Blog do escritor
Xesús Constela

www.xesusconstela.com

info@xesusconstela.com
 CATEGORÍAS
 CUARTO DOS TRASTES
 SALA PARA VISITAS
 SALA DAS PROCURAS
 SALA DOS BLOGS GALEGOS
 NO FAIADO
 ANTERIORES

A gran festa da lingua
Aconteceu en Santiago o domingo pasado, 18 de outubro.

A cidadanía manifestouse polo idioma.

Foi unha verdadeira festa, unha inxección de optimismo en medio da escuridade que asolaga o mundo da cultura de nós dende aquel infausto primeiro de marzo no que se celebraron as eleccións que gañou Núñez Feijóo.

Encheuse tres veces a Praza da Quintana.

Non collíamos todos os que alí estabamos.

QUEREMOS GALEGO!

Berramos unha vez e outra máis.

Marabillosas foron as palabras e Avelino Pousa Antelo e Xurxo Souto.

Un día marabilloso!
Que haxa moitos máis!
Que a lingua e nós todos ben o merecemos.
Estou convenciodo de que as cousas poden cambiar para ben dentro dun tempo, igual que o pensa o sociólogo Fermín Bouza na entrevista que publica o semanario A Nosa Terra.
Comentarios (7) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 20-10-2009 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Escritores, Académicos e Lingua
Todos de acordo.

Coa lingua non se xoga.

A ver se Núñez Feijoo aprende a lección.

Tocar a lingua do xeito en que o fai, con obscenidade e irreverencia, é tocar a mesma alma de nós todos, o que nos fai ser como somos.

Era hora de que a Academia Galega se definise acerca do xeito en que ese partido no poder por un escano máis no Parlamento está a desfacer o que tanto tempo levou construír con esa alma que teñen de ultradereita.
Comentarios (0) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 07-09-2009 20:10
# Ligazón permanente a este artigo
Unha boa iniciativa de Kalandraka
Benvida sexa a web palabras no ar da Editorial kalandraka para a promoción da lectura e a lingua.

Veña un grolo por eles!
Comentarios (3) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 28-07-2009 11:17
# Ligazón permanente a este artigo
Manifesto da AELG para o 24 de xullo
Mañá, 24 de xullo, perante a estatua de Rosalía de Castro na Alameda de Santiago farase a lectura pública dun manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega para denunciar os pasos arás que se están a dar na protección da materia prima da nosa literatura.

O manifesto contén as seguintes palabras:

"Vimos aquí os que por única ofrenda temos a palabra, para nos acoller na túa mirada xenerosa, aquela que alimenta o noso espírito e pon na nosa voz a verba xusta: a que berra, e protesta, e rebélase, e clama, e chía, e brada, e balborda, mais sen se laiar nin queixar, sen implorar nin pedir nin rogar porque de ti, da túa estirpe, herdamos e aprendemos o azo de nos revirar. Porque revirados estamos contra unha xenreira que naceu en pechos corazóns contra a palabra de noso. Un odio que ameaza con derrubar o edificio que os sécalos ergueron para acubillármonos como pobo e como xente.
Desde a AELG insistimos na importancia que, na Galiza, tivo e ten a literatura. Porque a nosa non é unha literatura xurdida da espontaneidade creativa, das vontades particulares de se expresaren por escrito xentes de pluma feliz: a nosa literatura é, ante todo, unha declaración de intencións. A nosa cultura é unha creación colectiva do pobo, unha ferramenta útil creada por labregos e mariñeiros, por costureiras e boticarios, nas aldeas e nas vilas, unha cultura que logo foi perseguida e condenada a ser identificada e estigmatizada, xunto á lingua que a nomea, como exclusiva das clases desfavorecidas, coa intención de a facer desaparecer definitivamente, e canda ela, o pobo noso e mais a identidade singular que representa."
Comentarios (2) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 23-07-2009 12:47
# Ligazón permanente a este artigo
Da lingua.
Para estrear nova catagoría achégovos un pequeno texto de Xosé Neira Vilas que rescatei da miña biblioteca hoxe que procuraba un texto clásico para ler nun vídeo que vou gravar o vindeiro venres para a páxina web da AELG.

Évos un texto moi acaído para estes tempos tan pouco líricos para o idioma amado de todos nós.

Velaí vai:

"... algunhas cousas cambiaron nos derradeiros oito mil setecentos días. Para ben? Para mal? Analizalo como cómpre non é fariña deste fol. Mais algo podo afirmar: no meu val fálase galego coma daquela; coma no primeiro día desta ringla. Coma nos séculos que seguiron ó erguemento desta vella ponte. Vellos e nenos, mulleres e homes, siguen fideles á lingua dos antergos. Vexo novos rostos, escoito voces novas, todas elas a espresarse na mesma fala. Esta fala que escoitei dende que nacín, e na que me chegaron, a enderezos lonxanos e diversos, centos de cartas do pai e de moitos amigos. A nosa palabra-siño alancando por derriba do ancho mar. Sinto coma se o tempo non tivese rolado e matiño que, a pasares de todas as doenzas, non pode morrer un povo así."

Retomo as súas verbas: NON PODE MORRER UN POVO ASÍ!

Neira Vilas escribiu isto na Habana en agosto do ano 1973.

Veña un grolo por Neira Vilas!

Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 24-06-2009 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
Da maldita enquisa sobre a lingua 2

Cousas que ando a escoitar acerca da maldita enquisa, para que vexades a fiabilidade dos resultados:

- Hai moitos directores e claustros que se negaron a repartir a enquisa entre o seu alumnado. (Veña un grolo por eles)

- Unha nai dunha compañeira da miña filla utilizouna para recoller os excrementos do seu can.

- Moitos pais do meu instituto negáronse en redondo a cumplimentala.

- Sei dun instituto onde a cumplimentaron os rapaces na clase co que lles deu a gana e coa mesma a devolveron (vaia fiabilidade!).

- O PP de Ferrol denuncia que nun colexio o equipo de normalización enviuo unha carta aos pais para falar da lingua (Manda truco! Vaia ousadía! Unha carta!)

- O PP de Lugo denuncia que a Deputación enviou unha carta ás Anpas da provincia falando da riqueza do coñecemento de dúas linguas. (Outro pecado)

Apostamos algo a que o PP sae escaldado desta súa xesta vitoriosa?

Oxalá lle saia o tiro pola culata.

De todos xeitos vendo como funciona o país sonvos un pouco pesimista.
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 17-06-2009 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
Da maldita enquisa sobre a lingua

Hoxe, por vía da miña filla, chegou ás miñas mans a maldita enquisa sobre o galego que se está a enviar a todos os pais que temos fillos escolarizados en idade non universitaria.

Digo maldita enquisa porque realmente me cabreou. E moito.

Cabreoume por mentireira: Póñenlle co título "Consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino non universitario".
Por que non a titularon "Enquisa sobre a doma e castración do Reino de Galicia"? Dende logo sería máis acorde coa realidade.

Cabreoume porque meten a lingua inglesa nunha pregunta na que se pide a opinión sobre a posíbel docencia dalgunha asignatura nese idioma. Cabreoume coma profesor de inglés que son porque coñezo as penurias polas que pasamos os ensinantes de idiomas nos institutos e porque coñezo o escasísimo nivel de competencia do alumnado no uso do idioma. Por que non se consultou aos departamentos de inglés, que igual tiñamos algo que dicir?

Cabreoume porque todo isto da maldita enquisa é unha verdadeira farsa: xa saben o que queren facer (suprimir o galego do ensino, que non disimulen) e agachan as súas intencións detrás duns papeluchos enviados aos pais de calquera maneira. Estannos utilizando descaradamente.

Por certo, que tamén me cabreou moito ver ao presidente da Xunta onte a presidir a procesión do Corpus de Ponteareas. Non era isto un estado laico e aconfesional?

Viva o ateísmo!
Comentarios (8) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 15-06-2009 18:26
# Ligazón permanente a este artigo
Dos que non estaban en Santiago na manifestación
No día de onte, dezasete de maio, mentrs unha boa cantidade de persoas estabamos a nos manifestar en Santiago a prol da lingua, os dirixentes do PSOE, Manuel Vázquez, e do PP, Alberto Núñez Feijoo, estaban a pór coroas de flores en Santiago e Láncara, Lugo, respectivamente.

Así non se constrúe un país. Así o que se constrúe é un tanatorio!

Por certo, que produce arrepío ver que tampoco estaban a manifestarse o presidente da Real Academia Galega,(que compartía con Feijoo o acto institucional de Láncara), o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, que tamén estaba con eles, man a man con Pilar Rojo, presidenta do Parlamento. Hai que controlar as compañas e ter unha pouca de dignidade!

Para colmo, as declaracións de Feijoo: "a cordialidade do galego está por riba de calquera sigla".

Como se pode ser tan hipócrita?

Por certo, que vaia un bo grolo de agarimo para Ramón Piñeiro!
Comentarios (4) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 18-05-2009 17:33
# Ligazón permanente a este artigo
Da manifestación de Santiago
Chovía, ás veces a caldeiros. Pero aínda así eramos moitos. A praza da Quintana encheuse dúas veces. Unha ledicia ver que a xente quere moverse e non está disposta a desandar os poucos pasos avanzados.

Hai trinta anos manifestábame cos meus compañeiros de Instituto polas rúas de Ferrol baixo o lema de Idioma Galego Idioma Oficial.

Hoxe, convocado pola Mesa manifesteime polas rúas de Santiago.

Cantos anos e cantas manifestacións faltarán para conseguir polo menos a metade do que reivindicamos?

Pola lingua!
Polo que somos!
Por nós!
Nin un paso atrás!
Comentarios (2) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 17-05-2009 21:34
# Ligazón permanente a este artigo
A Faes e Galicia Bilingüe
Logo de ler a nova que publica hoxe o Xornal de Galicia queda xa despexada calquera posíbel dúbida sobre a relación entre Galicia Bilingüe e a estrema dereita española.

O peor de todo é que son quen están a gobernarnos!

Que non falte ninguén á manifestación do domingo en Santiago!

Nin un paso atrás!
Comentarios (5) - Categoría: Da lingua de nós - Publicado o 15-05-2009 11:11
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0