Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

Xitanos na praia

Foi onte na praia de Laño, en Samieira, moi preto da miña casa.

Estaba na praia unha familia enteira de xitanos.

Os homes ían todos en bañador.

As mulleres estaban vestidas dos pés á cabeza con esas saias negras longas que levan as xitanas.

Homes, nenos e nenas bañáronse todos (A auga estaba realmente boa).

As mulleres ollaban como se bañaban os demais sentadas en cadeiras de praia na beiramar. Nin tocaron a auga a pesares da calor e do boa que estaba!

As mulleres no mundo xitano, coma no árabe, son un cero á esquerda, mesmo na praia, mesmo no tempo de lecer.
Comentarios (7) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 21-07-2009 18:57
# Ligazón permanente a este artigo
Somos clima
Somos clima.

Somos o país rexido polo clima.

Nada do que somos, nada do que pensamos, nada do que planeamos, nada do que votamos está illado do clima.

Sen o clima ninguén poderá comprendernos.

Levamos con nós esa inestabilidade perpetua que caracteriza os nosos ceos.

Hoxe chove coma no inverno e estamos en xullo, e o mesmo pasou nos dous meses anteriores, cando mesmo estivemos baixo a influencia dun temporal cando tiña que facer sol e calor.

E ninguén se atreve a vaticinar nada.

E ninguén se atreve a planear nada, nin esa churrascada que tiña pensado para mañá.

Que tempo irá mañá?

Somos o país da inestablidade.

Quen se atreve a vaticinar o noso futuro?

Fará sol ou choverá?

Quen gañará as vindeiras eleccións?

Quen sabe?

Igual é certo iso de que nunca se sabe se estamos a baixar ou subir unha escaleira.

Quen sabe?
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 16-07-2009 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
Da sesta e a lectura

Máis placeres do verán: a sesta e a lectura.

Amoréanse as horas que lle roubamos ao sono ao longo do ano. O verán é un magnífico momento para recuperalas. Adoro durmir debaixo da pérgola do meu xardín, á beira da hedra e da glicinia. Haberá pracer mellor?

Amoréanse tamén as lecturas pendentes ao longo do inverno. O verán é tamén momento de lectura.

Hoxe tocoulle a Sándor Marái: O derradeiro encontro. Estaba na miña biblioteca dende o mes de febreiro, cando Antón Riveiro Coello me recomendou a súa lectura. Falaremos deste libro magnífico que estou a piques de rematar.

E falaremos de máis praceres do verán...
Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 13-07-2009 16:53
# Ligazón permanente a este artigo
Da subida ao Alto do Seixo
Onte subín cuns amigos ao Alto do Seixo, na Serra do Cando, preto de Cerdedo.

Dende o Alto do Seixo a vista pérdese na inmensidade das montañas e mesmo ao lonxe adivíñase por fin o mar.

O Alto do Seixo é o paraíso dos cabalos e as vacas bravas, e agora tamén dos que fan parapente e dos muíños de enerxia eólica.

No Pico do Alto do Seixo alguén puxo unha cruz de pedra e tamén un altar para dar misa. E enriba do altar un banco de pedra. Oremos pola enerxía eólica? Ora pro nobis Fenosa?

Quen sube ao Alto do Seixo e sinte o vento fresco na faciana sentese libre tamén, coma un cabalo... aínda que só sexa por uns instantes.
Comentarios (3) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 12-07-2009 17:40
# Ligazón permanente a este artigo
A que sabe o verán?
A que sabe o verán?
A churrasco?
A sardiñada?
A sal?
A algas?
A crema para o sol?
A aeroporto?
A cloro de piscina?
A palmeiras?
A guía de viaxe?
A xeado de limón?
A xeado de chocolate?
A pexegos?
A herba recén cortada?
A auga de aspersor?
A aceite de coco?
A gambas grelladas?
A ensaladilla rusa?
A tortilla de patacas?
A pementos de padrón
A mil e unha noites de lecer?
A mil e un lugares cheos de exotismo?
A toalla de praia?
A balsa inflábel?
A cervexa?
A sangría?
A sol?
A campo?
A acampada?
A guitarra?
A amizade?
A fogueira?
A queimada?
A que sabe o verán?
Comentarios (4) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 07-07-2009 21:04
# Ligazón permanente a este artigo
Das Mirandas de Ares

Onte volvín mergullarme no mar que tanto amei de pequeno e de adolescente, no mar que mesmo inspirou poemas de mocidade:

Dende o alto da rocha
quero chamar por ti
para sentir
outra volta
o amor das túas ondas

e temos que falar
noites enteiras
de luceiros que reflictes
de lúas roubadas ao ceo

pero non sei
se darei articulado
nin unha primeira verba...


Falo das Penas Mirandas á entrada da ría de Ares, onde pasei os veráns todos da miña nenez.

Onte camiñei pola costa de novo cara ás miñas illas Mirandas amadas e admiradas, esas dúas velas de navío petrificadas para sempre para lle dicir adeus ao sol do solpor.

Onte mergulleime no mar coa miña filla no mesmo lugar onde era feliz na nenez e procuramos caranguexos agachados debaixo das pedras.

Simplemente os colliamos para acariñalos e devolverllos ao mar.

Onte sentinme feliz outra vez.

Comentarios (2) - Categoría: Diario do verán - Publicado o 05-07-2009 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0