñas.

- Toda unha colección de mansións de ricos e famosos (Julio Iglesias, Shakira, Juan Luís Guerra (o de que chova café no campo "y que todos los niños oigan ste canto"! manda carallo)...

- Tres campos de golf (incluído un, único no mundo, que inclúe un pequeno arrecife de coral).

- Catorce piscinas.

- Trece pistas de tenis.

- Praias privadas.

- Picadeiro e campos de hípica con maís de 500 cabalos.

- Catro campos de polo

- As instalacións de tiro máis "completas" do mundo (ao branco, foxo, prato, etc.)

- Oito restaurantes de luxo.

- Bares, discotecas, cafeterías, ximnasios, saunas, perruquerías...

Todo un mundo de superluxo ás beiras do mar Caribe!

Un "paraíso" da opulencia en medio da pobreza da que vos veño falando estes días.

A República Dominicana, coma tantos outros países de Latinoamérica non coñecede términos medios: A miseria é miseria de verdade e a opulencia é tamén de verdade. Quen ten moito ten realmente moito e quen non ten nada litearlmente non ten nadiña de nada...

O mundo á así de cabrón.

A imaxe que vos achego é a entrada de propietarios e visitantes, á beira da estrada que une as cidades de Higüey e La Romana. En fronte, por certo hai un aeroporto (só teñen que cruzar a estrada).

Un ou dous quilómetros máis abaixo hai outra entrada para "abastecedores" e pouco máis alá outra para "empregados".

Todo o complexo está roeado de grandes vallas e persoal de seguridade. Non podía ser doutro xeito.

As axencias trísticas, as mesmas, por certo, que agachan a pobreza aos ollos dos turistas, venden excursións para ir ver "casas de famosos".

Que vos parece?
Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 14-08-2009 12:16
# Ligazón permanente a este artigo
Higüey 2
Achégovos unha imaxe da basílica da Altagracia en Higüey para que vexades a que me refería no post anterior cando falaba dun edificio feo e frío.

Polo visto partiu dun concurso internacional gañado por dous arquitectos franceses que descoñezo.

Non quero nin imaxinar o que custou nunha cidade que necesita inversións públicas (e privadas tamén) e a pobreza apálpase en cada recuncho.

"Con la iglesia hemos topado!"
Comentarios (4) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 13-08-2009 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Higüey

Se non fose pola pobreza, Higüey (arredor de cen mil habitantes) sería unha cidade de peregrinación, a Fátima ou a Lourdes da República Dominicana.

En Higüey está a Basílica da Altagracia, un templo moderno, frío (que xa é dicir no Caribe) e feo mírese como se mire. É o único lugar coidado e limpo da cidade, o paraíso da chavola.

Pero Higüey está cheo de xente pola rúa que non sabe que facer, de nenos a pedir esmola...

"Son muy bravos en Higüey", dixéronnos, "tengan mucho cuidado!"

Higüey é unha das cidades do país con maior número de armas de fogo, mesmo ás portas dos establecementos públicos hai sinais de que non se permite a entrada con elas. É tan doado mercar unha pistola na República Dominicana coma nos Estados Unidos.

En Higüey non hai expectativas.

No campo pódense cultivar cousas e comer. Na cidade non.

Pareceume unha cidade triste, Higüey, unha mágoa.

Comentarios (3) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 13-08-2009 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
A guagua de Higüey 2
Este home da fotografía é o cobrador da guagua de Higüey.

A porta da guagua nunca se pecha, en parte pola calor e en parte porque como non hai indicativo ningún no vehículo que diga cara a onde vai ou de onde vén o cobrador ten que ir berrando o destino pola porta a toda canta xente ve polo camiño.

Higüeyyyyy!
Higüeyyyyy!
Higüeyyyyy!

E cando digo a toda canta xente ve polo camiño non me refiro só á que está a gardar nas paradas, senón, literalmente, a toda canta xente ve. Xa eles se encargarán de dicir se queren subir á guagua ou non, se queren ir a Higüey ou ficar onde están.

Levar a porta aberta todo o tempo tamén permite botar unha parolada con algún coñecido que se poda cruzar no percorrido.

Pode levar moito tempo chegar a Higüey!



Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 12-08-2009 12:10
# Ligazón permanente a este artigo
A guagua de Higüey
Un dos principais problemas da República Dominicana é a falla de medios de transporte para poder desprazarse dentro do país, que vai parella, como non, á pobreza na que vive a poboación.

A única vía férrea que existe non está adaptada ao transporte de pasaxeiros. Só se utiliza para levar a cana de azucre ácabada de cortar dende as grandes plantacións do sul até o que se coñece co nome de ingenios, as plantas onde se fai o proceso para a extracción do azucre e a melaza.

Por certo, que así como as plantacións son propiedade do Estado dende a caída da ditadura de Trujillo en 1961 (eran propiedade da súa familia), os ingenios son de participación norteamericana (falaremos deste tema).

Os medios para moverse polo país son o autobús (guagua se é pequeno, voladora se é grande), o coche, o taxi (individual ou colectivo) ou a moto.

As estradas están nun estado de conservación verdadeiramente penoso, polo que cando conduces estás obrigado a ir caneando furados no pavimento de tamaño oceánico. E non esaxero nada.

Non hai apenas sinalizacións, polo que o risco de perderse está presente en todo desprazamento.

En canto ás motos, son un pesadelo maiúsculo. Hainas que son propiedade dos seus condutores e ouras alugadas a xeito de taxis, que se coñecen co nome de conchos, e que poden levar até tres persoas (eu vin unha con catro), por suposto sen casco nin ningunha outra medida de protección, polo que o risco de accidente está servido.

Hai accidenes. Moitos.

E en caso de ter un non hai seguro que valga. Ten que vir necesariamente a policía e levantar acta do que pasou logo, como é de agardar, da discusión entre condutores.

Con estas condicións as comunicacións entre cidades e vilas, entre aldeas e aldeas, é dificultosa e leva horas, polo que cómpre armarse de paciencia (xa se di que no Caribe a présa non existe. E como vai existir?)

Achégovos unha fotografía da guagua que une Bávaro con Higüey, un pequeno autobús no que vos aseguro que non falta a cor local, incluída unha mulleriña que viaxou á miña beira e ía feita pó porque acababan de roubarlle a carteira na parada e nela levaba o diñeiro que gañara no traballo.

Entre Báviaro e Higüey debe de haber así como trinta quilómetros de distancia e maís ou menos unha hora de viaxe!

Comentarios (0) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 12-08-2009 12:01
# Ligazón permanente a este artigo
Río Chavón 2
No río Chavón cruzámonos cunha parella a pescar.

Levaban unha rede tan longa que parecía non ir collerlles na lancha cando a recollesen.

Longa vida aos pescadores do río Chavón!
Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 11-08-2009 13:25
# Ligazón permanente a este artigo
Río Chavón

O río Chavón servíu de escenario na rodaxe de Apocalypse Now e Rambo .

A historia deste río contén pasaxes sumamente interesantes; dende a orixe do seu nome, posíbel corrupción do nome taíno "Bomana", até a súa utilización por coñecidos piratas para agachar tesouros, pasando pola súa utilización dende tempos da colonia para transportar as madeiras preciosas que se cortaban nos bosques das súas beiras.

Desemboca encaixado nun imponente acantilado completamente cuberto de vexetación tropical.

Non coñezo o Amazonas.

Pero imaxínoo coma este río Chavón do sureste da República Dominicana.

Un verdadeiro estoupido de vexetación.

Palmeiras que sobresaen entre unha mesta capa de outras árbores con singulares nomes que nunca chegaremos a coñecer.

E de cando en vez unha garza sobrevoa a lancha na que nos leva Milvio, un pescador de Bayahibe.

Subimos río arriba a suar sen parar pola calor. Por iso hai tanta vexetación: auga e calor en abundancia.

Nada máis fermoso có río Chavón!

Comentarios (1) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 11-08-2009 13:23
# Ligazón permanente a este artigo
Bayahibe 2
Unha fotografía máis para convidarvos a gozar do sabor local.

Hai algo mellor có descanso na sombra ollando a xente pasar?
Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 10-08-2009 18:45
# Ligazón permanente a este artigo
Bayahibe
En Bayahibe caeu o sol enriba do mar.

En Bayahibe a auga non ten cor na beiramar, de tan transparente.

En Bayahibe a praia é o lecer da poboación toda, palmeiras, area branca e unha pelota son as mellores cousas que existen para pasar o tempo.

En Bayahibe os pescadores descansan debaixo das árbores para fuxiren da calor que abafa.

En Bayahibe os cativos agardan as lanchas na praia para limpalas por uns pesos e logo mergullardse dende elas no mar, que a medida que un se afasta da beira vai tomando unhas tonalidades turquesas que abraian.

En Bayahibe o ar sabe a froitas e cheira a peixe fresco.

Bayahibe, fixádevos na fotografía, é o lugar ideal para comezar a soñar, para deixarse levar.


Comentarios (2) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 10-08-2009 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
Boca de Yuma 2
Achégovos unha imaxe da aldea de Boca de Yuma.

Pobreza e miseria.

Todo en Boca de Yuma quere botar a voar!

Comentarios (3) - Categoría: Anotacións dominicanas - Publicado o 09-08-2009 22:40
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0